El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

USC

Crean un novidoso mecanismo co que transportar substancias bioactivas ao interior das células sen danar a súa membrana

23-03-2022 17:01:00
O grupo de investigación de Javier Montenegro.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O equipo do científico Javier Montenegro no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) traballa nun novidoso mecanismo para levar substancias bioactivas ao interior da célula. Froito da colaboración coa  Jacobs  University de Bremen, en Alemaña, o artigo que acaba de publicar a revista Nature, explica como este mecanismo utiliza compostos de boro con propiedades supercaotrópicas, aquelas que permiten desordenar as moléculas de auga e deshidratar así a carga transportada para poder atravesar a membrana celular. Deste xeito, faise fronte ao reto de introducir na célula moléculas que sexan solubles en auga, pois a membrana celular supón unha barreira  semipermeable que este tipo de substancias non poden atravesar facilmente.

En concreto, os novos portadores son agrupacións industriais de boro con forma esférica, carga negativa e unha excelente solubilidade na auga. Como explica persoal investigador implicado no estudo, esta nova estratexia serve para administrar con grande eficiencia unha ampla variedade de substancias bioactivas, dende pequenas moléculas a péptidos de maior tamaño. “Temos identificado unha clase completamente nova de vehículos que poderían ser utilizados para levar distintos fármacos ao interior das células”, aclara o investigador do CiQUS. 

Ata o de agora, o persoal científico ten empregado distintos vehículos artificiais como  polímeros, lípidos e algúns tipos de  péptidos que conseguen levar a súa carga ao interior celular con éxito. Todos estes portadores tiveron unha estrutura anfifílica, o que lles permite enmascarar de maneira transitoria a súa carga nun envoltorio  hidrófobo para abrirse paso a través da membrana lipídica. Pero esta estratexia ten as súas limitacións: en ocasións, este mesmo comportamento pode danar a membrana, e noutros casos os compostos  anfifílicos mostran pouca solubilidade, o que pode limitar a súa efectividade. As novas achegas do CiQUS poderían ser claves para paliar estas eivas. 


Transportar fármacos  

Os investigadores conseguiron levar diferentes cargos  hidrofílicos ao interior das células, incluíndo a  faloidina —unha molécula empregada habitualmente como marcador  bioquímico do  citoesqueleto— ata o  citosol no interior das células, e tinguir deste xeito o esqueleto  intracelular de distintos tipos de células. “Os  anións  supercaotrópicos son unha nova ferramenta, totalmente diferente ás que había ata a data, para poder  internalizar substancias  hidrófilas na célula cuxo potencial acaba de empezar a explorarse” explica  Guilia  Salluce, doutoranda no grupo do  profesor Montenegro que figura como primeira coautora do estudo. 

Pola súa parte, o grupo que dirixe Werner Nau na Jacobs  University estuda o comportamento das agrupacións industriais de boro en modelos de membranas baseados en vesículas artificiais. As agrupacións industriais de boro substituídas con grupos de bromo presentaron un equilibrio caotrópico idóneo para conseguir transportar substancias a través da membrana sen causarlle danos. Estes compostos interactúan coas  moléculas para transportar dunha maneira totalmente nova, sen necesidade de agregarse a ela ou ter que encapsulala. “Os novos vehículos teñen unhas propiedades de transporte moi particulares” comenta Andrea Barba-Bon, investigadora do equipo alemán e tamén primeira coautora do estudo. “A diferenza dos tradicionais compostos anfifílicos, a orde en que se engaden os clústeres e as moléculas que queremos transportar ás  vesículas, ou mesmo o tipo de membrana, teñen un efecto mínimo sobre a súa efectividade”, conclúe. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias