SANTIAGO DE COMPOSTELA | A
peor crise de prezos en catro décadas require medidas urxentes e por iso o BNG
presenta un plan de choque para mobilizar 700 millóns de euros destinados a
paliar os efectos dunha inflación do 10,5%, -por riba da media estatal-, plan
que levará ao Parlamento para o debate e negociación co resto de grupos.
“Son as medidas que tomaría un goberno
do BNG ante a escalada de prezos que está afogando ás familias é ás empresas”,
salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación do plan de choque,
en contraposición á parálise dun goberno do PP que sigue enfrascado nas liortas
internas de reparto de poder. “Supeditar os intereses de Galiza ós do PP é unha
irresponsabilidade e unha falta de respecto ós galegos e ás galegas sempre,
pero máis estando no medio dunha crise e cando máis se necesita un goberno que
aporte solucións”, alega.
Pontón detallou as principais propostas
dese plan de choque, que inclúe un fondo de recaste social por importe de 90
millóns de euros para axudar ós colectivos máis desfavorecidos con medidas como
incrementar en cen euros mensuais o tramo autonómico das pensións non
contributivas, que son precisamente as de menor contía; mellorar a prestación
da RISGA e facer que sexa compatible coa percepción do ingreso mínimo vital;
así como incrementar as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda para
as rendas máis baixas.
A segunda gran liña de actuación é un
fondo de rescate económico dotado con 175 millóns de euros destinado ós sectores produtivos e
ás PEMES, con medidas como un programa para incentivar o consumo no comercio
local e hostalería e 40 millóns para o sector primario, tanto agrogandeiro como
pesqueiro, en ambos casos moi afectados nos custes de produción polo incremento
de prezos.
O plan de choque inclúe como terceira
medida un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en
vivenda, transición enerxética e transición dixital, capaz de mobilizar 325
millóns de euros. En cuarto lugar, un fondo de apoio ós concellos de 35 millóns para
compensar a subida da factura da luz e dos carburantes, - cifrada en 100.000 €
de media anuais nos municipios galegos-, así como para cubrir a revisión de
prezos nos contratos de obra da administración local, que afectan sobre todo á
pequena empresa con implantación local.
Por último, o plan de choque que formula
o BNG inclúe un fondo de liquidez de 75 millóns de euros para facilitar liñas
de financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas. “Son as medidas que
imos levar ó Parlamento para o seu debate, non esperamos que se aproben na súa
literalidade pero si que sexa posible sacar esta proposta adiante a través
dunha negociación co resto dos grupos”, indicou Pontón.
A líder nacionalista tamén avanzou que
xunto con estas medidas de urxencia, o Bloque está preparando unha proposición
de lei con medidas a medio e longo prazo de carácter estrutural, unha proposición
de lei para modernizar e transformar Galiza estruturada en cinco áreas
estratéxicas.
Área financeira, coa creación do
instituto de crédito e investimento; área enerxética coa creación dunha empresa
pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega; área de reactivación
industrial, para reverter o proceso de desertización na industria da última
década e área de reactivación do sector primario, para avanzar na soberanía
alimentaria, na produción de alimentos de calidade e na recuperación do medio
rural.
Rueda, continuismo puro e duro
“Este País ten potencial pero precisa un
goberno á altura e con visión estratéxica pero o que temos é un Executivo do PP
paralizado, interino e ausente. Desde logo, no BNG imos seguir traballando con
máis empeño que nunca para abrir un tempo novo liderando un goberno que confíe
no potencial e na capacidade de Galiza, capaz de deixar atrás a Galiza en
pequeno que nos deixa o PP”, concluíu.
Preguntada polo relevo na Xunta, a líder
do Bloque ve ao actual vicepresidente Alfonso Rueda como unha opción de
“continuismo puro e duro do PP e dunhas políticas que nos deixan unha Galiza
peor que a que Feixóo encontrou fai trece anos, unha Galiza con menos servizos
públicos, con menos sanidade, con menos industria, con menos sector produtivo.
Lamentablemente, Galiza só medrou en débeda pública, en emigración, en
desigualdade social e en recortes na sanidade”. Departamento de comunicación