MADRID | O deputado
do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén unha reunión coas entidades académicas,
do sector audiovisual e da defensa da lingua galega para falar sobre o Proxecto
de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual aprobado polo Goberno de coalición.
Todas as organizacións coinciden no escaso recoñecemento práctico da
diversidade cultural e lingüística para as que non se garante unhas condicións
mínimas de equidade. O deputado nacionalista comprométese a presentar emendas e
así incorporar no texto a pluralidade lingüística como principio básico e que
este texto poida ser a oportunidade para “o recoñecemento real, a difusión e o
impulso da diversidade cultural e lingüística no audiovisual”.
A Mesa, AGAG, AGAPI,
AGPTI, Crea, o Grupo de Estudos Audiovisuais e APRADOGA convocaron ao deputado
do BNG no Congreso para manter unha xuntanza e abordar os cambios que imprescindíbeis
no novo Proxecto de Lei para garantir os dereitos lingüísticos. Todas as
organizacións subliñaron a gran importancia que ten a lingua galega como “maior
obra colectiva do pobo galego” e o audiovisual como “un sector estratéxico con
gran capacidade para contribuír no desenvolvemento lingüístico, cultural e
económico” do País.
Entenden que este
texto lexislativo pode ser unha oportunidade para o recoñecemento real da
diversidade lingüística do Estado español e para o seu impulso. Tal e como
puxeron de manifesto as distintas organizacións que fan parte desta iniciativa,
“o texto proposto polo Goberno é moi tímido no recoñecemento práctico da
diversidade cultural e lingüística para as que non garante condicións mínimas
de equidade no financiamento anticipado, na dobraxe, a lexendaxe, interfaces,
webs e audiodescricións” enumera o deputado do BNG.
Por este motivo, o
BNG reafirma o seu compromiso de presentar as emendas precisas para que se
recoñeza “a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e
porcentaxes mínimas en galego e castelán”. Medidas concretas para garantir e
impulsar o galego e o resto de linguas oficiais distintas do español, así como
o estabelecemento dun mínimo de cota de programación e catálogo nestas mesmas.
“A isto hai que
engadirlle unha cota de financiamento anticipado de producións europeas,
elevando a 20% e unha cota de financiamento para producións en linguas oficiais
propias estabelecendo un mínimo para elas” indica o deputado do BNG. Rego tamén
sinala que tanto os servizos de comunicación audiovisual lineais como a
petición deben estar obrigados a cumprir estas cotas.
Alén do máis, a
formación nacionalista comprométese a rexistrar emendas para descentralizar os
centros de referencia recollidos na normativa. “Non é razoábel que un centro
estatal sexa a referencia para todas, por iso presentaremos emendas para que os
territorios con lingua propia poidan crear este organismo propio e asegurar a
calidade lingüística” explica Néstor Rego.
“Incidiremos na
necesidade de axustar á realidade a definición de produtor independente, tal e
como nos trasladan as entidades do audiovisual, así como o respecto pola
normativa vixente de propiedade intelectual e dereitos de autor” subliña o
deputado nacionalista. Para rematar, avanza emendas sobre os arquivos
históricos audiovisuais e sonoros. “Queremos que o servizo público de
comunicación audiovisual da Galiza vele pola conservación dos arquivos e regule
o acceso aos materiais audiovisuais e sonoros de conformidade co disposto no
seu mandato-marco” conclúe Rego. Departamento de comunicación