ESTRASBURGO | No pleno do Parlamento Europeo que se está celebrando en Estrasburgo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou a creación dunha comisión de investigación que chegue “ao fondo” da rede de corrupción marroquí que diversos eurodeputados e eurodeputadas levan anos denunciando na Eurocámara por impedir que as institucións europeas eviten calquera debate sobre o Sáhara occidental, o Rif ou a vulneración de dereitos humanos en Marrocos.
“Marrocos usurpa os recursos naturais saharauís, pecha acordos que van ser considerados ilegais polo Tribunal Europeo nuns meses, e sobre todo, acosa aos saharauís nos territorios ocupados”, denunciou Ana Miranda no debate denominado “Novidades nas acusacións de corrupción e inxerencias estranxeiras, incluídas as relacionadas con Marrocos, e necesidade de aumentar a transparencia, a integridade e a rendición de contas nas institucións europeas”.
Segundo manifestou a vicepresidenta do Intergrupo do Sáhara Occidental da Eurocámara, o Marocogate é o escándalo que inicia a rede de corrupción destapada a finais de decembro baixo o nome de Catargate. “E non van calarnos, porque Marrocos non pode seguir tendo impunidade”, subliñou Miranda quen ademais denunciou que a ditadura marroquí é “culpable de ocupación ilegal, de asasinatos, de torturas, de represión e de vulneración da liberdade de prensa” e de presión contra os dereitos do Pobo Saharauí.
“Esta situación explica o comportamento de Marrocos na creación de redes de corrupción, amparadas por ambiciosos eurodeputados aos que lles prometeron prebendas, vacacións e influencia de poder e que veñen ao Parlamento europeo a tratar de influír, comprando vontades”, denuncia a eurodeputada nacionalista. ”A súa impunidade ten que rematar”, inidica.
Vergonza da xeopolítica
Neste sentido, Miranda lembrou que este fin de semana participou no XVI Congreso do Frente Polisario na “Wilaya de Dajla”, os Campamentos de Refuxiados Saharauís, “ese lugar inhóspito onde a vergonza da xeopolítica de Marrocos co consentimento de outras potencias europeas deixou ao Pobo Saharauí en durísimas condicións de vida”. Ao seu xuízo esas presións contaron co consentimento do Consello, da Comisión e do propio Parlamento e son comprobables nas denuncias sobre as defensoras dos dereitos humanos, como Aminatu Haidar ou Sultana Khaya. Departamento de comunicación