MADRID | O Bloque Nacionalista Galego lamenta a ausencia da Galicia entre as prioridades e preocupacións do Goberno do Estado após o discurso do Presidente e demanda medidas estruturais ante o anuncio de medidas conxunturais e temporais. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia que a organización nacionalista centrará este debate en dous eixos fundamentais: defender os intereses dos galegos e galegas -garantindo o cumprimento dos acordos e un maior investimento para o País- e medidas máis eficaces para controlar a suba de prezos que está a provocar o empobrecemento das clases populares galegas e do conxunto do Estado.
“Constatamos que a Galiza non estivo presente no discurso do Presidente do Goberno. Galiza está ausente das prioridades e preocupacións do Goberno do Estado” comeza a intervención o deputado nacionalista. Rego indica que, pola contra, “si que falou doutros territorios como Cataluña, Valencia, Madrid, Estremadura..., de proxectos industriais noutros territorios do Estado e de PERTEs que moverán importantes cantidades de diñeiro mais dos que o noso País se vai beneficiar pouco”.
En contraposición, o deputado nacionalista avanza cales serán os eixos fundamentais que defenderá a frente nacionalista nas súas propostas de resolución. Por unha banda, a defensa dos intereses dos galegos, reclamando que o Goberno cumpra os compromisos adquiridos coa Galicia. A destacar, as medidas aínda non executadas do Acordo de investidura, especialmente en relación aos investimentos en materia de infraestruturas -sobre todo ferroviarias- e servizos, medidas para reverter a grave crise industrial, a creación de tres xulgados de violencia de xénero, a resolución do problema dos emigrantes retornados con Facenda ou o rescate da concesión da AP-9 e a súa transferencia á Galicia.
Para a organización nacionalista é preciso rematar co “déficit histórico que sofre a Galiza” que, mesmo se agrava ao non se executar a totalidade dos orzamentos previstos. Exemplo disto son os Orzamentos de 2021 -xa os máis baixos en 17 anos-, que tan só foron executados en 67%, mentres en Madrid foron executados os 184% (case o duplo do orzamentado). “Reclamaremos, ao mesmo tempo, o fin do espolio eléctrico do noso País, a compensación pola condición de País produtor excedentario de enerxía eléctrica a través da Tarifa Eléctrica Galega” destaca.
Por outra parte, Rego sitúa “na boa dirección” algunhas das medidas anunciadas, como o imposto ás eléctricas ou ás entidades bancarias, “que Sánchez anuncia pola presión social crecente” mais expresa dúbidas en canto á súa concreción e formulación. O deputado nacionalista salienta que o BNG defendeu sempre un imposto ás grandes enerxéticas e á banca, mais entende que “debe ser permanente e non temporal, como anunciou o Goberno e sobre a totalidade dos lucros”. A fórmula “sobre os beneficios extraordinarios” é tremendamente ambigua. “Cales son os lucros “ordinarios” das enerxéticas? Os indecentes 6.500 millóns de eruos das tres grandes eléctricas de 2021? Os máis de 10.000 das enerxéticas do Ibex 35? Os 20.000 millóns da banca?” inquire Rego, que asegura que haberá que esperar a ver como se concreta.
En todo o caso, o deputado do BNG salienta que “estamos a falar de medidas conxunturais e temporais mais non de medidas estruturais que vaian ao fondo do problema: á modificación da regulación do sistema eléctrico, eliminando o mercado marxinalista; á creación de empresas públicas de enerxía, ou mesmo, con carácter urxente a pór un tope ao prezo da luz e dos combustíbeis aos usuarios finais á conta dos lucros das enerxéticas, única medida que pode resultar eficaz no curto prazo neste contexto”.
Da mesma maneira, o BNG demandará medidas “máis contundentes” para atallar a crise que sofren as clases populares. “O Goberno do Estado debe dar un xiro nas súas políticas: derrogar de verdade a Reforma Laboral do PP, abandonar os recortes nas pensións, derrogar a Lei Mordaza, rematar coa impunidade do franquismo ou renunciar a un aumento do gasto militar que só pode ir en detrimento das políticas sociais e de apoio á economía produtiva” enumera o deputado nacionalista. Departamento de comunicación