A CORUÑA | A Deputación da Coruña levará ao próximo pleno unha proposta para ampliar o servizo de Teleasistencia aos municipios de ata 75.000 habitantes, aumentando así a cobertura actual, que actualmente chega ata aquelas vilas de 50.000 habitantes ou menos. A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, anunciouno esta mañá tras unha reunión de traballo mantida coas concelleiras de Servizos Sociais de Ferrol e Narón, Eva Montero e Catalina García, no Fogar Infantil da Deputación en Ferrol.
Neste encontro tamén se acordou que a administración provincial habilitará e sufragará un servizo de transporte entre os centros educativos e o Fogar Infantil de Ferrol, unha demanda dos municipios que lles permite retomar unha ferramenta da que dispoñían os usuarios e usuarias ata a chegada da pandemia. “Hoxe podemos anunciar moi boas novas”, destacou Ana Lamas, que fixo referencia á ampliación “do arco de concellos que poden adherirse á Teleasistencia para, desa maneira, dar cobertura tamén ao Concello de Ferrol, que era unha demanda transmitida desde hai tempo por parte da concellería”.
A deputada tamén explicou que “no caso do servizo de transporte para o Fogar, desde a Deputación tiñamos a capacidade de dar resposta a este servizo, que se iniciará nos próximos días e que redundará en beneficio das familias e dos nenos e nenas”. “Para nós é unha prioridade colaborar cos concellos, é a nosa razón de ser, e entendemos que a protección á infancia é unha das nosas prioridades”, afirmou.
Pola súa parte, Eva Montero salientou que “grazas a esta decisión da deputada vamos vernos beneficiados dun recurso que para é moi importante para Ferrol porque hai familias que precisaban este servizo de transporte, que precisaban comer nestas instalacións e dentro duns días poderán volver a facelo”. “No caso da teleasistencia, para nós é tremendamente importante por dúas cuestións: a calidade do servizo que presta a Deputación é magnífico, máis moderno que o de Ferrol e que pode chegar a moitas máis persoas, e, ademais, permitiranos dispor dun maior orzamento en Benestar Social”, engadiu.
Catalina García indicou que “en Narón temos cinco prazas conveniadas co Fogar, non porque non haxa máis nenos e nenas que o precisen se non pola falta de transporte” e cualificou este día como “de celebración e agradecemento polo esforzo e a impliación da Deputación xa que o servizo vai supor un beneficio que redunde nos nenos e nenas e nas familias”.
O Fogar Infantil de Ferrol, dependente da Deputación da Coruña, é un centro de Día ao que, por unha banda, os nenos e nenas de ata 12 anos acoden despois da xornada escolar para comer e realizar actividades extraescolares como medida de conciliación para as familias e, pola outra, durante a mañá ofrece un servizo de escola infantil para menores de 3 anos. Departamento de comunicación