El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

LEI DE CIENCIA E INNOVACIÓN

O BNG presenta emendas para mellorar a Lei de Ciencia e Innovación

08-04-2022 12:30:11
Reunión con representantes da investigación.

MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, manteñen unha reunión con representantes do sector da investigación e presentan as emendas parciais á reforma da Lei de Ciencia e Innovación para resolver as diversas carencias do texto lexislativo proposto polo Goberno. A organización nacionalista considera prioritario o obxectivo de eliminar a precariedade laboral do persoal investigador- para o que é imprescindíbel eliminar, entre outras cuestións, a taxa de reposición- e garantir o financiamento público nos proxectos.

Á xuntanza, ademais dos deputados do BNG na cámara galega e estatal, acudiron representantes da asociación ANIH, InvestiGal, investigadoras do CSIC e delegadas da CIG-Ensino, e da CIG-Saúde, así como traballadoras dos OPIS na Galiza entre outras. Durante a mesma, a organización nacionalista ademais de trasladar as emendas rexistradas e lembrar a comunicación bidireccional que se mantivo coas organizacións e asociacións do sector para o estudo da Lei, destacou a necesidade de resolver as diversas carencias detectadas no sistema de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Ademais, o BNG tamén procura neste Proxecto de Lei acometer de igual modo, e de maneira decidida, o desenvolvemento da carreira profesional do persoal investigador e científico, facendo especial fincapé no persoal técnico ao servizo dos Organismos Públicos de Investigación da Administración Xeral do Estado, que quedan fora da lei.

Alén do máis, Rego destaca as emendas presentadas co obxectivo de garantir as competencias galegas en materia de ciencia e da capacidade de deseñar unha política e “unhas prioridades en materia de I+D+i que atendan as necesidades específicas da Galiza”. Se se pretende crear unha estratexia de ámbito estatal que marque os obxectivos tanto para o Estado como para as CCAA, debe “respectarse a capacidade de autogoberno e as competencias destas últimas”.

O BNG tamén rexistra outro bloque de emendas dirixidas a garantir o retorno social dos investimentos públicos en materia de I+D+i. “Tanto na escolla dos proxectos ou liñas de investigación ou innovación a apoiar con cartos públicos -en que non pode primar en exclusiva o futuro rendemento económico- así como no acceso aos avances e innovacións financiados desde o sector público, en solitario ou conxuntamente coa empresa privada, onde o conxunto da sociedade debe ter un acceso privilexiado” remarca Rego. “Os cartos públicos deben servir tamén para cubrir as áreas de investigación que quedan fora do interese das empresas por ter unha baixa rendibilidade, pensemos por exemplo na investigación das chamadas doenzas raras” exemplifica o deputado nacionalista.

“Hai que corrixir aspectos en relación coa carreira profesional e os dereitos laborais dos investigadores” afirma Rego, mentres sinala as emendas que procuran solucionar os diversos problemas en relación con esta materia, así como o referido ao persoal dos OPIS onde fai especial fincapé na inclusión do persoal de xestión. “Tamén abordamos cuestións que quedaron pendentes a respecto do contrato predoutoral, que finalmente logrou o dereito á indemnización, pero onde quedan cousas pendentes, como que este avance se aplique tamén aos contratos vixentes e se fixe o cen por cen das retribucións, ou o referido tamén á posibilidade de manter o contrato incluso despois de presentar a tese como contrato de orientación posdoutoral” enfatiza.

De cara a mellorar a estabilidade laboral e reducir a temporalidade das persoas traballadoras, explicou o deputado nacionalista, o BNG a eliminación da taxa de reposición de efectivos. “A taxa de reposición é a principal causa do alto índice de temporalidade nas distintas Administracións públicas. Calquera solución a este problema pasa necesariamente pola súa eliminación” explica Rego. De facto, a organización frentista xa presentara iniciativas anteriores- mesmo no Proxecto de Orzamentos debatidos para 2021 e 2022- que reclamaban a eliminación da taxa.

Así mesmo, “reclamamos incrementar o financiamento público para chegar a 2% do PIB no 2030. Entendemos que a Unión Europea marca o obxectivo de 3% do PIB de inversión en I+D+i nesa data, e estabelece un mínimo  de 1,25% público. Para garantir realmente e chegar a 3%, o compromiso público debe ser superior ao mínimo que exixe a UE” reivindica.

Para rematar, a organización nacionalista considera fundamental que se incorpore na lei estatal un contido semellante ao regulado no ámbito galego coa Lei Ángeles Alvariño. “Demandamos o estabelecemento de medidas correctoras á hora de facer avaliacións de méritos, ben en promocións ou na valoración para acceder a bolsas ou proxectos públicos” explica Rego. O obxectivo desta emenda é que se compense o tempo en que a persoa investigadora estivo de baixa a causa da súa maternidade, paternidade ou lactación, así como a baixa por embarazo, adopción ou acollemento e mesmo nos tempos de ausencia por violencia de xénero ou acoso.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias