SANTIAGO DE COMPOSTELA | O deputado
do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz do BNG no Concello de Santiago,
Goretti Sanmartín, presentan a campaña da organización nacionalista para a
mellora das infraestruturas e servizos ferroviarios na Galiza e na comarca de
Compostela. A frente nacionalista demanda implantar o servizo de cercanías con
traxectos específicos, frecuencias maiores e prezos menores, así como conexión
ferroviaria en Santiago co resto de vilas e cidades do País para rematar coa
discriminación histórica que sofre Galiza en materia ferroviaria.
Os cargos do BNG tamén estiveron
acompañados, durante a presentación da campaña, de Beatriz Rei, voceira do BNG
no Concello de Padrón, Reyes Abad, da Plataforma de Usuarias do Ferrocarril da
comarca de Compostela, así como de militantes e simpatizantes da organización
nacionalista. “Conseguir que haxa unha
articulación territorial por todo o País, que se recuperen as frecuencias e
horarios que había antes da pandemia e, ao mesmo, conseguir un mellor servizo”
salienta a voceira municipal do BNG de Santiago. Na actualidade, segundo
explica Sanmartín, as frecuencias e horarios estabelecidas provocan que moitas
persoas usuarias “acaben optando por outros medios de transporte ou pedindo
reducións de xornada porque é imposíbel que cheguen a tempo pola incapacidade
de chegar á Coruña ás 8 da mañá ou volver a Santiago despois de traballar”.
A maiores, Goretti Sanmartín
reivindica a necesidade de que eses trens teñan paradas non só nas cidades,
senón tamén nas vilas e un tren que permita compatibilizar o uso dese medio de
transporte con outros de carácter individual como a bicicleta. “Queremos que
non teñan que pagar un suplemento por ese transporte e que se faga todo o
esforzo posíbel para que se poidan levar o maior número de bicicletas no tren”
defende a portavoz municipal do BNG.
Pola súa parte, o deputado do BNG
no Congreso reclama unha mellora das infraestruturas e dos servizos
ferroviarios na Galiza, unha prioridade para a organización nacionalista que e
que tamén “debe selo das políticas públicas”. Rego salienta que as
administracións públicas deben realizar o esforzo principal, para lograr unha
transición ecolóxica verdadeiramente xusta, na promoción do transporte público
como o ferrocarril, en detrimento dos vehículos particulares. “Temos claro que
o ferrocarril é o modo de mobilidade do futuro porque é eficaz, eficiente,
sustentábel e non contaminante” reivindica Rego.
Pola contra, explicou que no caso
da Galiza estase a actuar de maneira totalmente contraria: “estanse perdendo
servizos, deteriorando as condicións de uso do ferrocarril”. Rego exemplifica
este deterioro dos servizos ferroviarios co tren con saída de Ourense a
primeira hora da mañá suprimido por mor da pandemia e que aínda non foi
recuperado neste momento. “É imprescindíbel recuperar todos os servizos
suprimidos mais tamén é necesario aumentar as frecuencias para que o
ferrocarril se poida axustar á mobilidade obrigada por motivos laborais ou de
estudo” salienta.
“Estamos a falar de baixar as
tarifas dos servizos ferroviarios- reivindicación que o BNG levou ás
institucións e recibiu o apoio do resto de grupos- mentres o PSOE, con
competencias nesta materia, non fai nada” destaca Rego. Pon o exemplo do prezo
do billete nunha viaxe de ida Ourense-Santiago de Compostela, de case 18 euros,
que supón un custo maior que empregar o vehículo particular.
Para o deputado do BNG “é
incomprensíbel” que Galiza non posúa en pleno século XXI o chamado servizo de
cercanías. “Non é unha cuestión de número de poboación, pretender facer pasar
servizos de media distancia por servizos de proximidade é pretender tomar o
pelo á xente. Todos sabemos que estes servizos implican traxectos específicos,
frecuencias maiores e prezos menores” destaca Rego. Demanda a implantación
deste servizo na comarca de Compostela, dunha banda, conexión con Padrón e
doutra con Ordes.
Ademais da pandemia, os servizos
ferroviarios prestados en Santiago para conectar con diferentes puntos do País-
como Pontevedra, Coruña, Vigo ou Ourense- víronse diminuídos coa posta en
funcionamento do AVE que conecta con Madrid. “Non pode ser que, porque se poña
en marcha este servizo, empeoren o resto de servizos. Para nós a prioridade é a
articulación interna do País por medio da rede de ferrocarril” reivindica Rego.
“Estamos reclamando a través de
mobilizacións sociais, recollida de sinaturas e con iniciativas nas cámaras é a
mellora das infraestruturas ferroviarias, hai que lembrar a liña A Coruña-Lugo
con máis de 100 anos sen modernizar ou completar a conexión de pouco máis de 20
quilómetros para conectar a cidade de Santiago con Lugo, coa conexión
Ordes-Curtis” exemplifica. Departamento de comunicación