CERCEDA | Nesta nova andaina que a Sociedade Galega do Medio Ambiente emprendeu cara á innovación tecnolóxica co fin de optimizar os seus procesos industriais, gañar en eficiencia e seguir mellorando o servizo público que presta aos 295 concellos galegos adscritos ao seu sistema de xestión de residuos, presentou, xunto con socios de Galicia e Portugal, dúas candidaturas aos Fondos de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
GRESINT: xestión intelixente dos residuos
O primeiro deles, identificado co acrónimo GRESINT, contempla a incorporación de tecnoloxías intelixentes á xestión de residuos de envases lixeiros, é dicir, aqueles depositados pola cidadanía nos contedores amarelos de recollida selectiva (envases de plástico, latas e briks).
Cun orzamento de 920.155 euros e unha duración de 3 anos (desde xullo do 2023 a xuño de 2026), este proxecto desenvolverá un piloto de plataforma de intelixencia artificial para mellorar a recuperación e a reciclaxe de envases, contemplando a incorporación de distintos dispositivos, como é o caso de sensores, que permitan levar a cabo unha xestión anticipativa do proceso e mellorar así o resultado final. Ademais de Sogama, forma parte do consorcio de GRESINT o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
No caso de Portugal, contarase coa participación de LIPOR (Asociación de Municipios para a Xestión Sostible dos Residuos do Gran O Porto) e a Universidade de Beira Interior (UBI), situada na cidade de Covilha. Este proxecto, que toma como referencia os novos obxectivos de reciclaxe de envases para os próximos anos, cun 65% para 2025 e un 70% para 2030, enmárcase na Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, cuxas prioridades focalízanse na circularidade da xestión de residuos, promovendo a súa reciclaxe como materias primas de alto valor engadido, e o impulso ao desenvolvemento tecnolóxico. Así mesmo, enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030, que aposta por fomentar unha xestión intelixente dos residuos para impulsar a economía circular e avanzar na implantación de tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e a industria 4.0.
DESCARBON: captura e comercialización de CO2
O segundo dos proxectos candidatos, DESCARBON, está orientado á captura e comercialización de CO2. Cun orzamento de 997.884 euros e 2 anos de duración (outubro de 2023-setembro de 2025), está conformado por un consorcio do que forman parte, no caso de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, Energylab e Viratec (Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circular), ademais de Sogama. No caso de Portugal, participarán Lipor, INEGI, Net4C02 e 2GoOut Consulting.
Dado que o CO2 ten moitas posibilidades de ser valorizado, por exemplo, en forma de combustible, o obxectivo de DESCARBON é identificar posibles tecnoloxías de captura, procedendo á selección da máis óptima, e determinar posibles usos finais, oportunidades de mercado e desenvolvemento dun simulador. E todo isto orientado cara á consecución dunha simbiose industrial que derive nun modelo circular.
Tendo en conta que as plantas de valorización enerxética serán incluídas no Comercio de Dereitos de Emisión (ETS) a partir de 2028-2030, poderán comprar ou vender dereitos en función dos asignados a cada instalación. Os dous proxectos presentados serán cofinanciados, nun 75%, polos Fondos FEDER. Departamento de comunicación