SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso,
responsabilizou hoxe á Xunta da desaparición de 300 pequenas empresas
familiares de transporte no novo mapa concesional galego de transporte
de viaxeiros por estrada. O goberno galego, incidiu, “deixou sen
cobertura e sen frecuencias mínimas practicamente todo o territorio
galego do interior”.
O responsable socialista criticou o
“desleixo da Xunta co seu propio país” no relativo ás concesións de
transporte por estrada, que “concentran en 3 grandes empresas, a maioría
vinculadas a fondos de inversión internacional”, prexudicando a
conectividade do interior. Lamentou esta situación por parte dun goberno
que “enche a boca de falar da Galicia baleirada”.
O
líder dos socialistas galegos apuntou á responsabilidade do goberno
galego logo das críticas que dende o Executivo autonómico e o PP están a
dirixir contra o borrador do mapa de rutas presentado polo goberno
central. Formoso confirmou que “tamén queremos denunciar o sistema no
ámbito estatal” polos recortes que aplica xa que, dixo, “nós si que
poñemos o interese xeral de Galicia por riba das siglas”.
Sanidade
Valentín González Formoso tamén aludiu á
situación de colapso sanitario, para puntualizar que “a oposición do
PSdeG é construtiva e non só sinalamos o problema, senón tamén a
solución”. Confirmou que “estamos dispostos a sentarnos nunha mesa co
orzamento da Xunta para 2023 e intentar igualar o que o resto de
territorios do Estado invisten en atención primaria”. Apuntou
que o resto do Estado inviste nestas partidas un 10 por cento máis que a
Xunta, en torno aos 140 millóns de euros adicionais que “serían
necesarios para recuperar os case 1.000 profesionais sanitarios que se
perderon dende 2009”, cando Feijoo chegou ao goberno galego”.
Así
o dixo en resposta ás críticas do PP logo da reunión mantida entre
Formoso e o presidente da Xunta o pasado luns, na que o líder socialista
lamentou a falla de concreción de Rueda con respecto ás competencias
propias do goberno galego. Puntualizou que “o que fixemos foi poñer
negro sobre branco unha situación que preocupa sobremanera á sociedade
galega”.
Emprazou ao presidente da Xunta a preguntarlle “a calquera usuario da
sanidade ou da atención primaria” que ten que agardar “14 ou 15 días”
par ser atendido, e “se ten sorte”, así como aos pacientes que agardan
entre 7 e 9 meses polo resultado dunha proba diagnóstica, ou ao “usuario
de urxencias do CHUAC que están 48 horas agardando postrados nos
corredores a que lles asignen unha simple habitación”. Departamento de comunicación