MADRID | Durante
o debate do Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, o deputado do
BNG no Congreso, Néstor Rego, apuntou que o resultado final do texto
lexislativo “non está á altura do esperado” para a organización nacionalista
nin tampouco para os diversos sectores da sociedade. Rego anunciou que o BNG
vota non á Lei por non garantir a presenza de todas as linguas oficiais do
Estado -e, por tanto, o galego-, por “deixar os produtores independentes ao pé
dos cabalos do duopolio televisivo”, por non asegurar cotas que reduzan a fenda
de xénero e por abrir a porta á privatización dos medios públicos.
“Esta Lei Xeral de Comunicación Audiovisual
xerou moitas expectativas en diversos sectores que, lamentabelmente, estanse
vendo frustradas por un resultado que, aínda que supón algúns avances, non está
á altura do esperado” apunta o deputado do BNG.
Para a organización nacionalista,
é especialmente preocupante que a redacción do articulado non garanta a
presenza de todas as linguas oficiais, “por tanto, do galego, nas plataformas ou medio públicos, para
alén de deixar excluídas as grandes plataformas audiovisuais coa matriz fora do
Estado español”. Entende que se está ante unha “oportunidade perdida” de
realmente poder avanzar na igualdade das linguas e “garantir o dereito dos galegos e
galegas de poder acceder a contidos audiovisuais na nosa lingua”.
Alén do máis, Rego apuntou a frustración
que xera no sector a introdución dunha emenda
por parte do PSOE que deixa “os produtores independentes aos pés dos cabalos do
duopolio televisivo e das grandes plataformas”. Decepción, tamén, da
organización soberanista por non incorporar, como propoñía o BNG, cotas que
realmente puidesen “reducir a fenda de xénero e dar a visibilidade que en
xustiza merecen as directoras e produtoras”. Rego presentou unha emenda que
propuña reservar unha porcentaxe mínima de 40% para as obras audiovisuais ou
pezas cinematográficas dirixidas ou creadas exclusivamente por mulleres, que
non foi aceptada.
O deputado nacionalista
manifestou tamén a “gran preocupación por un artigo que abre a porta á
privatización dos medios públicos”. Segundo destacou Rego, “coñecida a adicción
do Partido Popular ás privatizacións, faltaralle tempo ao sucesor de Feixóo no
Goberno galego para tentar privatizar unha Compañía de Radio e Televisión de
Galiza que xa foron deteriorando e controlando politicamente, -hai que dicilo- non
sen o rexeitamento firme dos traballadores e traballadoras de Defende a
Galega que levan xa 209 Venres
Negros, 209 semanas protestando. Que saiban que non llo imos a permitir”.
A estas cuestións, a organización
nacionalista tamén presentou emendas para garantir a financiación pública de
proxectos audiovisuais nas linguas oficiais do Estado diferentes do español e
respectar os dereitos de autor. “Apostamos pola descentralización dos centros
de referencia e a conservación dos arquivos audiovisuais, así como reclamamos-
tal e como se recolle no acordo de investidura- a recepción de todas as
televisións e radios portuguesas na Galiza” subliña o deputado.
Aprobación da iniciativa para pór
fin a inxustiza da Facenda cos emigrantes retornados
O BNG, durante a sesión
parlamentaria, tamén conseguiu que fose aprobada unha Proposición Non de Lei
instando o Goberno a pór fin á discriminación
fiscal que sofren os emigrantes retornados do Estado español, especialmente na
Galiza, pois hai que ter en conta que “máis da metade son galegos e galegas”.
“Cremos que este é un paso
importante que permitiría rematar cos problemas da dobre imposición e coas
dificultades para a homologación dos certificados de discapacidade doutros
países, especialmente cos países da Unión Europea” destaca Néstor Rego, que
sinala que agora “falta darlle forza normativa”, o que é responsabilidade do
Goberno. Departamento de comunicación