LUGO | A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou hoxe no Pazo de San Marcos xunto á presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, as bases e a convocatoria para optar a unha nova edición da Copa de España Creativa, que recoñece iniciativas innovadoras encamiñadas a promocionar o desenvolvemento sostible do territorio.
Como gañadora da pasada edición deste certame de ámbito nacional, a Deputación acollerá a final do concurso este ano coa celebración do VIII Fórum de Cidades e Territorios Creativos de España 2022, que terá lugar entre os días 10 e 12 de novembro baixo o título de Experiencias Lugo 2022 – Turismo, creatividade e innovación para o desenvolvemento sostible.
García Porto lembrou que “a provincia de Lugo será a anfitrioa deste evento, despois de gañar a última edición grazas ao proxecto que presentamos dende a Deputación de Lugo para a recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses”. A Deputada sinalou que “levamos xa varios meses traballando nos preparativos deste evento de primeiro nivel no que participarán os representantes dos 18 proxectos finalistas á Copa España Creativa”. A cita xirará en torno á temática da sostibilidade, a creatividade e o turismo, tres eixos que para a Deputación de Lugo, tal e como destacou Pilar García Porto, “son fundamentais para o desenvolvemento do territorio”.
Por un turismo de calidade e sostible
Recalcou a Deputada que “na Deputación apostamos dende fai tempo por un modelo de promoción do territorio centrado en atraer un turismo de calidade, sostible, que respecta o medio ambiente e o patrimonio e que deixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego”. Un modelo, dixo, no que “somos xa un referente” e apuntou que “o feito de ser os anfitrións da Copa de España Creativa neste ano 2022 contribuirá de maneira moi importante a incentivar este tipo de políticas turísticas creativas e sostibles, que, dende logo, son unha ferramenta importante para o desenvolvemento do rural e para fixar poboación”.
Así mesmo, explicou Pilar García Porto, ser sede deste certame “contribuirá á promoción da provincia de Lugo a nivel nacional e mesmo internacional, tanto da nosa riqueza patrimonial, medioambiental e cultural, como tamén gastronómica, o que terá un impacto positivo na actividade económica da provincia, tanto a curto, como a medio e longo prazo”.
A Copa de España Creativa inclúe catro modalidades: para cidades ou municipios de máis de 50.000 habitantes; para administracións de menos de 50.000 habitantes; para diferentes territorios, como rexións, illas, comarcas, provincias ou mancomunidades; e para empresas e outras entidades que dialoguen co territorio e impulsen proxectos de ámbito local ou rexional.
Os proxectos deberán abarcar dúas áreas diferentes, como urbanismo, medio ambiente, transporte, enerxías renovables, saúde, tecnoloxía, deporte ou educación, pero será requisito imprescindible que a cultura e a innovación sexan parte do mesmo. Deben ser proxectos en marcha, cun máximo de antigüidade do 1 de xaneiro do 2020, ou aínda sen executar, co compromiso de que comecen neste ano 2022.
O prazo de presentación e envío dos proxectos estará aberto ata o día 22 de setembro incluído, e poderanse remitir ó correo electrónico info@espanacreativa.es con copia a info@masterecononiacreativa.es. Será un xurado de expertos o que determinará os finalistas e nunha segunda fase abrirase unha votación popular, que representará o 70% da puntuación final destes 18 seleccionados. O outro 30% corresponderá ao xurado de expertos, cuxos nomes se darán a coñecer antes do 22 de setembro. Departamento de comunicación