SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o arranque da comisión parlamentaria de
debate dun novo modelo de financiamento para fixar a posición do BNG: Galiza
debe presentar unha proposta ambiciosa e desde a confianza no País. “No
debate sobre o novo modelo de financiamento hai que ter ambición de país e
confianza en Galiza, fronte ao discurso falso, pero que as forzas políticas do
centralismo se empeñan en impoñer, da Galiza pobre, da Galiza dependente do
Estado, da Galiza que non ten futuro sen a xenerosidade de fóra, como se os
galegos e as galegas non pagásemos impostos. Con ese punto de partida e con ese
discurso o que se fai é debilitar a Galiza no debate do financiamento”,
argumentou.
Na comisión, que iniciou a ronda de
comparecencias, Pontón ratificou a vontade do BNG de formular propostas para
que Galiza “gañe”, tendo en conta que están en xogo os recursos para afrontar
cuestións de tanta relevancia como sufragar os servizos públicos, a ciencia e
investigación, fortalecer o estado do benestar ou darlle futuro ás novas
xeracións.
A líder nacionalista ratificou que o
Bloque aposta por un concerto económico que lle dea a Galiza a “chave” dos seus
cartos e lle permita decidir e marcar as súas prioridades para, despois, facer
contas co Estado, “sen agravios nin
discriminacións”.
Pero consciente de que a actual maioría
parlamentaria veta esta alternativa, o BNG presentou na comisión propostas que
cando menos si permitan avanzar na soberanía financeira.
“Hai
moita marxe para mellorar en dous ámbitos: nos recursos do sistema e en como se
reparten”, indicou. En relación ao
primeiro asunto e tendo en conta que son as comunidades ás que xestionan a
práctica totalidade dos servizos e das prestacións, -sanidade, educación,
servizos sociais, etc.-, hai que
incrementar o peso dos territorios nestes recursos e nesa dirección o Bloque
pon sobre a mesa medidas concretas.
Ampliar
até o 90% a porcentaxe da cesión do IVE e do IRPF, reclamar a cesión do imposto de sociedades, que tributen aquí as
empresas que teñen actividade produtiva aquí, algunhas mesmo usando recursos
naturais do País e cun gran impacto ambiental, como é o caso das eléctricas
como Iberdrola, Naturgy ou Endesa. E, nesta mesma liña, avanzar nunha
fiscalidade verde para loitar contra a emerxencia climática.
En
relación á cuestión da distribución dos recursos dun modelo de financiamento
futuro, debe terse en conta o custe da prestación do servizo, algo que non se
está cumprindo, alegou Pontón botando man dos datos. De feito, o peso da
poboación axustada de Galiza sobre as CCAA de réxime común caeu do 7,59% de 1999
até un 6,56% de 2020, sen que responda a ningunha lóxica posto que a prestación
de servizos como a sanidade, educación ou a dependencia son precisamente máis
custosos de impartir nun territorio cun alto nivel de dispersión e cunha
poboación moi envellecida.
A
modo de exemplo, a portavoz do Bloque destacou que a prestación sanitaria que
require unha persoa maior de 65 anos triplica a que necesita recibir un usuario
por debaixo desa idade, ou o custe adicional da dispersión nunha Galiza que
concentra case o 15% dos centros de saúde do Estado. Tamén é maior o custe do
servizo de urxencias e do transporte programado e urxente, e o mesmo se podería
aplicar na educación ou na dependencia, cuestións todas que deben terse en
conta no deseño do novo modelo de financiamento autonómico.
E
para iso, o BNG defende un cambio na ponderación de criterios como envellecemento,
que debería pasar do actual 8,5% ao 15%; a dispersión, que apenas computa un
0,6% e debería aumentarse até o 4,2%. Igualmente, defende que se inclúan novas
variables como por exemplo a da emigración, polos custes que implica a
prestación de servizos a residentes no exterior, así como as características
xeográficas e ambientais dun territorio condicionado por 1.200 quilómetros de
costa, ou o feito de ter unha lingua e cultura propias que debe ser obxecto de
mellor atención no financiamento para contribuír a súa plena normalización. Departamento de comunicación