PONTEVEDRA | O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, denunciou hoxe que o desvío a fins descoñecidos de 159 millóns de euros do Fondo Covid transferidos polo Estado a Galicia contribuíu a agravar aínda máis o deterioro da sanidade pública, pois perdeuse a oportunidade de reforzar as contratacións na atención primaria e de recuperar os 976 profesionais sanitarios que se perderon dende o ano 2009.
En declaración feitas diante PAC da Parda, na cidade de Pontevedra, o líder dos socialistas galegos sinalou que este centro de saúde é un exemplo da “lesiva fotografía” dun sistema sanitario que foi “abandonado” polo presidente da Xunta. Apuntou tamén que ese deterioro podería resolver en gran medida se realmente se investiran na sanidade os 159 millóns de euros do Fondo Covid que, segundo o Conello de Contas, foron desviados sin que se saiba a onde foron a parar.
Formoso insistiu na necesidade de recuperar os 976 profesionais sanitarios que se perderon na atención primaria dende a chegada do PP ao goberno da Xunta, hai 13 anos, que requirirían dunha inxección orzamentaria de 139 millóns de euros. Así que os 159 millóns de euros “desaparecidos” que transferiu o Estado permitirían terminar coa falta de persoal nos centros de saúde e recuperar a calidade asistencial que merecen as galegas e os galegos.
O número un dos socialistas galegos esgrimiu que “o lema” do partido vai ser que “Galicia non é nada sen o seu sistema sanitario” e, por esa razón, o compromiso principal co país comeza por saber onde foron a parar eses 159 millóns de euros que deberían destinarse a mellorar a “saúde de todos os galegos e galegas”. O Parlamento galego ten que investigar, dixo, o que fixo o goberno de Rueda con eses fondos.
Considerou que o executivo galego ten un claro “desleixo” co sistema sanitario, medible con “datos concretos” como a baixada orzamentaria da partida para sanidade dun 2%, mentres que no resto de comunidades autónomas crece de media un 12% o investimento nos sistemas públicos de saúde.
Para o secretario xeral do PSdeG eses cartos deberían aproveitarse para solucionar algúns dos problemas esenciais da sanidade galega, como son que para un diagnóstico dun especialista haxa que esperar ata oito meses, os corredores “ateigados” dos hospitais con xente dous días sen ter unha cama asignada ou ter que pasen incluso 15 días ata conseguir unha cita co médico de cabeceira.
A propósito da visita a un centro de atención primaria, denunciou a espera para ser atendido polo médico de cabeceira, que antes “nunca xamais” pasara en Galicia e agora “se está empezando a normalizar”, polo que denuncia que a Xunta en “en vez de investir en máis profesionais” aumente o sistema de atención telefónica, o cal encontra “discriminatorio coa maiores” da sociedade galega.
Nesta liña, remarcou outra proposta dos socialistas no Parlamento galego para modificar a lei de saúde pública de Galicia é a de establecer un máximo de 48h para ser atendido polo médico de cabeceira, obrigando a facer as actuacións necesarias ao executivo para garantir esta cobertura.
Varios cargos institucionais e orgánicos do PSdeG acompañaron a Formoso na súa comparecencia en Pontevedra. Entre eles, o portavoz de sanidade no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, que subliñou que o PAC da Parda en Pontevedra é unha “mostra clara” dos problemas da sanidade galega, sendo “paradigmático” polos seus “problemas estruturais” tras “10 anos de recortes”, e outros derivados do verán por ter que asumir un exceso de poboación turística ao pertencer á area sanitaria de Pontevedra-Salnés, cuxos PAC deron mostras constantes de “precariedade”.
Tamén estiveron presentes varios concelleiros, a deputada autonómica Paloma Castro ou a secretaria xeral da agrupación local do PSdeG e subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, quen puxo o foco no intenso traballo que están a facer os socialistas para defender a sanidade pública e mellorar as condicións da atención na área de Pontevedra. Departamento de comunicación