MADRID | O
Bloque Nacionalista Galego coordina accións no Parlamento de Galicia e no
Congreso e reclama que se inicie o procedemento de declaración de zona
catastrófica nas áreas do País afectadas pola vaga de lumes e que se aproben
axudas económicas a todas as persoas que se viron afectadas, así como medidas
fiscais, laborais e de Seguranza Social para paliar os danos. María G. Albert e
Néstor Rego, deputados do BNG na cámara galega e estatal, demandan a
coordinación entre as diferentes administracións para que existan “todas as
axudas, recursos e medios necesarios para a recuperación dos bens queimados”.
Alén do máis, mostran a súa solidariedade cos centos de persoas afectadas e
recoñecen o labor dos profesionais do servizo de prevención e defensa contra os
lumes da Galiza.
O lume está a provocar graves
danos en distintos concellos da Galiza nos últimos días. Levan ardidas máis de
20.000 hectáreas nun total de 16 lumes rexistrados desde o xoves, 14 de xullo,
segundo as primeiras estimacións, e preto de 1.400 persoas evacuadas en 80
núcleos de poboación. As zonas máis afectadas son as pertencentes ao Courel
–con 60 núcleos- e Valdeorras, cun total de 20. Non só se destruíu masa forestal,
o lume no seu avance imparábel queimou vivendas e aldeas por completo. Este é o
caso da parroquia de Alixo no Barco de Valdeorras, do núcleo de Río de Bois na
Pobra do Brollón, da Veiga de Cascallá en Rubiá ou da aldea de Vilar, en
Folgoso do Courel. Así, segundo os últimos datos, son xa un total de 85 casas as
arrasadas polo lume.
En primeiro lugar, a frente
nacionalista amosa a súa solidariedade con todas as persoas afectadas que están
a asolar o País- O Courel, Valdeorras e a Serra do Invernadoiro- case todos
estes lumes xerados a raíz da tormenta explosiva do pasado xoves.
Así mesmo, recoñecen o traballo
das e dos profesionais do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais
da Galiza. “Están a facer un labor excepcional nunhas condicións moi precarias,
con falta de medios, brigadas incompletas, falta de medios aéreos e de
maquinaria terrestre” enumera a deputada no Parlamento de Galiza mentres incide
na valentía das profesionais que “reenganchan xornadas de traballo e mesmo
presentándose voluntarios para tentar que este País non arda polos catro
costados”.
“O BNG pedirá no Parlamento de
Galiza e no Congreso dos deputados que se declaren estas zonas –sobre todo a Serra
do Invernadoiro, a zona do Courel e a zona de Valdeorras que inclúe o Parque
Natural da Enciña da Lastra- como zonas catastróficas para que se habiliten
axudas para que a cidadanía poida recuperar o que perderon e rehabilitar e
recuperar estas zonas tan sensíbeis que son os pulmóns do interior da Galiza e
que se viron afectados por esta vaga de lumes” indica Albert.
Pola súa banda, o deputado do BNG
no Congreso, Néstor Rego, entende que é necesario iniciar canto antes as
medidas que poidan “reparar e indemnizar os danos causados. A Administración
Xeral do Estado, unha vez terminado o balance de danos, debe impulsar a
declaración de emerxencia de protección civil”. Neste sentido, Rego apunta a
que debe existir colaboración de todas as administracións para que se reverta o
dano que causado e “actuar coa máxima celeridade para non deixar desprotexidas
as persoas afectadas”.
“A lei estatal contempla que
cando ocorra un fenómeno extraordinario pola súa magnitude e gravidade e altere
as condicións de vida dos cidadáns, poden pórse en marcha diferentes tipos de medidas
e axudas coa a declaración de emerxencia de protección civil por Acordo do
Consello de Ministros, a proposta do Ministerio de Facenda e de Interior”
lembra Rego. Para unha declaración deste tipo, a lei recolle que “se valorará
que se produciron danos persoais ou materiais derivados dun sinistro que
perturbe gravemente as condicións de vida da poboación nunha área xeográfica
determinada”.
Paralelamente á aprobación como
zona catastrófica, Rego afirma que tamén será preciso aprobar e estabelecer as
medidas contempladas no artigo 24 da Lei de Protección Civil que comprenden
axudas económicas a particulares, así como medidas fiscais, de exención
tributaria ou medidas laborais e de Seguranza Social. “Queremos que a veciñanza
dos municipios afectados se poida acoller canto antes a este tipo de axudas”
afirma o deputado do BNG no Congreso.
Mudar as políticas forestais na Galiza
A organización nacionalista
entende que a ordenación do territorio que está a desenvolver a Xunta de Galiza
nos últimos anos está a favorecer a propagación dos lumes. “Demostran que a
política forestal da Xunta non está a funcionar nin a servir para protexer o
País. Este momento debe ser un punto de inflexión nas políticas de defensa
contra os incendios forestais” destaca María G. Albert que critica o abandono
do interior do País que está a realizar a Administración galega. Departamento de comunicación