MADRID | O informe
negativo remitido pola Xunta de Galiza en relación ás autorizacións de
proxectos eólicos que dependen do MITECO avala os milleiros de alegacións
cidadás e o movemento social contrario á instalación no territorio galego destes
parques por non respectar o medio natural, o patrimonio nin o benestar das
persoas. Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra
novas iniciativas para que o Goberno do Estado respecte a decisión da
Administración galega e denegue a tramitación dos 65 proxectos de parques eólicos
informados negativamente e que prime a protección ambiental e social por enriba
dos intereses das compañías eléctricas.
Nos dous últimos anos, as solicitudes para a
instalación de parques eólicos na Galiza multiplicouse de maneira exponencial.
No mes de xuño atopábanse en tramitación un total de 275 proxectos, de 11.200
MW, o que triplicaría a potencia eólica instalada a día de hoxe no País. Até o momento, a Administración galega
rexeitou un total de 149 proxectos que sumaban aproximadamente 7.500 MW.
“Galiza xa é un dos territorios con maior número de parques na Europa, cunha
media de 115 KW por cada quilómetro cadrado mentres que a media do Estado se
sitúa en 46 e a media de Alemaña está en 73 KW” explica o deputado do BNG.
Rego destaca que os proxectos de parques eólicos
que superan os 50 MW deben tramitarse a través do Ministerio para a Transición
Ecolóxica, sendo polo tanto a administración competente para autorizar, a pesar
de que a Xunta considere que a súa situación afecta negativamente ao medio e ás
persoas. “A principal razón pola que estes proxectos contan cun informe
negativo por parte da Xunta de Galiza é que solicitan implantarse fóra das
áreas de desenvolvemento eólico e mesmo que invadirían espazos protexidos pola
Rede Natura ou que se solapan con parques eólicos xa existentes” destaca Rego.
De seguir adiante coa autorización deste proxectos, o deputado nacionalista
salienta que “suporía unha laminación das competencias da Galiza en materia de
ordenación do seu territorio, de protección do medio ambiente e das persoas”.
Paralelamente a este informe, cabe destacar o
aumento da presión social e veciñal en contra da localización e implantación de
megaparques eólicos na Galiza polo seu gran impacto. Ademais das numerosas
plataformas veciñais e cidadás creadas no País demandando a paralización dos
proxectos eólicos, o BNG xa reclamou reiteradamente a necesidade de
coordinación entre Ministerio e Goberno galego para realizar unha Planificación
Eólica conxunta asentada en “criterios de proporcionalidade, racionalidade e
equilibrio, que protexa ás persoas, o patrimonio natural e cultural respectando
o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e
forestal”.
Ademais de exixir ao MITECO que rexeite os 65
proxectos de parques eólicos informados negativamente pola Xunta de Galiza, a
organización frentista tamén demanda do Ministerio que sexa “máis exixente cos
criterios para autorizar proxectos de parques eólicos e que se respecten as
competencias galegas”, apunta o deputado nacionalista, “é necesario revisar o
actual sistema de autorización”. De facto, Néstor Rego lembra que durante a
negociación para a convalidación do Real Decreto Lei 6/2022, o BNG logrou que
fora tramitado como proxecto de lei para así, poder introducir emendas que
garantisen o mantemento da participación pública nos procedementos de
autorización de proxectos de enerxías renovábeis, como o caso de megaproxectos
de parques eólicos e a exixencia dunha Declaración de Impacto Ambiental. Departamento de comunicación