SANTIAGO DE COMPOSTELA | Tras a celebración
do 17M, a portavoz nacional, Ana Pontón, optou pola lingua como primeiro asunto
para a sesión de control co presidente da Xunta, para denunciar que o galego é
o único idioma de todo o Estado que perde falantes e que, tras trece anos de “decreto
da vergoña”, estamos ante a xeración que menos galego fala.
Para
ilustralo, botou man dos datos que ofrece tanto o IGE como a Real Academia
Galega: a escola actúa como axente desgaleguizador, “os nenos e as nenas entran
na escola falando galego e saen falando en castelán”; na etapa educativa infantil
pérdese un 10% dos e das galegofalantes. Un 23,9% dos rapaces e das rapaces
entre os cinco e os 14 anos non saben expresarse en galego, o 30% non sabe
escribilo e o proceso de substitución do galego polo castelán comeza na
infancia e consolídase na adolescencia.
Con estes datos, indicou a líder do Bloque, “quero dicir alto e claro neste Parlamento que o PP estalle negando ás novas
xeracións a posibilidade de falar en galego, estalle roubando ás novas
xeracións a liberdade de falar en galego coa súa política lingüicida, así de claro e así de triste”, recalcou, para a
continuación subliñar que un goberno do BNG “será garantía de igualdade lingüística”.
Pontón
empezou a súa intervención contrapoñendo dúas imaxes. Por un lado unha foto da
manifestación que xunta a miles de persoas cada 17M en defensa do idioma de
Galiza, “representa a todos ós galegos e ás galegas que senten respecto pola
nosa lingua común, fálena máis, fálena
menos ou non a falen, pero que senten orgullo e amor polo noso idioma”.
Por outro lado, recalcou,
mostrou unha foto do 8 de febreiro de 2009, “á indigna manifestación en contra
do galego que ten en primeira fila a quen hoxe preside Galiza de rebote e desde
esa foto, o Goberno do PP non deixou de actuar en contra do galego por terra,
mar e aire durante trece anos”, denunciou.
Empezando
polo incumprimento da lei: o Estatuto de autonomía, a Lei de Normalización
Lingüística e o plan de normalización aprobado por unanimidade en 2004 no
Parlamento así como a Carta Europea das linguas. Seguindo por impoñer unha
lexislación “á contra” co decreto da vergoña, “que converteu o galego nunha
lingua de segunda no ensino”. E para completar o “acoso” do PP ó galego, a “asfixia”
sobre idioma recortando nun 55% os fondos destinados á súa promoción.
Pontón
foi especialmente crítica co empeño do Goberno do PP en converter o galego “nunha
lingua de segunda no ensino” e, neste sentido, denunciou que por primeira vez
en democracia, e por decisión do PP, prohíbese o galego para ensinar matemáticas,
física, química ou tecnoloxía. “Pode señor Rueda darnos algunha razón pola que
o PP considera que unha nena de Chorente ou un neno de Pontevedra pode aprender
matemáticas en francés, alemán, inglés ou castelán pero non en galego?”,
interpelou sen que o presidente da Xunta acertase a dar ningunha explicación.
Unha
prohibición plasmada no decreto da vergoña que o PP “disfraza” de
plurilingüísimo, pero que en realidade “non é máis que unha farsa” porque,
argumentou Pontón, “as novas xeracións non saben máis galego, nin saben máis
inglés, o único que logra o PP co seu decreto da vergoña e aumentar o
monolingüísmo en castelán, o único que logra é quitarlle as novas xeracións a
oportunidade e a liberdade de poder falar en galego”, denunciou, porque non falar
unha lingua que non se domina.
Ante a falta de
medidas de Rueda, a líder nacionalista explicou algunhas das propostas que si
poría en marcha un goberno do BNG para reconducir a situación de estar ante a
xeración de mozos e mozas que menos falan e menos escriben en galego, a
xeración que viviu os 13 anos da política lingüística do PP.
Entre as propostas,
derrogar o decreto da vergoña e converter o galego na lingua vehicular no
ensino de tal xeito que se garanta a igualdade lingüística, a creación dunha
canle específica na TVG con contidos en galego para o público infantil e
xuvenil, a modo de Clan en galego,
público que está orfo de contidos audiovisuais en galego. Creación do Instituto Rosalía de Castro, para
promover a lingua e cultura propias en todo o mundo, corrixindo o feito de que é
o único idioma no Estado que non conta cunha institución destas
características. Departamento de comunicación