SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
portavoz nacional, Ana Pontón, levou o colapso da atención primaria á sesión de
control e deixou claro que non é froito da casualidade senón o resultado da
“folla de ruta ideolóxica” de Feixóo: “recortar e privatizar a sanidade pública
en beneficio da privada”, que aplica desde a súa chegada ao Goberno da Xunta.
“Vou ler unhas declaracións e dígame se
lle resultan familiares”, interpelou a líder do BNG ao xefe do Executivo: “A xestión da sanidade adoece dunhas
rixideces propias dunha oficina administrativa polo que, o que non sexa núcleo
duro do sistema, se pode experimentar
con instrumentos de xestión privada. Lembra esta declaración? Porque é súa,
21 de maio de 2012, almorzo informativo en Madrid tras o que deixa este
titular: Feixóo abre a porta a privatizar
no que non sexa o núcleo duro do sistema e propón experimentar coa presenza do
sector privado no resto do sistema sanitario”.
E “vaia se experimentou, experimentos
que está pagando a cidadanía coa súa saúde”, denunciou Pontón, quen tirou de
hemeroteca para evidenciar que os problemas de falta de medios, precariedade e
listas de espera, pasando pola saturación das urxencias e o colapso da atención
primaria viñan de moito antes da pandemia, e son a consecuencia de dez anos de
recortes e privatizacións.
“Vostede é Feixóo o privatizador da
sanidade pública e un risco para a saúde dos galegos e das galegas”, subliñou
ante un presidente da Xunta empeñado en presumir de datos. “Vaia co seu novo
coche oficial a un centro de saúde a dicirlle tanto ós profesionais como ós
doentes que a sanidade pública, que a atención primaria está mellor que nunca,
vaia ante as persoa que teñen que esperar até dúas semanas para ter consulta
presencial coa súa médica de cabeceira a dicirlles que a situación está mellor
que nunca”.
A líder nacionalista puxo o foco na
precariedade laboral que vive o persoal sanitario. “Fáltalle ao respecto os e
as profesionais da sanidade cando por exemplo a unha enfermeira do Hospital de
Ourense lle fan asinar 34 contratos en dous meses, con 28 contratos dun día de duración;
fáltalle ao respecto o persoal sanitario e á cidadanía cando ten os centros de
saúde con menos profesionais dos que necesitan ou cando destina a atención
primaria un orzamento que é menos da metade do que recomenda a OMS”,
argumentou.
Pontón fixou citou as denuncias máis
recentes dos profesionais da sanidade como o mellor resumo da dramática
situación dos centros de saúde: “A atención primaria está desbordada e
estánsenos escapando outras doenzas”, noutras palabras, denúnciase que hai
persoas que non están sendo diagnosticados co que iso implica de deterioro para
a súa saúde, alertou.
“Sóbralle soberbia e fáltanlle solucións
señor Feixóo”, recriminou Pontón, “e antes de saír pola porta do Parlamento
hoxe debería anunciar un plan de reforzo da atención primaria, debería anunciar
que recupera as xerencias en atención primaria e debería anunciar que vai tomar
medidas contra a precariedade do persoal sanitario. Pero non vai facer nada
disto, porque é vostede Feixóo o privatizador da sanidade pública”, concluíu. Departamento de comunicación