El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación promociona "Fragas do Eume" en Fitur

19-01-2023 19:29:36
A Deputación, en Fitur.

MADRID | Utilizar a singularidade medioambiental das Fragas do Eume como motor dunha estratexia turística para os cinco concellos da comarca -As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela- é un dos principiais obxectivos do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino ‘As Fragas do Eume’. Este proxecto, que foi presentado esta tarde pola Deputación da Coruña en Fitur, bota a andar co reto de poñer en marcha “iniciativas que equilibren os fluxos turísticos coa necesaria protección dun entorno tan sensible como é a propia Fraga”. Así o explicou o vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, quen estivo acompañado na presentación pola delegada da Xunta en Ferrolterra, Martina Aneiros, polo tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela, pola concelleira de Turismo de Pontedeume, Yolanda Vázquez, e pola concelleira de Turismo de As Pontes, Elena López.   

“Se tivese que dar unha lista de imprescindibles que visitar Galiza sen dúbida nesa lista estarían as Fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa, pero tamén debemos ter en conta que estamos falando dunha contorna moi sensible para acoller fluxos de visitantes polo que temos que ser capaces de planificar con moito coidado as estratexias turísticas” asegurou Xosé Regueira. O vicepresidente insistiu en que o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino ‘Fragas do Eume’ é unha oportunidade para “utilizar a Fraga como motor económico que deixe retorno nos cinco concellos e planificar con intelixencia e responsabilidade os fluxos para que non se resinta a contorna”. A delegada da Xunta en Ferrolterra, Martina Aneiros, asegurou que este plan conta “con recursos turísticos de alto valor engadido, que implican unha diferenciación que lle permitirán acadar unha posición de maior privilexio fronte a outros competidores”. Tamén indicou que “este plan pivota ao redor dunha aposta pola calidade e a excelencia”. 

O reto dun equilibrio entre turismo e preservación de recursos, así como a promoción orientada a un tipo de turista consciente, responsable e que valore a identidade dos lugares que visita, foron as ideas nas que tamén incidiron os representantes dos concellos participantes no acto institucional. Neste sentido, o tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela indicou que o proxecto representa “unha aposta por un turismo comprometido co medio ambiente e coa sociedade local” para poñer en valor “a nosa riqueza natural, paisaxística, cultural, etnográfica e gastronómica, e que ao mesmo tempo sexa un vector de creación de oportunidades de emprego”. 

Pola súa banda, a concelleira de Turismo de Pontedeume, Yolanda Vázquez asegurou que o proxecto “aposta forte polos nosos recursos e polo noso patrimonio co obxectivo de mellorar o crecemento e a sustentabilidade do noso territorio”. Tamén indicou que “a comarca afrontará con compromiso os retos que temos por diante para transformar o desenvolvemento do turismo nun turismo de desenvolvemento”. Mentres, a concelleira de Turismo de As Pontes, Elena López incidiu no “esforzo compartido por crear un destino singular, integrado e responsable; un turismo de experiencias que non ten outro segredo que o de sentir o latexo do Eume, un latexo que vai ao compás dunha nova realidade para impulsar un territorio único cheo de oportunidades”. Precisamente, ‘o latexo do Eume’ foi o fío condutor do vídeo promocional que se proxectou na presentación e que recolle os principais atractores turísticos dos cinco concellos. 

Convén lembrar que o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino ‘Fragas do Eume’ inclúe intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio, incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico, diversificar a oferta no ámbito turístico e garantir a preservación do capital natural. Entre estas intervencións concretas poden citarse a creación de aparcadoiros disuasorios, a posta en marcha de servizos de alugueiros de bicicletas, a creación de app’s de autoguía, dunha rede de miradoiros, de cabanas no bosque en Monfero, ou de rutas de avistamento de aves e de coñecemento da fauna e da flora da contorna. Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias