SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao Goberno do Estado e da
Xunta a adopción inmediata de medidas para evitar o colapso de
sectores claves da economía galega, -agrogandeiro,
pesqueiro, industrial e mesmo a distribución alimentaria-, poñendo
en risco miles de postos de traballo.
Para
a líder do BNG, á espiral inflacionista únese unha folga do
transporte convocada pola denominada Plataforma
en defensa do transporte,
que moitas fontes consideran minoritaria e vinculada a extrema
dereita, pero cuxas mobilizacións están impedindo o normal
funcionamento doutros sectores, mesmo con risco de verse paralizados
por falta de subministro de bens e materias primas ou pola
incapacidade para distribuír os produtos agrarios, leiteiros,
pesqueiros ou industriais.
“En
Galiza xa temos a moitas explotacións ao límite, temos moitos
barcos amarrados, temos toneladas de leite e de peixe que se están
tirando ante a imposibilidade de distribuírse, empeza a haber
problemas de abastecemento nos supermercados, e temos un goteo
continuo de industrias que anuncian que paran a produción. Todo isto
supón poñer en risco moitos postos de traballo. E mentres isto
pasa, pregúntome, igual que moitos galegos e galegas, onde está
Feixóo? Como é posible que coa que está caendo, no medio desta
crise, teñamos un presidente ausente que sigue de campaña electoral
do PP”, interpela Pontón.
A
líder do Bloque reclama ó Goberno central e á Xunta que “adopten
de inmediato as medidas que permitan paliar a crise de prezos, en
particular nos sectores cuxa actividade está ameazada pola escalada
da electricidade, do gas e dos carburantes. Nin o Executivo de
Sánchez pode seguir sin facer nada, mirando para Bruxelas; nin o
Executivo de Feixóo pode seguir botando balóns fora, poñéndose de
perfil e buscando culpables en lugar de aportar solucións”, alega.
Pontón
considera que, máis alá da lexitimidade do colectivo que está
detrás da folga do transporte, a realidade é que os problemas que
denuncian existen, como a carestía dos carburantes ou da factura
enerxética, problemas que debe ser abordados de inmediato.
Entre
as propostas que formula o BNG, avanzadas pola portavoz nacional e
que serán debatidas no Parlamento, que se cumpra a Lei
da cadea alimentaria
e se impida a venda a perdas no sector agrogandeiro, a compra pública
de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables; fixar un
prezo máximo para a electricidade no sector primario e axudas
extraordinarias ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se
coñece como axudas mínimis,
ás que non superan os 200.000 €, en forma de subvencións,
préstamos ou deducións. Tamén
no paquete de medidas destinadas ao sector primario, manter as
bonificacións ao combustible da frota pesqueira.
En
relación ós carburantes, o Bloque demanda que o Estado garanta o
prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da subida de
prezos; a rebaixa de xeito temporal dos impostos á gasolina e
gasóleo, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, e
reducir as peaxes en todas as autoestradas sexan de competencia
estatal ou autonómica.
Igualmente,
o BNG solicitou a comparecencia urxente do presidente da Xunta no
próximo pleno do Parlamento, co obxectivo de que explique as medidas
do Goberno do PP ante a crise de prezos que está poñendo contra as
cordas ás familias, ás empresas e provocando a paralización de
sectores claves.
“Os
gobernos teñen que tomar decisións e que se publiquen no BOE e no
DOG de inmediato, precísanse medidas e precísanse xa porque estamos
nunha crise de prezos que se suma á crise derivada da pandemia. Os
dous gobernos deben tomar medidas de choque utilizando os recursos
que teñen para apoiar a quen máis o necesita, para evitar que
pechen empresas, explotacións agrarias, que amarren máis barcos e
que iso supoña a destrución de emprego”, recalcou. Departamento de comunicación