SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai levar ao pleno do Parlamento unha proposición non de lei para reclamar a retirada do agasallo fiscal de 34 millóns de euros anunciado polo Goberno do PP ás 7.700 persoas máis ricas de Galicia, cun patrimonio medio de seis millóns, un pelotazo fiscal “inxusto, insolidario, antisocial e que atenta contra o benestar dos galegos e das galegas”, recalcou a líder do Bloque durante a visita ao Museo do Pobo Galego.
Pontón demanda ao presidente da Xunta que deixe de “enganar” á cidadanía porque o que está facendo o PP é “baixarlle máis impostos a quen máis ten”, de tal xeito que para unha persoa cuns ingresos de 12.500 euros supón 50 euros ao ano, mentres que unha persoa cun patrimonio superior a un millón de euros, deixa de pagar 4.415 euros ao ano, “88 veces máis de rebaixa para os máis ricos”, sintetizou.
A portavoz do Bloque destacou que 34 millóns “non son o chocolate do loro”, significan 700 médicos ou médicas en atención primaria, 900 profesores e profesoras, recuperar a gratuidade dos libros de texto ou significan 12.000 axudas para o aluguer, é dicir, son más recursos para o acceso á vivenda, para a educación e para a sanidade públicas. Pontón defende unha fiscalidade xusta porque os impostos son clave para manter unha sociedade xusta e do benestar, “e temos dito moitas veces que os recortan matan, pero os impostos salvan vidas”, subliñou.
Por iso, o Bloque defende unha fiscalidade progresiva e redistributiva que permita a xustiza social e servizos públicos de calidade. Neste sentido, avanzou que o BNG levará ao Parlamento unha proposta fiscal alternativa ao do PP, que incide precisamente no principio básico de que pague máis quen máis ten, con dúas medidas clave.
En primeiro lugar, incrementar nun 10% o mínimo exento de tributar por IRPF, así como aumentar de cinco a oito o número de tramos na declaración do imposto da renda, un deses novos tramos para rendas superiores a 100.000 euros/ano. En segundo lugar, aumentar o imposto de patrimonio deixando en 300.000 euros o mínimo exento, excluída a vivenda habitual. “É o que se debe facer por xustiza social nun momento de crise como este no que non caben os agasallos fiscais aos máis ricos e tendo en conta que os pelotazos fiscais de hoxe son a débeda e o déficit público que mañá que pagarán os galegos e as galegas”, concluíu. Departamento de comunicación