OURENSE | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá do 20 ao 23 de abril o XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, no que xa teñen confirmada a súa participación representantes de colectivos procedentes de 14 países. O encontro, que se celebra baixo o lema “Camiños de Santiago, camiños culturais. Unha mirada a Europa”, conta co apoio da Deputación de Ourense, cuxo presidente, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Pazo Provincial á directiva da asociación cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, co seu presidente á cabeza, José Luis Rodríguez Cid, acompañado polos vicepresidentes José Antonio Quintas -que á súa vez preside o comité organizador do congreso- e Eligio Nieto.
“Ourense vaise converter na capital do fenómeno xacobeo”, afirma Manuel Baltar, subliñando a importante representación internacional de asociacións “nun congreso que tan ben conseguiu para a provincia a directiva da asociación Amigos da Vía da Prata”. Para o presidente do goberno provincial, “a organización é merecente de todo un recoñecemento ao traballo de meses, que non foi doado, para conseguir a presenza de participantes e relatores de altísimo nivel e prestixio”.
Manuel Baltar asegura que Ourense “estará á altura das expectativas”, conseguindo con este congreso “esa visibilidade que queremos como territorio mellor conectado de Galicia grazas á alta velocidade”. Un evento, engade, “que sen dúbida terá un impacto importante tanto para a nosa cultura como para a nosa economía”, e que se suma a outras citas que tamén acollerá Ourense nos próximos meses, coma a Comisión de Deputacións da FEMP -6 de febreiro-; a Conferencia Política da CEPLI -7 de marzo-; ou eventos xa consolidados organizados pola Deputación como a propia ICC Week, que celebrará a súa novena edición entre o 17 e o 23 de abril. “Eventos de primeiro nivel”, remarca o presidente da Deputación, que “seguen a demostrar a extraordinaria capacidade organizativa de Ourense”.
José Antonio Quintas pon énfase no agradecemento ao presidente da Deputación “polo apoio que nos ten prestado ata agora e que nos vai seguir prestando para organizar este décimo terceiro congreso internacional”. Un “importante acontecemento”, sinala, tendo en conta que xa son 14 os países que estarán representados.
Con todo, José Antonio Quintas destaca que a cita cos camiños de Santiago terá un carácter especial, xa que “Ourense foi escollida para a sinatura do convenio Europa Compostela, no que participan as federacións europeas xacobeas”. Un acto que se celebrará o venres, día 21, e no que estarán presentes o presidente da Deputación, Manuel Baltar; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; Jorge Martínez-Cava, presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e o propio José Antonio Quintas.
O congreso principiará na tarde do xoves cun acto inaugural que se celebrará no Teatro Principal de Ourense. No avance do programa figuran ata cinco conferencias que abrirán as sesións de mañá e tarde de cada xornada, incluíndo a clausura do evento. Tamén están previstas catro mesas redondas nas que os participantes abordarán diferentes asuntos como os novos desafíos en materia de cultura, a tradicional acollida nas rutas, os camiños en Europa ou as asociacións no mundo.
O programa, que na xornada de peche inclúe un acto relixioso na catedral presidido polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, tamén contempla visitas á Ribeira Sacra, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, Allariz, e o mosteiro de San Salvador e á capela de San Miguel en Celanova. Departamento de comunicación