MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o
rexistro de novas iniciativas para que sexa coñecida toda a información sobre o
acontecido no viaduto da A-6. Solicita unha auditoría completa das
infraestruturas similares, de viadutos e túneles, e reclama total transparencia
por parte do MITMA ante informacións que apuntan a un “aforro de materiais” e erros
cometidos no proceso construtivo desta
infraestrutura que só ten 20 anos de antigüidade e leva xa 10 en reparación. A
organización nacionalista sinala a relación directa existente entre a corrupción
do Partido Popular e as empresas construtoras que resultaron adxudicatarias
sendo presidente José María Aznar e Ministro de Fomento Rafael Arias Salgado.
Aliás, salienta o oscurantismo do Ministerio e o desinterese da ministra, que
tardou 10 días en visitar o lugar.
O BNG
leva de novo ao Congreso o derrubamento do viaduto do Castroda autovía A-6 para
reclamar luz e taquígrafos sobre as posíbeis causas do colapso dunha
infraestrutura de recente construción -20 anos-, caso sen precedentes no Estado
español e que, a pesar diso, está sendo tratado cun alto grao de desinterese
por parte do Ministerio de Transportes “a pesar de que afecta unha vía de
comunicación fundamental para a Galiza e millares de usuarios e usuarias cada
día”.
“A
Ministra tardou dez días en visitar a infraestrutura. Pregúntome canto tardaría
se o mesmo suceso tivese acontecido noutro territorio. Se fose na Comunidade de
Madrid tardaría dez días ou faríao o mesmo día ou o día seguinte?” pregunta de
maneira retórica o deputado nacionalista. Rego lembra que o BNG rexistrou
iniciativas xusto despois de producirse o derrubamento e mesmo solicitou a
comparecencia da Ministra no Congreso para coñecer toda a verdade do acontecido.
Con
todo, o deputado anuncia o rexistro de
novas iniciativas na cámara baixa para reclamar total transparencia ante
explicacións incoherentes por parte das autoridades responsábeis e aínda de
novas informacións que os medios de comunicación foron revelando ao longo dos
días.
“A
primeira información difundida pola Administración era que se apreciara
corrosión nos cables metálicos mais o Ministerio tamén informa que os cables xa
foran mudados” destaca o deputado, “polo que esa non debeu ser a causa do
colapso” Rego sinala que existe un informe de 2003 que alertaba na altura de
que en determinados tramos -tamén no que colapsou- se optara por levar ao
limite as posibilidades de prefabricación obtendo estruturas moi esveltas e cun
importante aforro de material e, polo tanto, cun importante aforro económico.
En
palabras do deputado do BNG, as empresas construtoras -FCC e ACS- puideron
procurar levar tamén ao límite o maior aforro na execución da obra. “Desde o
primeiro momento houbo un claro interese en ocultar quen foran as empresas
construtoras e, agora, todo apunta a que houbo erros no proceso construtivo e,
por tanto, responsabilidade directa das empresas construtoras” recrimina. De
feito, lembra que as primeiras denuncias xa se produciran durante as obras da
infraestrutura: “En 2001, o BNG de Becerreá cualificaba de “chapuza” a
construción destas obras, de facto, o portavoz municipal do BNG no Concello,
Antón Bao foi detido pola Policía por se encadear ás máquinas escavadoras para
paralizar a construción dunha autovía que non se estaba a realizar nas mellores
condicións”.
Relación directa das empresas construtoras coa corrupción
Para o
deputado do BNG existe unha relación directa entre as empresas construtoras
desta infraestrutura e a corrupción do Partido Popular. Cabe lembrar que a
adxudicación destas obras foi realizada por un Goberno do Estado presidido por
Aznar e sendo Ministro de Fomento Arias Salgado. “Segundo as informacións que
Modesto Fernández facilitou durante o proceso de investigación a Luís Bárcenas,
foron entregadas cantidades ao Partido Popular por parte de FCC, 108 mil euros,
e tamén por parte de ACS, 60 mil euros” destaca Rego.
Néstor
Rego salienta que non se pode aceptar con normalidade que colapse unha
infraestrutura nova, con só 20 anos
desde a súa construción -e que, por acaso levaba mais desde hai 10 anos con
reparacións- “polo que é preciso investigar as causas, as responsabilidades e
dar unha inromación completa ao conxunto da cidadanía”.
"Insuficiente" o anuncio da baixada
do IVE a 5% na factura da luz
Durante a sesión de control, o
Presidente do Goberno avanzaba como nova medida que aplicará o executivo a
baixada do IVE na factura da luz a 5%. A organización nacionalista entende que “é
unha medida insuficiente e que chega tarde”. Rego lembrou que o BNG leva anos
e, con insistencia nos últimos meses en relación coa suba de prezos, demandando
a baixada do IVE da luz a 4% por ser un ben esencial. Iso si, sempre defendendo
que esa medida debe ir á par doutras que garantan que non se perden ingresos e
unha fiscalidade máis xusta.
“É unha medida insuficiente se
non ven acompañada dun imposto aos beneficios extraordinarios das eléctricas,
que fan negocio con bens públicos como a auga ou o vento. Ou con medidas como
unha modificación global da regulación do sistema eléctrico para rematar cos
beneficios chovidos do ceo” enumera o deputado, incidindo na necesidade de
eliminar o mercado marxinalista e pasar ao pagamento polos custos de produción.
Lembrando a proposta do BNG dunha
empresa pública galega de enerxía e dunha Tarifa Eléctrica Galega, Rego
insistiu en que hai que camiñar “na creación de empresas públicas que dean
marxe ás administracións para actuar no mercado eléctrico. Parécenos que é positivo
que o Goberno do Estado escoite e execute as propostas do BNG mais se non se
anuncian outro tipos de medidas, serán insuficientes” conclúe. Departamento de comunicación