CAMELLE | No acto organizado polo BNG na localidade de Camelle, concello de Camariñas, para lembrar os vinte anos da catástrofe do Prestige, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que ante este desastre ecolóxico “o pobo galego respondeu con dignidade, orgullo, valentía e coraxe” e amosou toda a súa “indignación” ante as mentiras, manipulación e incompetencia do Goberno Popular no Estado e na Xunta coa intención de tapar “o desastre”.
Dende o acontecido co Prestige, dixo Pontón, cambiaron moitas cousas e todas elas grazas a mobilización da cidadanía. Demostramos ao mundo que somos “un pobo vivo que medra ante as dificultades e que nos revelamos para reclamar xustiza e dignidade fronte o abandono e o maltrato dun Estado instalado na discriminación e no “ninguneo” e tamén ante un goberno da Xunta que se militaba a ser “cómplice” desa discriminación. A dignidade colectiva demostrada polo pobo galego, reiterou Pontón, non ten comparación con ningunha outra resposta social en ningún outro lugar do mundo ante unha situación similar.
A nacionalista lembrou con emoción as imaxes dos mariñeiros “tinguidas de negro” para defender o seu medio de vida e o seu futuro ás que sumou as de polideportivos cheos de homes e mulleres, manifestacións masivas, cadeas humanas e persoas voluntarias que acudían impresionadas pola dignidade do pobo galego ante a maior catástrofe da historia nas costas galegas.
Ademais tamén se referiu ao movemento cívico “Nunca Máis” e a participación do BNG, a súa militancia e responsables políticos en todas as reivindicacións, “púxemos o BNG ao servizo de Galiza na súa hora máis difícil” e nunha mobilización social e política sen precedentes que deron como froito reclamacións que antes do Prestige nos eran negadas”. Conseguimos mellorar os medios en salvamento marítimo por parte do Estado e a Xunta. Sabemos, puntualizou, que estes medios aínda son insuficientes pero foi un avance neste ámbito. Ademais foi ampliado o dispositivo de separación de tráfico no corredor marítimo de Fisterra, a retirada progresiva dos buques monocasco e a implantación de seguros para cubrir danos medioambientais. O risco despois de vinte anos, recalcou a portavoz do BNG “permanece” e tamén a “irresponsabilidade política” dos de sempre, deses que pensan que a “nosa costa pode ser gobernada dende os despachos de Madrid”.
Servizo público de salvamento
Neste sentido, manifestou que Galicia “ debe coller as rendas da súa costa, do noso litoral” e por iso dende o BNG reclamamos: “a transferencia en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña”, porque unha das grandes leccións que nos deixou o Prestige é que debemos decidir sobre o noso mar. “Madrid o único que fixo foi converter un accidente na maior catástrofe ambiental da nosa historia”.
Ademais da transferencia de salvamento marítimo, a nacionalista reclamou “todas as competencias” nesta materia porque a seguridade no mar, “non pode seguir en mans privadas que só queren facer negocio”. Queremos que se controlen os sentinazos fronte á costa galega e non se está a sancionar esta práctica e sobre todo, exiximos o tratamento definitivo das “10.000 toneladas de chapapote almacenadas nas instalacións de SOGARISA”.
Finalmente, Ana Pontón tamén se referiu a demanda dun heliporto na Costa da Morte que despois de mercar os terreos e licitar as obras comprobaron que o emprazamento “non era apto” para que puidesen operar os helicópteros, “un novo exemplo de despilfarro económico decidido dende Madrid e baixo unha grande ignorancia das necesidades de seguridade que precisamos en Galiza, criticou.
O acto do BNG, organizado na localidade de Camelle contou coa presenza dos responsables municipais e simpatizantes da Costa da Morte e as intervencións do responsable comarcal, Xurxo Rodríguez Baña e a portavoz municipal do BNG, Belén Campos que como miles de galegos e galegas viviron de primeira man a catástrofe do Prestige e mobilizáronse en defensa de Galiza en ante o maior desastres ambiental da súa historia. Departamento de comunicación