El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA

"Retorna Cualifica Emprego"

Un programa co que a Xunta quere atraer talento galego do exterior.

13-03-2023 12:15:28
Estratexia Galicia Retorna 2023-2026.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A Xunta está a apostar polo retorno de galegos e galegas do exterior a través do programa 'Retorna Cualifica Emprego' co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aspira atraer unhas 400 persoas que viven no estranxeiro para que traballen e desenvolvan o seu proxecto en Galicia. 

Esta iniciativa -enmarcada na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026- é a primeira coa que este departamento do goberno autonómico promove o regreso de persoas galegas menores de 50 anos residentes no exterior. O volta vai acompañado da correspondente formalización dun contrato laboral indefinido na comunidade: a administración autonómica está a traballar na detección de postos que non están a ser cubertos pola poboación actualmente residente en Galicia, en base ás necesidades que manifestan as empresas interesadas en cubrir as súas vacantes. 

A oferta deses postos darase á poboación galega residente no exterior, a través da  elaboración dun plan personalizado de cualificación e empregabilidade e con apoios para a formación para complementar a cualificación profesional precisa.  Con estas medidas a Xunta quere contribuír a dar cobertura ás vacantes laborais non cubertas pola falta de perfís profesionais en Galicia, ao tempo que enfronta a situación demográfica de envellecemento que afecta á comunidade e facilita o dereito das persoas galegas e da súa descendencia a regresar a Galicia. 


Galicia Retorna 2023-26

O programa Retorna Cualifica Emprego forma parte da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026), que duplica tanto en número de medidas como en orzamento (450 millóns de euros) á súa predecesora, a Estratexia Retorna 2020, aprobada en 2018 e que mantivo a súa vixencia ata 2022. 

O documento ten como obxectivo facilitar o regreso á terra de 30.000 galegos do exterior nos vindeiros catro exercicios, o que incrementaría nun 35% o fluxo actual de retorno ata as 7.500 persoas cada ano. O certo é que das catro áreas en que incide a Estratexia, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (8). 

A Estratexia Galicia Retorna parte da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional e tamén como unha oportunidade para superar o complexo reto demográfico que ten por diante a comunidade. 



Asesoramento para o emprendemento e o autoemprego

No marco da Estratexia intensificarase o asesoramento para o emprendemento e o autoemprego da galeguidade retornada, en especial no rural. Facilitarase ademais a participación destas persoas en programas de inclusión sociolaboral, reforzando a súa capacitación en habilidades transversais demandadas polo mercado e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude que regrese. 

E é que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a ofrecer a clústeres, asociacións empresariais e outras organizacións sectoriais a posibilidade de implicarse no  Retorna Cualifica Emprego mediante a adhesión a un protocolo xa aprobado polo Consello de Goberno da Xunta. Unha vez formalizado este vencello, estableceranse fórmulas de colaboración para a divulgación e comunicación dos obxectivos do programa coa finalidade de que as empresas coñezan a posibilidade de que as ofertas de emprego que non se cobren por falta de candidaturas no Servizo de Emprego de Galicia, poidan ser atendidas a través de persoas galegas residentes no exterior. 

Invitarase ademais ás entidades representativas dos diferentes sectores adheridas ao protocolo a participar en xornadas, foros e actos de divulgación do programa e se habilitará unha canle específica de referencia no Servizo de Emprego de Galicia á que poidan dirixirse as firmas interesadas en lanzar as súas ofertas no exterior. 

Con este protocolo, o Goberno galego pretende amplificar o coñecemento entre o tecido produtivo galego das oportunidades desta iniciativa. Os programas de emprego que se inclúen nesta Estratexia apostan por facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas de nacionalidade española e orixe galego, favorecendo o emprego estable e facilitando o incremento das oportunidades laborais; accións formativas  para a adquisición de competencias e capacidades; e unha actuación para impulsar a creación de empresas cunha fase de preaceleración de acompañamento e titorización dos proxectos e unha de aceleración para os plans de negocio máis viables.


Atraer talento

A Estratexia Galicia Retorna 2023-26, que se aprobou o pasado 15 de decembro no Consello da Xunta, dá continuidade ao primeiro Plan integral de fomento e apoio ao retorno. A nova planificación parte da idea do retorno como unha vantaxe para incorporar á sociedade e ás empresas galegas persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, favorecendo a atracción e a retención do talento como unha oportunidade para superar o reto demográfico. 

Trátase dun documento reitor das liñas de actuación para a galeguidade residente no exterior -maís de medio millón de persoas, entre emigrantes e os seus descendentes-, principalmente en Latinoamérica e en países como Suiza, Alemaña, Francia e Reino Unido. 

Ademais das medidas de impulso laboral, a Estratexia ofrecerá outras de índole social, de educación e de asesoramento, seguimento, coordinación e control para o apoio integral ás familias no retorno. Respecto aos obxectivos demográficos, ata 2021 foron 28.000 persoas as que chegaron á nosa comunidade, e a nova Estratexia Retorna Galicia márcase superar esta cifra ata chegar aos 30.000 retornados.  


Modernización do servizo de emprego

Retorna Cualifica Emprego aproveitará as vantaxes do amplo proceso de modernización que a Xunta está a acometer para facer máis accesibles, máis próximos  e máis dinámicos os seus servizos de emprego co obxectivo último de mellorar a empregabilidade de galegas e galegos, mediante a aposta pola cualificación profesional ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada ás necesidades do mercado e cunha orientación e asesoramento personalizado. 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a renovar, nalgúns casos adquirindo novas infraestruturas, as oficinas de emprego, cun investimento previsto en 2023 de 3,3 millóns de euros. Tamén se completará a dixitalización das oficinas cun novo software baseado nas novas tecnoloxías para identificar as necesidades do mercado en tempo real e se lanzará unha nova oferta formativa para o persoal do servizo. O I plan formativo lanzou en 2022 un total de 900 prazas que se cubriron con éxito, para a mellora de competencias en asuntos como a atención ao público, a xestión de demandas e ofertas de emprego, inscricións de persoas estranxeiras, etc. 

En canto a dotación de persoal, a Xunta ven de crear un servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial integrado por 136 orientadores, grazas a un investimento de arredor de 5 millóns. Trátase de ampliar o servizo de orientación con carácter xeral e permanente e consolidar a atención que se dispensa ás persoas usuarias. 

Os 136 postos estarán repartidos nas 53 oficinas de emprego das correspondentes Xefaturas Territoriais de Promoción do Emprego da Xunta. Este reforzo de profesionais alimenta a rede existente en Galicia, moito máis extensa e que acada con estes novos profesionais os 666 postos ao contar a maiores con 268 orientadores laborais subvencionados en concellos, entidades sen ánimo de lucro e organizacións empresariais e sindicais, 220 axentes de desenvolvemento local e 42 axentes de emprego en entidades sociais que exercen un labor fundamental no apoio á empregabilidade de galegos. 

Por outra banda, a Xunta acaba de completar o proceso de creación dun distrito único para os servizos de emprego, de tal xeito que as entidades empregadoras poden presentar e tramitar ofertas en calquera sede, independentemente do lugar onde se localice o posto convocado. As persoas demandantes de emprego xa podían dirixirse a calquera oficina desde hai case un ano para realizar xestións e inscribirse nas mesmas. 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, por outra banda, está a asinar protocolos con entidades empresariais referentes para que se adhiran ao sistema de difusión de ofertas de emprego e poidan tramitalas a través das diversas canles das que dispón o servizo galego de emprego, facilitando a cobertura de vacantes. Entre outras asinaron este acordo a Confederación de Empresarios de Galicia, a Cámara de Comercio da Coruña, os xoves empresarios de Carballo e a Asociación de Empresarios de Redondela.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias