El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Internacional

GALICIA | PORTUGAL

O BNG exixe ao Goberno impulsar a conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal

08-06-2022 15:24:35

MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas parar reclamar ao Goberno que impulse a modernización da conexión ferroviaria Vigo-Porto, asunto prioritario para o executivo portugués. Demanda que se leven a cabo as actuacións precisas para desenvolver o proxecto e potenciar o gran dinamismo económico e industrial entre Galicia e Portugal e reclama maior grao de compromiso do executivo central con este proxecto, polo menos, a mesma implicación que o goberno da república portuguesa.

As recentes declaracións do Primeiro Ministro de Portugal, António Costa, e as do ministro luso de Obras Públicas, Transportes e Comunicações mostran o interese da república portuguesa para impulsar e modernizar a conexión ferroviaria Vigo-Porto. Unha actuación que para a organización nacionalista é fundamental “para o impulso económico, social e comercial de Galiza e Portugal e da súa poboación, cun relevante dinamismo industrial que emana da actividade económica e industrial”.

Con todo, sofre un atraso por quedar relegada durante os anos de crise económica e antepoñer outros eixos como o Mediterráneo nas planificacións do Goberno. O BNG rexistra novas iniciativas para saber se a posición do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana vai mudar despois das declaracións do ministro luso do ramo. Este, demandou ao Goberno español que impulse as saída sur de Vigo ata a fronteira, dado que ese é o propósito do Executivo portugués coa parte da liña no seu territorio.

De feito, o ministro luso marcouse como obxectivo terminar a nova liña ferroviaria entre Lisboa e Porto en 2030, seguir polo aeroporto de  Sá Carneiro ata Braga e desde alí ata a fronteira con Galiza. “Queremos saber se o executivo español comparte o obxectivo do goberno portugués e se está disposto a realizar as accións necesarias para desenvolver as obras para fomentar unha conexión ferroviaria e potenciar o gran dinamismo económico e industrial entre Galiza e Portugal” destaca o deputado do BNG.

Así mesmo, a frente nacionalista demanda información sobre o estado en que se atopa a redacción do estudo informativo para determinar o trazado do saída sur de Vigo desde  Urzáiz. “Esta obra requiriría a necesaria coordinación e colaboración entre ambos gobernos para  compasar as actuacións de forma que a modernización do tren teña lugar en tempos similares en todo o corredor. Pola contra, podería producirse o absurdo de que circulasen trens desde Porto a elevada velocidade e tivesen que pararse na fronteira” subliña Rego.

“Portugal decidiu priorizar esta conexión. Queda por saber se o Executivo español fará o mesmo. Non existe, polo momento, compromiso do executivo central coa necesaria modernización dunha conexión ferroviaria incluída na Rede Transeuropea do Transporte, e o BNG seguirá a reclamala como prioridade” destaca o deputado do BNG.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias