MADRID | O Bloque Nacionalista Galego
reclama ao Goberno do Estado comunicar de inmediato ao sector pesqueiro
afectado as cotas CITES para 2022 e despexar a incerteza actual sobre o marraxo
capturado legalmente en 2021 pendente de certificación. Demanda ao executivo
que confirme por escrito ao sector que existe coordinación entre o Ministerio
de Agricultura, Pesa e Alimentación e o MITECO para a xestión das cotas de
2022.
Após a aprobación por unanimidade
no Parlamento de Galiza, a iniciativa da deputada do BNG, Rosana Pérez, dunha
Proposición Non de Lei en Comisión, a organización nacionalista rexistra na
cámara baixa do Estado iniciativas neste mesmo sentido e insta ao Goberno a
facer cumprir o acordo. A prohibición en 2019 da comercialización do marraxo
provocou que, na práctica, se puidese capturar a especie mais non
comercializala. Esta normativa afectaba e continúa afectando ao Atlántico Norte
mais no Pacífico, Índico e no Atlántico Sur non se estabelecen límites.
“A descoordinación e a nula
xestión do executivo español continúa mantendo a actividade do sector
bloqueada. Estamos a febreiro e continúa sen publicar a cantidade de toneladas-
as cotas CITES- que deberían estar publicadas desde o 1 de xaneiro. Tampouco se
estabeleceu a operativa administrativa para expedir os certificados, cuxa
xestión foi trasladada do Ministerio de Comercio ao Ministerio de Transición
Ecolóxica” denuncia o deputado do BNG, Néstor Rego.
A situación- que a formación
nacionalista cualifica de “anormal e extremadamente gravosa”- repercute
negativamente na frota pesqueira galega. Só nos primeiros quince días de 2022,
o sector estimou unhas perdas a redor de 2 millóns de euros. “Débese ao atraso
e a falta de solucións inmediatas por parte do Goberno do Estado que están a
pór en risco a viabilidade das súas empresas” subliña Rego. O deputado explicou
que o cambio de competencias, en mans primeiro do Ministerio de Comercio – que
expedía os certificados previa autorización do MITECO, que determinaba a cota
autorizada- ao de Transición Ecolóxica.
“Isto veu a agravar aínda máis a
situación xa que agora intervén outro organismo máis, o CSIC, que fixa os
límites previa expedicións das autorizacións” enfatiza o deputado nacionalista.
Para a formación nacionalista non deixa de ser “unha maraña burocrática” en que
o Ministerio de Pesca só mantén a súa función de autorizar as capturas seguindo
as recomendacións da ORP correspondente.
A pesar da reiteración e a
desesperación dun sector que abarca 120 buques e máis de 850 tripulantes, a día
de hoxe, a situación aínda non variou e desde o pasado 1 de xaneiro, e os
barcos ven retidas todas as súas
capturas de marraxo até que se lles
informe das cotas, porén, nos portos do Estado español, outras frotas
comunitarias teñen xa a descarga e comercialización desta mesma especie. “Hai
que comunicar de inmediato as cotas CITES para 2022 ao sector pesqueiro
afectado e mesmo confirmar por escrito ao sector que existe coordinación entre
o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio para a
Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico- que debe ser recoñecida expresamente
por ambas as partes- na xestión das cotas e uso dos certificados” afirma Rego.
Con todo, a organización
nacionalista reivindica despexar
definitivamente a incerteza actual sobre se as cantidades de marraxo capturado
legalmente no ano 2021 en proceso de estar en depósito aduaneiro, así como as
que xa o están, e que continúan pendentes de certificación, poderán facelo con cargo
ás cotas de 2022. Departamento de comunicación