SANTIAGO DE COMPOSTELA | O
deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo hoxe en Santiago unha
xuntanza con representantes de distintos colectivos e asociacións de protección
do medio ambiente así como de plataformas comarcais de defensa colectiva ante a
agresión da implantación sen control e planificación de parques eólicos na
Galiza. Rego, trasladou o seu compromiso con esta cuestión e anuncia a
presentación de emendas na tramitación como proxecto de lei do Real decreto
para eliminar os artigos 6 e 7 que pretenden prescindir dos trámites de
alegación e participación cidadá, e que ademais presentará outra emendas para
sentar as bases dun procedemento de implantación racional e que respecte a
poboación, as terras agrarias e o medio natural e o patrimonio cultural.
A finais do mes de marzo o
Goberno do Estado aprobou un Real Decreto que principalmente contiña algunhas
medidas dirixidas a intentar paliar a subida dos prezos pero que agochaba dous
artigos que eliminaban a posibilidade de participación pública nas
autorizacións de parques eólicos de até 75 Mw e que permite prescindir da
Declaración de Impacto Ambiental. “No momento da súa convalidación, o BNG
logrou presionar o Goberno que se viu forzado a aceptar a súa tramitación como
proxecto de lei e, por tanto, a posibilidade de modificar ou eliminar os devanditos”
puntualiza Rego.
Ademais da supresión dos artigos,
o BNG partillou, a súa vontade de presentar emendas ao texto que promova a
revisión completa do actual modelo de implantación eólica e sente unhas bases
realmente sustentábeis e respectuosas co medio e a poboación. “É fundamental
lexislar para que non sexan as empresas, atendendo aos seus intereses privados,
as que decidan onde queren implantarse; debe ser a administración a que decida
en que zonas e condicións se instalen, garantindo que sexa en zonas sen
afectación a vivendas, patrimonio histórico ou natural, terras agrarias e
forestais ou a plataforma continental galega” subliña o deputado nacionalista.
“En todo caso é preciso garantir
que se faga unha Declaración de Impacto Ambiental dos proxectos eólicos sempre,
para asegurar o cumprimento das garantías ambientais, e ademais debe
respectarse o dereito das e dos cidadáns a presentar alegacións e que estas
sexan tidas en conta para a autorización final dos parques eólicos” reclama
Rego.
O deputado do BNG salienta que é
necesaria unha mudanza de modelo, pois “non podemos permitir a grave afectación
que a implantación de todos os proxectos actualmente en trámite ou previstos
terá no noso País, hai que protexer as
persoas, o medio e o patrimonio. Esa garantía non pode ser eliminada para maior
lucro das grandes compañías eléctricas”. Departamento de comunicación