XIXÓN | No marco do II Encontro de empresas públicas de xestión de residuos da cornixa Cantábrica, celebrado esta misma mañá en Xixón (Asturias), o presidente de Sogama, Javier Domínguez, encargado de abrir a rolda de relatorios, deu a coñecer algunhas das liñas básicas operativas que rexerán o Plan Estratéxico desta empresa pública para o período 2023-2026.
Durante a súa intervención, aludiu ao esforzo que a Xunta de Galicia e Sogama investiron durante os últimos anos para que a rede de infraestruturas destinada á valorización da materia orgánica entre en operación ao longo de 2023 e estea ao dispor dos concellos, que son quen ten as competencias en materia de residuos.
Esta rede está conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos (a de Cerceda, en funcionamento; a de Cervo, xa construída, estando pendente das probas de carga; e a de Vilanova de Arousa e Verín, cuxas obras avanzan a bo ritmo, prevendo a súa entrada en operación no segundo semestre do ano en curso) e 17 plantas de transferencia de apoio (6 de nova construción e 7 sometidas a remodelación, contando todas elas cunha tolva independente para o transvasamento da materia orgánica a contedores de maior capacidade, sendo transportada á planta de biorresiduos máis próxima). Desta forma, preténdese que a meirande parte dos 295 concellos adheridos a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Así mesmo, Sogama traballará no fomento da innovación tecnolóxica e a dixitalización nas operacións e procesos industriais para maximizar a súa eficiencia, minimizar o gasto e mellorar as condicións laborais dos traballadores. De aí que a súa firme aposta pola intelixencia artificial e a robotización guíen moitas das melloras que prevé implantar para optimizar o rendemento e produtividade industrial, diminuír posibles incidencias e incrementar a calidade do material recuperado para o seu envío aos centros de reciclaxe.
A descarbonización dos seus procesos, en plena sintonía coas directrices do Pacto Verde Europeo, constitúe tamén unha prioridade para esta compañía co obxectivo de avanzar cara á maior sostibilidade do seu sistema de xestión, aliñado co modelo de economía circular.
Menos rexeitamentos, máis reciclaxeo
O máximo responsable da Sociedade Galega do Medio Ambiente fixo tamén un balance da xestión de residuos por parte da entidade desde o ano 2008 a 2022, destacando unha baixada do 12,06% na entrega de bolsa negra por parte dos 295 concellos adheridos (desde as 891.158 toneladas ás 783.725 toneladas), así como o incremento na recepción de bolsa amarela, cuantificado nun 179,67% ao subir desde as 11.200 toneladas de 2008 ás 31.323 toneladas de 2022, datos que evidencian o maior compromiso dos galegos coa reciclaxe. Así mesmo, subliñou a extraordinaria caída da vertedura directa, desde un 49,2% ata o 0,3%.
Intercambio de experiencias
Xunto con Javier Domínguez, participaron na xornada de Asturias directivos de entidades tales como Mare (Cantabria), Garbiker (Bizkaia), GHK (Guipuzkoa) e Cogersa (Asturias). Así mesmo, organizáronse grupos de traballo nos que, ademais de Domínguez, participaron membros do seu equipo e, máis concretamente, responsables das áreas xurídica, técnica e económica, os cales compartiron coñecementos e experiencias cos seus homólogos doutras empresas. Departamento de comunicación