El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

REFORMA LABORAL

Declaración conxunta de BNG, ERC, EH Bildu e CUP para a recuperación de dereitos na Reforma Laboral

27-01-2022 11:21:15
BNG, ERC, EH Bildu e CUP.

MADRID | As propostas que a continuación detallamos as forzas políticas que subscribimos esta declaración constitúen as cuestións básicas e prioritarias que, consideramos, debería incluír a Reforma Laboral aprobada polo Goberno para responder á demanda social maioritaria de ampliar os dereitos laborais dos e as traballadoras. 

Valoramos certos aspectos e medidas que a Reforma Laboral contempla en relación a dúas cuestións como son a temporalidade e a precariedade, cuestións importantes do mercado laboral que compartimos deben ser corrixidos. Pero igualmente consideramos que as medidas contempladas nestes campos son totalmente insuficientes para alcanzar o obxectivo de restituír os dereitos laborais básicos arrebatados mediante a reforma laboral do 2012. 

Así, podemos aseverar que esta Reforma Laboral a debate nestes días, non constitúe a derrogación da Reforma Laboral do 2012. É por iso que consideramos que a nova lexislación laboral debe abarcar os aspectos troncais que quedaron excluídos da mesma, dotándoa de instrumentos e medidas que revertan as políticas que desde o 2012 supuxeron un desequilibrio nas relacións laborais e unha diminución na seguridade e protección laboral dos e as traballadoras.

O noso obxectivo é transformar o mercado de traballo cara a un novo marco realmente garantista e respectuoso cos dereitos laborais dos e as traballadoras do estado así como coa realidade socioeconómica e sindical das nacións que o compoñen. 

Mostramos a nosa absoluta e sincera vontade para abrir un proceso de diálogo e negociación co Goberno e as forzas que o compoñen, co fin de alcanzar un acordo que permita aprobar unha Reforma Laboral ambiciosa, que dea resposta ás peticións e expectativas das persoas traballadoras e cumpra coa palabra dada á maioría traballadora. 

Consideramos que as propostas que trasladamos contaron e contan co respaldo das maiorías sociais dos pobos do Estado e tamén pode contar -se os partidos do Goberno están dispostos a iso- cunha ampla maioría no Congreso dos Deputados, co concurso das forzas soberanistas e de esquerda, polo que a súa inclusión na nova norma e, en consecuencia, a súa integración na Reforma Laboral depende unicamente da disposición e vontade política do 
Solicitamos ao Goberno e aos partidos que o compoñen, PSOE e Unidas Podemos, o apoio á tramitación da Real Decreto Lei 32/2021 como Proxecto de Lei, adquirindo un compromiso para dialogar, negociar e modificar a Reforma Laboral permitindo, mediante a inclusión de novas medidas acordadas, a recuperación dos dereitos laborais pendentes na norma proposta.


Propostas para a súa inclusión na Reforma Laboral

1.  Recuperarase e establecerá a prevalencia e prioridade aplicativa dos acordos e convenios colectivos provinciais e autonómicos, así como a blindaxe xurídica dos Acordos Interprofesionais autonómicos onde efectivamente estes existan. Recoñeceranse e blindarán así os marcos laborais propios dos diferentes territorios e os acordos e convenios colectivos neles alcanzados.

2. Recuperarase a necesaria autorización administrativa da autoridade laboral no control dos despedimentos colectivos a través dos Expedientes de Regulación de Emprego, recuperando para iso as causas obxectivas previas á Reforma Laboral do 2012.

3. Especificaranse medidas para atallar a precariedade e as posibilidades de descolgue salarial, centrada nunha revisión e modificación das causas e procedementos do despedimento, así como dos procesos de modificación substancial das condicións de traballo baixo as causas de “perdas” previstas actualmente. Así mesmo, o descolgue das condicións laborais e salariais baseado en causas xustificadas deberá quedar condicionada ao acordo coa representación sindical.

4. Recuperarase a indemnización por despedimento improcedente, incrementando a súa contía aos 45 días por ano traballado ata un máximo de 42 mensualidades para os despedimentos declarados improcedentes. Así mesmo recuperaranse os salarios de tramitación.  

5. Recuperarase a prioridade  aplicativa dos convenios sectoriais sobre os de empresa. Aos convenios de empresa corresponderalles a función de adecuación e mellora das condicións fixadas nos convenios colectivos sectoriais, que constituirán o chan mínimo das condicións en todas as empresas do sector.

6. Restauraranse as limitacións das empresas para a mobilidade xeográfica colectiva e recuperarase a necesidade de acordo para a regulación da xornada.

7. Incluiranse propostas orientadas á reordenación do tempo de traballo e a redución da xornada laboral, para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal así como a repartición do emprego e o traballo, desde a perspectiva da transformación cara a un novo modelo de relacións laborais en consonancia coa transición enerxética, dixital e demográfica. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias