El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso destaca o potencial de Galicia en enerxías renovables

defende un modelo de “participación pública” nun eido “estratéxico”

13-01-2023 15:14:57
Valentín González Formoso (i).

A CORUÑA | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou hoxe o potencial de Galicia na produción de enerxías renovabes e defendeu un modelo de “participación pública para un asunto estratéxico como é o da enerxía”. Formoso considerou necesario “seguir apostando polas enerxías limpas e renovables, que ademáis nos permitan non depender de fontes de enerxía procedentes de países convulsos politicamente” onde hoxe se producen combustibles fósiles coma o gas natural ou o petróleo.  

Fíxoo na inauguración do seminario ‘As políticas enerxéticas das entidades locais: novos escenarios’, organizado pola Cátedra de Dereito Local da Deputación e a Universidade da Coruña, na que estivo acompañado polo decano da facultade de Dereito da USC, Xulio Ferreiro, e polo director da Cátedra, Carlos Amoedo.  

Formoso quixo agradecer “á USC, ao seu decano e ao responsable da Cátedra de Dereito Local que teñan a capacidade de afondar nun asunto que agora mesmo é unha das máximas preocupacións dos xestores públicos” e sinalou que “o cambio de modelo enerxético é dunha necesidade imperiosa e, polo tanto, este tipo de xornadas, onde especialistas na regulación enerxética explican as posibilidades que se abren para os xestores públicos, son esenciais”.  

“Temos que ser conscientes de que a factura enerxética é un dos grandes asuntos que agora mesmo preocupa, xa non só ao eido local, senón á sociedade”, explicou o presidente provincial, que lembrou que “están a acreditarse moitos dos fallos de planificación e xestión pública dos últimos anos e tamén dos acertos no eido actual”. 

“Aínda estamos a tempo de recuperar para o papel público certo espazo de xestión, de converter a Galicia e a España nun lugar de produción de enerxía limpa, autóctona, soberana, que nos permita non depender de territorios convulsos onde hoxe se produce o gas ou petróleo”. 

Ao respecto disto, Formoso eloxiou a aposta da Unión Europea no ámbito enerxético, “que acerta, e acerta tamén o Goberno de España, claramente cunha visión de futuro, que queda aínda máis acreditada co que estamos vendo coa guerra de Putin”. “Esa aposta pola implantación das enerxías renovables a curto plazo, pola redución de emisións, e polas enerxías renovables que poidan aproveitar os recursos autóctonos, é unha aposta que nos alonxa da dependencia que tanto dano nos está a facer e que tanta incertidume está a xerar na cidadanía”.  

“Temos que poñer orde dentro das nosas propias posibilidades”, salientou, indicando que “neste caso non son poucas e creo que é un auténtico acerto o que se está a facer no ámbito estatal e que cada un aportemos o noso gran de area”, facendo referencia ás novas posibilidades de crear operadores enerxéticos locais, á implicación das comunidades enerxéticas nas posibilidades que se abren de xeración distribuída, a que os concellos teñan capacidade de autoxeración do seu propio suministro enerxético, e a que as propias empresas dependan menos das grandes eléctricas e máis do seu propio suministro.


Fondos europeos 

Formoso comentou que “para nós, unha entidade tan vinculada aos concellos como é a Deputación, é unha cuestión trascendental” e incidiu en que “estase abrindo unha espita que hai que ordear, sobre a que hai que reflexionar, e hai que aproveitar os inxentes fondos europeos que o propio Goberno está teledirixindo a todos os operadores que teñan algunha necesidade enerxética xa no ámbito familiar ou no industrial e comercial”.  

Pola súa parte, Carlos Amoedo destacou que “estamos nun cambio de época, enfrontámonos ao desafío do cambio climático e da crise enerxética, da transformación das fontes de enerxía a outras máis sutentables, e, nese sentido, os entes locais teñen uns desafíos moi concretos”. “Son uns convidados de pedra a todo o que está pasando nos mercados enerxéticos e vense con moitas dificultades á hora de evitar que haxa problemas de pobreza enerxética, que se disparen os prezos da enerxía…”, afirmou. 

O director da Cátedra de Dereito Local da USC considera que “era necesario facer unha xornada para discutir todos estes asuntos, onde hai poucas certezas e polo tanto onde é máis necesario ampliar o coñecemento, falar con especialistas que nos digan ata onde poden chegar os entes locais coas políticas enerxéticas, e como poden facerse cargo de estimular o cambio de modelo enerxético para facer que a veciñanza teña un acceso máis barato e máis eficiente a estas fontes de enerxía”. 

A Cátedra de Dereito Local, u da Deputación e a Universidade da Coruña organizou hoxe a xornada sobre “As políticas enerxéticas das entidades locais: novos escenarios” baixo a dirección do coordinador da Cátedra, Carlos Alberto Amoedo Souto. Tendo en conta que a subministración accesible de enerxía eléctrica nos fogares é unha  necesidade humana básica para unha vida digna, a Cátedra de Dereito Local pretendía abrir o debate sobre o papel que poden desempeñar as entidades locais na atención a esta necesidade, nun escenario de crecente encarecemento da electricidade por mor da invasión rusa de Ucraína e da transición enerxética cara a combustibles non fósiles. 

Abordáronse as posibles políticas públicas no ámbito do municipalismo, como o estímulo da eficiencia enerxética a través de ordenanzas locais, a contratación pública e a política fiscal, ata a produción e a comercialización eléctrica, pasando polo impulso das comunidades enerxéticas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias