DEPUTACIÓN DA CORUÑA | O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asistiu no día de hoxe ao acto de presentación dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) do Goberno de España, que se celebrou en Santiago de Compostela. O dirixente provincial destacou “o paso dado polo Goberno de España, a través da cogobernanza e coordinación no eido turístico habilitando estes fondos, que se destinan a todos os concellos galegos que levan tempo reclamando ter un mínimo de protagonismo máis aló do Camiño de Santiago”.
“Desde a Deputación da Coruña estamos a realizar unha aposta económica importante, con 12 millóns de euros, nun sector que nos está dando un gran resultado, con proxectos que apostan por territorios cun gran valor patrimonial e que espertan un gran interese turístico a través do desenvolvemento sostible” engadiu Formoso. A entidade provincial lidera catro proxectos que se desenvolven nun total de 22 concellos da provincia, cun investimento de case 6 millóns de euros financiados a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España (Next Generation).
Cada unha destas iniciativas desenvólvese dentro dun marco fundamentado en catro eixos, que son a transición verde e sostible, a eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade turística. Os Fogóns de Anllóns é un proxecto estratéxico para a comarca de Bergantiños, que conta cun total de 21 accións a desenvolver ata 2025. Está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible.
A creación dunha rede de miradoiros, a organización de servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, accións orientadas a explicar —con realidade aumentada e códigos QR— a gastronomía local, e o embelecemento de restaurantes, son varias das propostas dun completo programa de iniciativas que contan cun investimento de 1,5 millóns de euros.
A Vía Verde Santiago-Cerceda, a máis longa de Galicia, preséntase como unha oportunidade para o turismo sostible, cun investimento de 1,4 millóns de euros. A Deputación impulsa este proxecto que abarca os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso e Santiago a través de 36 km sobre as antigas vías do ferrocarril, que se poden transitar en bicicleta ou camiñando.
Esta infraestutura está enmarcada no Plan Nacional de Turismo Enogastronómico, que busca impulsar o destino turístico da Vía Verde como unha alternativa de turismo sostible baseada no desenvolvemento dun produto singular a partir da gastronomía e os recursos inmateriais vinculados ao territorio. O Xeoparque Ortegal aposta polo turismo no territorio que abarca os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.
A deputación apoia cun investimento de 1,5 millóns de euros este proxecto, co obxectivo de reforzar tamén a candidatura para ser declarado Xeoparque Mundial pola Unesco, unha distinción que ata agora só teñen as montañas do Courel en Galicia. O Consello de Xeoparques da UNESCO xa propuxo oficialmente a candidatura, que esperamos que sexa realidade o vindeiro mes de maio, integrando ao Ortegal na Rede Mundial de Xeoparques.
O Plan inclúe 40 accións para o período 2022-2024 que contribúan a crear un destino que atraia turismo de calidade, centrado na xeoloxía e a natureza. O Proxecto Fragas do Eume implica aos concellos de As Pontes, A Capela, Cabanas, Monfero e Pontedeume. Está encamiñado a incrementar a sustentabilidade e capacidade operativa do territorio, reforzando a colaboración público - privada para respostar á necesaria adaptación dos destinos turísticos consecuencia da crise sanitaria global, cunha achega de 1,5 millóns de euros.
Crearanse rutas micolóxicas, florísticas, etnográficas e similares; implantarase unha lanzadeira eléctrica; establecerase unha nova área de servizo de caravanas en zona de estacionamento disuasorio, crearase un centro BTT; adecuaranse rutas para bicicletas; adquiriranse bicicletas eléctricas e establecerase unha nova páxina web e aplicacións, entre outras cousas. Departamento de comunicación