MADRID | O BNG vén de rexistrar no Congreso
iniciativas para que o Goberno do Estado permita compatibilizar a prestación
por xubilación das Clases Pasivas do Estado co exercicio dunha actividade- por
conta propia ou allea- que dea lugar á inclusión do seu titular en calquera
réxime público da Seguranza Social. Esta compatibilidade aplicaríase a todas as
persoas xubiladas, non soamente aos xubilados con máis de 65 anos, e mesmo que
accedan a unha porcentaxe aplicábel para determinar a contía da pensión de cen
por cen.
A reclamación de permitir compatibilizar a actividade de creación artística
coa pensión de xubilación levaba anos encima da mesa e, finalmente en 2019 fíxose
posíbel, coa súa inclusión tamén nos Orzamentos do Estado. Porén, en moitos
casos, a actividade de creación artística que se realiza de maneira habitual
para medios de comunicación escritos- tanto en papel como dixitais- non supón só
o pagamento de dereitos de autor, ou colaboracións puntuais, senón que exixen
ben un contrato laboral ou ben a incorporación ao Réxime Especial de
Traballadores Autónomos, para poder recibir a remuneración correspondente ao
seu traballo.
Así, a regulación introducida en 2013 permite compatibilizar o exercicio
dunha actividade por conta propia ou allea, que de lugar á inclusión do seu
titular en calquera réxime público de Seguranza social, pasando a ser a contía
da pensión equivalente ao cincuenta por cento do importe resultante no
recoñecemento inicial. Mais para acceder a esta compatibilidade, a normativa actual
exixe o cumprimento de dous requisitos: o primeiro, que a idade de acceso á
pensión de xubilación ou retiro debe ser, cando menos, a estabelecida como
idade de xubilación forzosa; e, segundo, que a porcentaxe aplicábel para determinar
a contía da pensión debe ser de cen por cen.
“É dicir, só poderán acollerse a esta variante quen proveña da xubilación
ordinaria e á idade ordinaria ademais, ou ben quen proveña da xubilación
atrasada e incentivada; non así da anticipada e penalizada” denuncia o deputado
do BNG. É, pois, aplicábel exclusivamente aos que se xubilaran con máis de 65
anos, ou de 65 anos e algúns meses, “en función da carreira de cotización
acreditada e que gocen dunha xubilación total por importe igual ou superior a
100% da base reguladora, é dicir, pensionistas cunha larguísima carreira de
cotización, de 35 ou máis anos”.
Esta diferenciación, para o deputado nacionalista, é unha “verdadeira inxustiza”
posto que penaliza a aqueles que, acolléndose ao seu dereito de xubilación
anticipada, manteñen ou deciden iniciar “unha actividade complementaria” que exixe
a inclusión nun dos réximes da Seguranza Social. É ademais, inxusto pois “esa
limitación non se levanta unha vez que o pensionista alcance efectivamente os
sesenta e cinco anos, ou a idade correspondente para a xubilación forzosa, con
independencia da idade que tiña ao acceder á prestación ou da súa base de
cotización”.
Rego apunta que o executivo estatal ten que revisar a normativa que regula
esta compatibilidade para garantir que todas as persoas xubiladas que queiran,
poidan compatibilizar a xubilación con outro tipo de actividade como as
anteriormente comentadas. “Non soamente os xubilados con máis de 65 anos e co cen
por cen” explica Rego. De non facelo, esta “diferenza de tratamento supón unha
discriminación flagrante” por non permitir a posibilidade de compatibilizar
pensión e traballo. Departamento de comunicación