El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

REFORMA FISCAL

O BNG propón unha reforma fiscal para garantir a progresividade real e a xustiza social

07-04-2022 11:54:17
Néstor Rego, deputado do BNG.

MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra para o seu debate no pleno do Congreso iniciativas para o impulso de medidas xustas e urxentes para combater as consecuencias da escalada de prezos na economía da Galiza. A frente nacionalista reclama impulsar unha reforma fiscal para dotar de verdadeira progresividade o sistema tributario, a comezar polo IRPF para aliviar as carga impositiva das persoas máis vulnerábeis. Neste sentido, propón tamén que, mentres dure a situación de inflación, se aplique a deflación da tarifa do IRPF, tanto autonómica como estatal, para que a tributación sexa sobre os rendementos reais, así como tamén, modificar a normativa que regula as dietas de locomoción aumentando as contías límite de gasto, elevándoas, cando menos, até 0,30 euros.

O empobrecemento da sociedade debido á subida exponencial da inflación é un problema político e social de primeira orde. O BNG considera urxente actuar e pór en marcha medidas en beneficio das maiorías socias, por este motivo propuxo xa, nas diferentes institucións das que forma parte, unha batería de accións concretas para que tanto o Goberno estatal coma o galego, poñan freo as consecuencias da crise para os sectores máis vulnerábeis.

O medre disparado da inflación- 8% interanual na Galiza e 7.6% no conxunto do Estado con datos de febreiro- obsérvase de forma xeneralizada en todo tipo de produtos, con todo, algúns fano de forma drástica e afectan indirectamente, no prezo doutros bens e servizos. A electricidade subiu un 111,5% no mes de febreiro, con respecto ao mes de febreiro do ano pasado; o diésel un 29% e a gasolina un 25,9%.  “As explotacións gandeiras están a sufrir uns incrementos na factura eléctrica de 50% e de 20% e prevese un empeoramento ao que debe sumarse a crise de abastecemento de cereais” indica o deputado do BNG. Ademais, os alugueiros incrementáronse ao redor de 7% desde 2015 e, segundo a  FAO, o prezo dos alimentos a nivel mundial está na súa cota máis alta desde os últimos 60 anos.

Para o deputado do BNG, é necesario que os gobernos, tanto o da Galiza como do Estado, impulsen distintas políticas públicas para dar resposta á escalada de prezos que ven a superporse aos problemas estruturais xa existentes na economía galega e aos derivados dos efectos da pandemia, e que poñen en grave risco a capacidade de resiliencia e adaptación dos sectores produtivos e industriais. As receitas do BCE ou da Unión europea para controlar a inflación son fundamentalmente de carácter monetario, “mais a experiencia mostra que as medidas monetarias non sempre son as máis adecuadas e que poden ter ademais un impacto negativo sobre a actividade económica e o emprego” destaca.

“Mentres dure a situación de inflación, o Goberno ten que levar a cabo todas as accións necesarias para a  deflación da tarifa do IRPF autonómica e estatal para evitar a tributación sobre rendementos nominais e non sobre rendementos reais” explica a iniciativa o deputado do BNG.

Rego tamén apunta na necesidade de estabelecer distintos tipos de gravame en función da natureza dos rendementos e “sinalar as compensacións a través de deducións que sexan inversamente proporcionais aos tipos de gravame que soporten os suxeitos pasivos”. Rego sinala a necesidade de “impulsar unha profunda reforma fiscal para dotar de progresividade real o IRPF, cuestión na que se centra esta iniciativa, mais tamén é preciso revisar os impostos sobre o Patrimonio e o de Sucesións e Doazóns para aliviar as situacións máis vulnerábeis e aumentar a recadación gravando as rendas máis altas de forma que Galiza, e o conxunto do Estado, non perda recursos e que estes poidan ser reinvestidos en políticas de protección social e de dinamización económica”.

Esta escalada xeneralizada de prezos fai que, ao longo das tres últimas décadas, nunca fose tan caro vivir como hoxe e que as repercusións sexan absolutamente brutais en termos económicos e sociais. Cabe lembrar que isto sucede no marco dunha crise de materiais que afecta profundamente á industria da construción ou automobilística e que sucede tamén nun momento onde a desigualdade da sociedade ten unhas dimensións que levan a que máis dun cuarto da poboación galega estivese xa en risco de exclusión social segundo os datos de 2020 da  Rede  Galega contra a pobreza.

Por este motivo, a organización nacionalista reclama unha modificación na normativa que regula as dietas de locomoción ás traballadoras e traballadores para dar cobertura ao aumento das contías límite dos gastos de dietas e locomoción retribuídos a traballadores e traballadoras “para que gocen de exención, atendendo ao aumento de prezos de gastos de estadía, manutención, transporte público, até unha contía de 0,30 euros”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias