El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

PROXECTO NÓS

O BNG require aumentar os recursos para o Proxecto Nós dentro do PERTE Nova Economía da Lingua

12-05-2022 10:59:05
Néstor Rego, deputado do BNG.

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado asegure que se destinen recursos suficientes e á altura das oportunidades que presenta o Proxecto Nós dentro do PERTE Nova Economía da Lingua, para apostar decididamente polo desenvolvemento de novas tecnoloxías en galego, para asegurar o dereito dos galegos e galegas a vivir na súa lingua e para aproveitar as oportunidades de medre e de internacionalización que brinda.

A aparición da nova economía do coñecemento -asociada á facilitación de novas ferramentas do espazo dixital- converteu ás linguas nunha parte fundamental do desenvolvemento tecnolóxico, empresarial e económico, ademais de ser determinantes na inclusión e benestar social. Contornas de voz a través de tradutores automáticos, buscadores, asistentes persoais e moitas outras aplicacións, sitúan as linguas no centro da dixitalización e nun espazo chave para alongar a comunicación nas linguas que, como é o caso do galego, aínda transitan cara á súa normalización.

“No contexto económico actual de acceso a fondos europeos extraordinarios, o Goberno do Estado acaba de presentar o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) cun orzamento total de 1.1 millóns” explica o deputado do BNG facendo fincapé que este tipo de programas ten como obxectivo “impulsar a cadea de valor da nova economía da lingua en español”.

No documento feito público, que aínda non é o definitivo, cítanse como obxectivos a mellora da vertebración territorial, alongando o impacto deste PERTE en todo o territorio do Estado e reforzando a comunicación entre os falantes de españois en Europa e en América. De maneira sutil, o PERTE tamén recolle o carácter plurilingüe do Estado e mencionando que “as demais linguas teñen un papel fundamental na produción cultural”. Pero esta breve referencia, faise de costas á existencia de proxectos que están póndose en funcionamento vinculados ao impulso das linguas propias na nova economía dixital da lingua, coo son o Proxecto Aina en catalán, o Proxecto Itzuli en euskera e o Proxecto Nós en galego.

“Mais do orzamento total anunciado só se prevé destinar 30 millóns a apoiar proxectos en linguas oficiais diferentes do español” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Rego recrimina as declaracións da Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital nas que afirmaba que o obxectivo é conseguir “unha Intelixencia Artificial (IA) que pense en español”. “Parece esquecerse que a cidadanía, as empresas e a economía da Galiza precisan tamén de ferramentas tecnolóxicas que permitan o pleno desenvolvemento das persoas e aproveiten as potencialidades da súa propia lingua, o galego, que tamén conta cun gran potencial de mercado internacional” reivindica Rego.

En opinión do deputado nacionalista, o Goberno do Estado debe realizar todas as xestións precisas para asegurar que se destinen recursos suficientes e á altura das oportunidades que presenta o  Proxecto Nós dentro do  PERTE Nova Economía da Lingua, así como do resto de proxectos iniciados no resto de linguas oficiais do Estado distintas do español”. 

“Este PERTE é un proxecto que aínda está en fase de elaboración, e que pode mellorar e incluír, en pé de igualdade, as achegas das diferentes nacións do Estado. Estase a tempo de corrixir o escaso peso outorgado ao resto de linguas oficiais distintas do español e incorporar ao proxecto, en igualdade de condicións e de financiamento, as iniciativas que apostan polo desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en  galego, catalán ou euskera” conclúe Rego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias