El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O PSdeG lidera o primeiro Pacto do Estado por unha enerxía eólica sostible

12-04-2022 16:17:44
Valentín González Formoso.

SANTIAGO DE COMPOSTELA |  O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou hoxe no acto de sinatura e presentación do Pacto por unha enerxía eólica sostible. Trátase dun acordo liderado polo propio PSdeG e impulsado en colaboración con organizacións e entidades como CC.OO., UGT, Unións Agrarias, FADEMUR e Ventonoso.

En palabras de Formoso, este “pacto de país” supón un “paso histórico que marcará un novo paradigma para comprender a importancia estratéxica da enerxía en Galicia”. Incidiu ademais en que supón “dicir si ás enerxías renovables e a que Galicia sexa autosuficiente e poida favorecer unha redución importante dos custes enerxéticos ás industrias e ás familias”.

En paralelo, explicou que o pacto -que é o primeiro que se dá en todo o Estado español- é “unha proposta de revolución ordenada e responsable” e “unha aposta clara por darlle protagonismo a Galicia no que é o gran reto europeo deste século: a independencia enerxética e a capacidade xeración e de almacenamento de enerxía con emisións cero”.

Nese obxectivo, Formoso subliñou que neste tema “non vale adoptar posturas populistas nin ser os do non a todo nin estar cabalgando sobre o malestar da sociedade agraria para exercer unha irresponsable posición política, freando o protagonismo de Galicia neste gran reto europeo”.

“Tampouco vale”, advertiu, “a posición do si a todo”, que é a que manteñen a Xunta de Galicia e o Partido Popular e coa que se pretende favorecer a implantación especulativa de 6.000 MW eólicos sen ter en conta a protección do valor da propiedade en Galicia, das tradicións do rural e do valor paisaxístico e medioambiental do noso territorio”.

Fronte a estas posturas, “toca promover este pacto ao que se pode sumar calquera formación ou entidade política, sindical ou social do noso país”. Nesta liña, Valentín González Formoso anunciou que será proposto ao resto das administracións públicas, “por suposto tamén á Xunta”, porque “necesitamos afrontar ese relevante reto no que Galicia ten que ter un papel protagonista”.

Nesta liña, sinalou “estamos esperando a que o novo responsable do goberno autonómico tome posesión, cando o PP teña a ben dedicarlle tempo a este país e priorizar Galicia por enriba doutras cuestións”. A partir de aí, “pediremos reunión para concretar estes puntos e tratar de enfocar con urxencia este tema que está xerando malestar social no mundo agrario, onde hai formacións que están intentando canalizar ese malestar, non para resolver o problema, senón para captar máis respaldo electoral”.

Formoso explicou que o acordo, ademais, “xa é coñecido e compartido polo Ministerio de Transición Ecolóxica e, polo tanto, dende Galicia marcamos camiño ao resto de España tamén neste eido”.


Os catro eixos do Pacto

Valentín González Formoso explicou que o Pacto por unha enerxía eólica sostible está sustentado por catro grandes eixos que supoñen unha serie de reformas concretas para que calquera nova autorización se basee na total transparencia, na plena integración social e na compatibilidade medioambiental.

Así, reclámase, en primeiro lugar, que todos os parques eólicos se instalen cun axeitado consenso na veciñanza. “Polo tanto”, afirmou Formoso, “enerxía eólica dunha maneira consensuada e onde a declaración de utilidade pública dun parque non sexa autorizada se non se obtén, como mínimo, o 50 por cento do acordo cos propietarios da parcelas afectadas”.

Un segundo punto importante é “que se implante con respecto absoluto ao medio ambiente e á protección patrimonial do noso país, enormemente rico nestes ámbitos”. En consecuencia, reclámanse avaliacións de impacto ambiental rigorosas e a instalación de aeroxeneradores con innovacións tecnolóxicas que reduzan o seu impacto ambiental e pegada de carbono.

Como terceiro factor, incídese en que os parques teñan sinerxías coa creación de emprego e o valor engadido. Neste eido, o secretario xeral do PSdeG demandou que que a cadea de implantación dun parque eólico “achegue valor a un país que necesita que se implanten industrias que fixen poboación nos territorios baleirados, como as de fabricación de compoñentes”.

Pediu, en definitiva, “que apostemos, non polos especuladores, senón por aquelas empresas promotoras que apostan polo noso país, polo noso talento, polo coñecemento da nosa xuventude, pola nosa ciencia ou pola nosa capacidade de deseño”.

Ao mesmo tempo remarcou a importancia de que tamén se achegue valor a aqueles propietarios agrogandeiros que “ven como os parques eólicos significan xeración de enerxía e beneficio nas contas de resultados das empresas, pero que en cambio non valen para reducir os custes de produción nas granxas, maltreitas xa de por si economicamente”.

Por último, como cuarta pata do pacto, Valentín González Formoso reivindicou que os parques teñen unha axeitada fiscalidade, primando a aquelas que queiran domiciliarse fiscalmente en Galicia. Así fixo un chamamento a “apostar polas empresas que aposten por Galicia” e que, como metáfora, “haxa un cartel en Pedrafita que diga: especuladores non”. 

Tamén cualificou de “imprescindible” a participación público-privada nas promocións de parque e instalacións enerxéticas, nun contexto no que “vemos falta de coordinación da administración coas empresas e un desacompasamento na subastas de enerxía renovable”.

Por iso, Formoso demandou unha Xunta “máis proactiva no liderado da detección de proxectos estratéxicos que fagan sobrevivir as industrias tractoras que hai no país e que o están a pasar mal”. Tamén, afirmou, debe promover a súa participación de forma directa nos novos proxectos nunha porcentaxe que cando menos lle permita ter unha presencia de titorización na redistribución dos beneficios que xeran estas instalacións”.

Trátase, concluíu, de “darlle á sociedade unha tranquilidade e garantía de que isto non é un espolio de recursos senón unha explotación ordenada dos mesmos no que a administración ten un papel”. “Non esquezamos”, sinalou, “que ao final serán ingresos recorrentes para as arcas públicas para sufragar gastos importantes no eido dos servizos públicos”. Eses ingresos, concluíu, “poden vir pola explotación do vento galego e cun modelo que nos sube ao carro europeo da xeración enerxética do futuro, que é o hidróxeno”. 


Ventonoso, FADEMUR, Unións Agrarias, UGT e CC.OO.

Durante o acto tamén interviñeron os representantes do resto de entidades e organizacións asinantes. O presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez, demandou un cambio de actitude das empresas ante a “escasa responsabilidade social” que mantiveron ata o de agora e que derivou en contratos leoninos para os propietarios ou mesmo expropiacións. Nesta liña incidiu na necesidade de que non se conceda a utilidade pública dun parque se o 50 por cento dos propietarios non están de acordo, que se valore toda a superficie recualificada e haxa medidas compensatorias por parte das promotoras que redunden en beneficio das zonas afectadas.

Verónica Marcos, de FADEMUR, reivindicou unha “socialización da riqueza” que xeran os parques eólicos. Así, entre outras cousas, avogou por “facer as cousas de maneira diferente” e demandou “obxectivos sociais” de apoio ao tecido económico, social e produtivo dos lugares onde se instalen. Incidiu de maneira específica en que “neses obxectivos se teña sempre presente ás mulleres”. 

Dende Unións Agrarias, Roberto García, agradeceulle ao secretario xeral do PSdeG que abrira este foco de debate e buscase a complicidade dos propietarios para que “en vez dun problema sexa unha oportunidade”. Tras lembrar que unicamente coas rendas agrarias é difícil sobrevivir no rural, apostou por aproveitar “pancas como a eólica” para xerar riqueza, reinvestir socialmente no medio rural e corrixir os desequilibrios. Para iso, demandou unha “necesaria base legal” que evite “o dereito de pernada” das empresas eólicas que solo querían beneficios económicos sen contribuír aos beneficios sociais. 

Amelia Pérez, secretaria xeral de CC.OO en Galicia, congratulouse deste acordo ante un escenario de transición enerxética que “viu para quedar” e ante o que “non podemos mirar para outro lado”. Lembrou que a guerra de Ucraína puxo de relevo a nosa dependencia enerxética de Rusia e, nese senso, considerou “imprescindible” apostar polas renovables para corrixir estas eivas. Así, o pacto asinado hoxe marca a “folla de ruta para o futuro” ante “a deixadez de funcións de algunhas administracións públicas e a postura do non polo non que defenden outros”. Fixo fincapé nos beneficios que tería para o emprego, de alto valor engadido e salarios altos, algo que é fundamental poñer en valor no modelo das renovables e, especificamente, da eólica.

Por último, José Antonio Gómez, de UGT, explicou que o acto nace dunha “profunda reflexión e análise” tras a cal se “poñen enriba da mesa as solucións a como se deben deseñar os proxectos eólicos en Galicia”. “Ninguén”, dixo, “pon en dúbida a necesidade das renovables nun contexto de cambio climático e de aumento de prezo das tarifas enerxéticas, que provocou a crise de toda a industria electrointensiva”. Avogou pola “necesaria” colaboración público-privada entre administracións e empresas para xerar valor engadido no territorio e postos de traballo de calidade, sobre todo no rural. “É”, dixo, “unha oportunidade que debemos aproveitar”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias