A CORUÑA | A Deputación da Coruña habilita unha nova liña de axudas, dotada cun orzamento de 684.000 euros, para apoiar á flota da pesca de cerco e artes menores da provincia afectada polo paro biolóxico e as limitacións na captura do xurelo, que supón un duro revés para unhas embarcacións cuxos ingresos proceden en grande medida da pesca desta especie.
Así o anunciou esta mañá o presidente, Valentín González Formoso, tras unha reunión con representantes do sector na que participaron tamén o vicepresidente, Xosé Regueira, e representantes da Federación Galega e Provincial de Confrarías de Pescadores, Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Asociación de Cerqueiros Galegos, Cooperativa de Armadores de Ribeira e Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA).
“Ante as dificultades que atravesa un sector estratéxico para Galicia como é a pesca, a Deputación non quere deixar de estar ao seu carón. Por iso poremos en marcha esta nova liña de axudas, que complementarán ás habilitadas polo Estado, e cubrirán os custes da Seguridade Social dos mariñeiros do cerco da provincia durante un máximo de 3 meses de paro biolóxico”, afirmou Formoso, que detallou que os 56 buques afectados con base en portos como Malpica, Camariñas, Sada, A Coruña, Portosín, Ares, Cariño, Laxe, Pontedeume ou Ribeira poderán recibir ata 18.000 euros por barco.
Formoso reclama axudas ao sector por parte da Xunta
Formoso reclamou á Xunta de Galicia, que ten as competencias en materia de pesca, que habilite tamén unha liña de axudas para o sector con fondos propios. “Sería inxustificable que a Deputación da Coruña, sen competencias na materia, convoque axudas para o sector e que Xunta de Galicia, nun momento tan difícil e tendo todas as competencias en pesca, non convoque axudas”, subliñou o presidente, que reclamou tamén ao Goberno que valore contemplar nas súas axudas aos buques que decidan non parar, pero que tamén están afectados polas restricións na pesca do xurelo.
Valentín González Formoso lembrou que nos últimos tres anos, a través dos distintos plans Reactiva, a Deputación da Coruña leva concedidas máis de 5.000 axudas directas por importe de 21 millóns de euros aos sectores máis afectados pola pandemia e a alza dos combustibles, entre eles o propio sector pesqueiro, o agrogandeiro, o do transporte, a hostalaría, o pequeno comercio e incluso o sector das orquestras. Ademais, a Deputación destina cada ano medio millón de euros en axudas ás confrarías de pescadores da provincia.
Pesca sostible
Pola súa banda, Alberto Castro, secretario da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), que agrupa a máis do 70% da flota de cerco galega, agradeceu o apoio da Deputación e afirmou que “todas as axudas son benvidas” para un sector que atravesa un “momento difícil”.
“Os mariñeiros o que din e que abunda unha especie e escasea a outra. Ese é o problema da escaseza do xurelo, ao haber tanta abundancia de sardiña tapa ao xurelo”, explicou Castro, que explicou a aposta do sector en Galicia por “unha pesca sostible”. “Non é tan importante que a campaña sea boa en número de capturas, o que ten que haber son bos prezos. Estivemos hai pouco en Xapón e as cuotas de captura dun só barco é a que teñen aquí douscentos, pero aquí o que apostamos é por unha pesca sostible”, dixo o secretario de Acerga.
“Hai que agradecerlle ao Goberno que recollera na Lei de Pesca Sostible as nosas aportacións no sentido de aproveitar todas as cuotas de pesca. Creo que é necesario porque no 2015 paramos dous meses porque se nos acabou a cuota do xurelo e chegamos a final de ano e a España sobráronlle 40.000 toneladas de xurelo. Non é lóxico estar sen pescar cando sobra xurelo. Es iso, entre outras cousas, é o que recolle esta nova Lei”, explicou.
Eólica Mariña
Preguntado sobre a implantación da eólica mariña, Formoso afirmou que “o primeiro que temos que facer é preservar a pesca por enriba de todo; o segundo é que a implantación de calquera tipo de tecnoloxía enerxética no mar ten que contar coa compresión e aceptación do sector”.
“Eu non percibo no sector pesqueiro unha cerrazón sen sentido. O que faltan son certezas e pedagoxía co sector, que o único que pide e que o que se vai a facer non impacte na súa forma de vida. Hai tempo para comprobar se os proxectos van a provocar algún dano no medio de vida dos pescadores galegos. Se é así, estaremos en contra; pero se non é así, ademáis de peixe podemos pescar tamén vento nas nosas costas e temos que implicar ao mundo pesqueiro galego se hai un novo uso no mar”, explicou o presidente.
Formoso considerou que “hai tempo para facer as cousas ben” e destacou que “temos unha vantaxe, que o despregue da eólica marina xa se está facendo noutros lugares de Europa como Portugal ou Francia, polo que podemos ver e estudar científicamente se ten ou non ten impacto na pesca”. O presidente defendeu que o despregue da eólica marina “ten que estar tutorizadísimo pola Xunta, pola Consellería do Mar e de Indsutria, para iso se creou un observatorio eólico mariño”, afirmou. Departamento de comunicación