RIANXO | A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a homenaxe do BNG a
Castelao na súa Rianxo natal para destacar a plena actualidade do
legado dunha das personalidades políticas que máis ten contribuído
á defensa de Galiza como nación. “Foi,
é e será un referente, un imprescindible (...), poucos demostraron
tanto amor e tanta entrega a este País”, subliñou, “por iso
honramos a súa memoria e reivindicamos a vixencia do seu
pensamento”.
Un
legado do que o Bloque se sinte orgulloso herdeiro porque, alegou, “a
esencia do BNG é defender
Galiza, e
quero recalcalo porque se ben o mundo de hoxe é outro, hai algo que
non mudou: a necesidade do nacionalismo para darlle futuro ao País,
que precisa como nunca unha forza política coas mans libres para
defender os nosos intereses fronte a un centralismo
cada
vez máis madrileño que
actúa de freo”.
Tamén
agora, recalcou,
“urxe
un proxecto modernizador e vangardista, que pense Galiza en grande,
con ambición e desde a confianza. O BNG, -dixo-, ten ese proxecto
e a capacidade de poñelo en marcha”, priorizando os intereses dos
galegos e das galegas en contraposición ós que practican “a
confrontación estéril ou o servilismo inútil, ambos iguais de
letais, igual de tóxicos”. “A
defensa de Galiza, esa é a esencia do BNG”, recalcou.
Pontón
preguntouse cales serían as estampas que hoxe incluiría Castelao
nun álbum Nós
inspirado
na Galiza de 2022, e aventurou que o lapis creativo do rianxeiro
denunciaría o centralismo económico e político, o espolio dos
recursos naturais, a emigración da xente moza, o declive do sector
industrial, a desesperación dos produtores que soportan prezos por
debaixo de custe ou o retroceso do sector pesqueiro cunha frota cada
vez máis minguada. “Seguro
que o impacto das cotas de pesca lle inspirarían unha estampa non
moi diferente a aquela á que lle puxo por título As
sardiñas volverían se os nosos gobernos quixesen”, destacou.
A
intervención da líder nacionalista tamén incluíu a posición do
BNG en relación á reforma laboral do Goberno de PSOE-Unidas
Podemos, cunha mensaxe contundente e transparente: non participará
nun lavado de cara da reforma do PP, porque a clase traballadora
merece recuperar os dereitos perdidos.
“O
BNG está onde sempre estivo, na defensa da liberdade, da democracia
e dos dereitos dos traballadores e das traballadoras, -subliñou
Pontón-, e para poñer fin á precariedade, ós baixos salarios e á
explotación brutal que é pan de cada día de miles de persoas hai
que derrogar integramente a reforma laboral de 2012”. Neste
sentido, recalcou, “a posición do Bloque está clara: non imos
apoiar un lavado de cara da reforma laboral do PP”.
Liñas vermellas
De
feito, a portavoz nacional indicou cales eran as “liñas vermellas”
que non son outras que a recuperación de dereitos, como a
indemnización de 45 días por ano, os salarios de tramitación nos
despidos improcedentes, a autorización dos EREs desde a
Administración e acabar coa barra libre para despedir. Igualmente,
que se permita negociar melloras nos convenios estatais a nivel
galego ou recuperar os dereitos en materia de clasificación
profesional, salarios e mobilidade que había antes da
contrarreforma.
“Hai
unha maioría que permite a derrogación e a recuperación de
dereitos e o Goberno do
Estado debe
decidir se pacta coa dereita ou cumpre a palabra dada, porque
as urnas falaron e deron unha maioría suficiente para poñer fin a
esa contrarreforma”,
sintetizou.
Sexta onda
En
plena sexta onda e cos contaxios en récord diario, cunha atención
primaria e un persoal sanitario desbordado, Pontón foi moi crítica
coa posición dun
Goberno de Feixóo que, en plena pandemia, reduce o orzamento en
atención primaria, o que roza “a prevaricación”.
“Xa nin disimulan a súa incapacidade e ante o colapso da sanidade
non reforzan con máis medios e recursos, pídenlle a cidadanía que
se auto diagnostique. Que será o seguinte, facernos na casa as
analíticas?”, interpelou tras denunciar o empeño en “desmantelar”
a sanidade pública para
favorecer á privada, “como fai o PP, pero terán ao BNG en fronte
porque é un atentado contra a saúde da cidadanía”.
A
líder nacionalista concluíu a súa intervención convidando a
traballar co obxectivo de abrir un tempo novo en Galiza cun BNG
liderando o Goberno do
País.
“Un reto
que require de toda a humildade, intelixencia colectiva e ambición
para ampliar a base social do nacionalismo, para sumar a cada vez
máis cidadanía que ve no Bloque un proxecto gañador capaz de
disputarlle a hexemonía e
Presidencia da Xunta ao
PP”.
O reto de lideerar o goberno
Un
reto que pasa por “dar un gran salto adiante” nas eleccións
locais aproveitando a fortaleza dos gobernos municipais, destacou no
acto no que tamén participou o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e
a portavoz local, Mercedes Pimentel.
“Temos
un proxecto que nace da ambición e da confianza no País para
construír unha Galiza máis xusta, con servizos públicos fortes e
con benestar social; que sexa vangarda en ciencia e coñecemento; en
primeira liña na loita contra a emerxencia climática, con
oportunidades para a xente moza, unha Galiza feminista e
igualitaria”, salientou, “é para conseguila seguiremos o exemplo
de Castelao e dos
homes e mulleres que coma el soñaron unha Galiza en grande e dona do
seu futuro, e nunca deixaron de loitar para facela realidade”,
concluíu. Departamento de comunicación