MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, fixo unha valoración negativa
da nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual aprobada no Congreso por non
garantir o acceso dos galegos e galegas a contidos audiovisuais na súa lingua,
por prexudicar as produtoras independentes, por non avanzar na eliminación da
fenda de xénero e por abrir a porta á posibilidade de privatizar os medios
públicos de comunicación. Aliás, Rego anuncia o rexistro de emendas ao Proxecto
de Lei das medidas para paliar a crise, resultado do RDL 6/2022, para eliminar
os artigos 6 e 7 e recuperar os procesos de participación pública na
tramitación dos parques eólicos. O deputado nacionalista comprométese a
traballar para que haxa unha nova regulación que dea máis garantías de
protección ambiental, social e de retorno social.
Néstor Rego lembra que aínda non finalizou a tramitación da Lei do
audiovisual, porque pasará polo Senado, e a organización nacionalista espera
que aínda poida sufrir mudanzas na cámara alta que corrixan algún dos elementos
máis negativos que fixeron “que o BNG e a práctica totalidade das forzas
soberanistas e de esquerdas votásemos en contra desa Lei por considerar que era
unha oportunidade perdida para avanzar en aspectos cruciais”. A destacar, a
incorporación de todas as linguas oficiais nas plataformas audiovisuais e
medios de comunicación públicos, o apoio á produción independente ou diminuír a
fenda de xénero no sector do audiovisual.
“O BNG tivo que votar en contra desta Lei que, na súa redacción final, é o
resultado da submisión de PSOE e PP ao duopolio televisivo” destaca o deputado
nacionalista. Para a organización nacionalista existen catro elementos que
resultan prexudiciais, a comezar por que non garante a incorporación das
linguas oficiais -por tanto, do galego-
para que todas as persoas na Galiza poidan acceder a contidos na súa propia
lingua.
“Isto non se garante por unha dupla vía, posto que ficaron excluídas
aquelas plataformas que teñen a súa sede fóra do Estado español e porque
apostaron por unha formula que fala de 'castelán e algunha das linguas
oficiais', non de todas” enfatiza o deputado nacionalista.
Isto é evidente que prexudicará a presenza do galego. “Por unha parte,
porque do punto de vista demográfico ten máis peso o catalán -pensemos que o
conxunto dos Països Cataláns conta cuns 12 millóns de persoas- e, por outra
parte, porque tanto catalán como eusquera contarán con máis peso político ao
teren gobernos que os apoian e se preocupan denegociar coas plataformas.
Infelizmente, no caso da Galiza -por agora- temos un goberno que traballa
contra o galego” asevera.
A cuestión dos produtores independentes- cuestión das máis polémicas no
debate do texto lexislativo- tamén preocupa á organización nacionalista porque
a definición que recolle a Lei “pon as produtoras independentes aos pés dos
cabalos das dúas grandes plataformas televisivas”. A pesar da presión exercida
polas forzas que apoian o Goberno, o PSOE “non estivo disposto a modificar unha
palabra que introduciu no proceso de tramitación da Lei pola presión do
duopolio televisivo”. Con certeza, a mesma presión que levou o Partido Popular
a facilitar a aprobación desta Lei coa
súa abstención.
O BNG considera que tamén do punto de vista da redución da fenda de xénero
a Lei é decepcionante. “Presentamos emendas para que 40% das producións fosen
reservadas para aqueles produtos audiovisuais que tivesen á frente unha
directora ou unha produtora. Isto tampouco foi respectado polo PSOE que baixou
esa cota a 30% mais aplicándoa á subcota de 70% dos produtores independentes, o
que a reduce até 20%, que, segundo os colectivos de mulleres do audiovisual non
mellora o que xa existe a día de hoxe.
En último lugar, Rego alerta da existencia no texto lexislativo dun artigo
que “abre a porta á privatización dos medios de comunicación públicos
autonómicos”. Para a organización nacionalista esta é unha cuestión “gravísima”
e destaca que resulta da iniciativa do Partido Socialista. “Faltaralle tempo ao
sucesor de Feixoo no Goberno galego para tentar privatizar a CRTVG, que xa
levan precarizando ao longo dos últimos tempos e privatizado a cachos, non sen
unha resposta social e, particularmente, dos traballadores e traballadoras da
Televisión e da Radio Galega que levan máis de 200 venres negros defendendo uns
medios de comunicación públicos independentes e de calidade” recrimina.
Recuperar o proceso de
participación pública nos proxectos eólicos
No relativo ao Real Decreto Lei 6/2022 polo que se abordaban as medidas
frente á crise xerada pola suba descontrolada dos prezos, Rego salientou a
estratexia “xa habitual” do PSOE para agochar medidas que “non teñen a ver co
obxecto do Real Decreto”. Este é o caso do Capítulo III que, en dous artigos,
modifica o procedemento de tramitación dos parques eólicos entre 50 e 75 MW
para “suprimir a declaración de impacto ambiental e substituíla por un estudo
que fagan as propias empresas e eliminar o proceso de participación social que
implica a publicación dos proxectos, a exposición pública e un período de
alegacións”.
“Frente a este boom eólico descontrolado ao servizo das grandes
multinacionais e non ao servizo dos intereses sociais, o Goberno pretende que
os cidadáns e cidadás xa non teñan sequera a oportunidade de protestar ou
presentar as súas alegacións” afirma o deputado. Todo isto, baixo o pretexto de
acurtar o procedemento e abaratar o prezo da luz.
Rego sinala que para abaratar
o prezo da luz é preciso modificar a regulación do sistema eléctrico, eliminar
o sistema marxinalista “que é o que permite o roubo legalizado que fai que as
empresas cobren toda a electricidade producida ao prezo do sistema de produción
máis caro que, neste momento, é o gas aínda que a súa participación na xeración
sexa moi pequena.
Rego lembrou que durante a negociación para a aprobación do RD, a
organización nacionalista exixiu e conseguiu que o Goberno aceptara tramitalo
como Proxecto de Lei e, consecuentemente, poida estar suxeito a modificacións.
“O Goberno tamén se abriu á posibilidade a recuperar a declaración de impacto
ambiental, mais nós o que queremos é que -como mínimo- se volte á situación
anterior”, apunta o deputado.
Por iso Rego anunciou que o BNG rexistrou xa emendas para suprimir os
artigos 6 e 7 dese decreto para garantir que existan os procedementos de
exposición pública no relativo aos proxectos eólicos e as Declaracións de
Impacto Ambiental. Para alén diso, o BNG comprométese a traballar para que haxa
“unha nova regulación que dea máis garantías de protección ambiental, social e
de retorno social dos proxectos que se presenten”. Pasar dun sistema de
autorización administrativa a un sistema de concesión en que sexan as
administracións públicas as que decidan onde e en que condicións se poden instalar
os parques. Departamento de comunicación