SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o
último cara a cara no Parlamento co aínda presidente a Xunta para destacar que
Galiza ten “fame de cambio”, un cambio real que o BNG aspira a liderar, ante un PP que xa representa o pasado e cun
Feijóo que é “o primeiro en abandonar o barco”, deixando un País peor do que
encontrou cando chegou á Presidencia fai trece anos.
Pontón, que interpelou ó xefe do
Executivo pola crise de prezos, subliñou que “o cambio galego está en marcha porque
Galiza ten fame de cambio, un cambio real que o BNG, con humildade pero con
ambición, aspira a liderar para darlle un futuro mellor a xente deste País,
porque Galiza merece algo mellor que un Goberno do PP que leva trece anos
instalado no non, no non a todo o que supoña a defensa dos intereses dos
galegos e das galegas. Son vostedes o partido do non”, sentenciou.
Como consecuencia, a herdanza que deixa
Feixóo é unha Galiza máis pequena “con menos emprego, con menos industria, con
menos sectores produtivos, con menos sanidade e servizos públicos, con menos
xente moza, con menos igualdade. Son vostedes o partido do non e Galiza merece
un goberno que lle diga si, si a unha mocidade con futuro, si a ciencia e a
innovación, si á sanidade pública, si a unha vellez digna, si ós sectores
produtivos, si a ciencia e a innovación, si á igualdade e ó feminismo, si a
unha Galiza con futuro”, proclamou.
“O PP empeza a ser o pasado, aínda que
non se dean conta señor Feixoo, é vostede é o primeiro e abandonar o barco”,
declarou, convencida de que o futuro pasa polo BNG.
En realidade, recalcou Pontón, Galiza
non leva tres meses cun presidente ausente, senón trece anos cun Goberno do PP
supeditando ó centralismo e ós lobbies económicos. Por iso, argumentou, “veta
unha baixada de impostos ás eléctricas que se están forrando mentres as
familias, a clase traballadora e as empresas están afogadas pola factura da
luz”, nun país onde os prezos están “descontrolados” por riba da media estatal
pese a ter salarios e pensións máis baixos.
A única receita que ofrece Feixóo é a
baixada de impostos que só beneficia a quen máis ten, mentres se debilita o
público, como se cos impostos, -explicou-, non se sufragasen a sanidade, a
educación, as infraestruturas ou os servizos sociais.
“Vostede baixoulle os impostos os que
máis teñen si, pero tamén baixou o número de médicos e médicas, o número de profesores
e profesoras, baixou o orzamento en atención primaria, baixou os recursos en
ciencia en investigación, baixou servizos no medio rural e vai marchar sen
construír nin unha soa residencia pública”,
denunciou.
Baixar impostos é debilitar o público
“Non hai que
baixarlle impostos ós que máis que teñen señor Feijóo, como fai vostede en
Galiza, hai que tomar medidas para evitar o empobrecemento da clase
traballadora e hai que tomar medidas de apoio os sectores produtivos máis
afectados pola crise de prezos”, alegou, uns prezos disparados. En doce meses,
a calefacción, a luz, a auga subiron un 68,3%; o aceite un 32%; produtos básico
na cesta da compra de calquera familia como ovos, leite, carne ou peixe subiron
máis dun 10%. “Que salarios aguantan isto? Xa lle digo que os dos traballadores
e traballadoras, non”, espetou.
A líder do Bloque lembrou que os galegos
e as galegas pagan os carburantes máis caros, pese
a aguantar os custes ambientais de ter unha refinería na Coruña, e pagan a luz
a un prezo insoportable, pese a ser ricos en electricidade e aguantar os custes
ambientais de ter os ríos cheos de encoros e os montes con 4.000 muíños. “Pero o
goberno do PP veta a tarifa eléctrica galega e veta calquera subida de impostos
ás eléctricas para que axuden a sufragar parte da crise, porque se están forrando
con esta subida de prezos”, criticou.
Consciente de que está era á ultima
sesión de control de Feixóo como presidente da Xunta, Pontón quixo trasladarlle
o seu respecto institucional pois, máis aló das evidentes discrepancias
políticas, “teño un profundo respecto polo meu País e polas súas institucións”,
ao tempo que lle desexaba “todo o mellor” no persoal aínda que, ironizou,
“comprenderá que non faga extensivo ese desexo ó ámbito político”. Departamento de comunicación