El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CULTURA

"Estrelas galegas de ciencia" achégalle á rapazada a historia da ciencia feita en Galicia

23-03-2023 11:18:56
Estrelas Galegas da Ciencia.

REDACCIÓN | Isabel Zendal, María María Wonenburger, Domingo Fontán ou Ramón María Aller son algunhas das estrelas que brillan no libro “Estrelas galegas da ciencia”, editado por Hércules de Ediciones e que se presenta o próximo martes 28, ás 19:30 horas, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, nun acto que contará coa presenza de Maite Vence e Manuel Vicente, autores; Elena Vázquez-Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da USC; e Laura Rodríguez Herrera, editora de Hércules. 

Con textos de Maite Vence, Manuel Vicente, Andrea Burés e ilustracións de Clara Cerviño, trátase da primeira edición en papel dun libro ilustrado de ton divulgativo e divertido que explica a historia da ciencia feita en Galicia e a dos seus persoeiros e achados máis significativos. Tal e como explican os autores na introdución, a pesar de que Galicia nunca tivo as condicións para ser unha potencia científica, aparecen nomes como José Rodríguez, matemático internacional que participou na medida do metro, Ángeles Alvariño, precursora da investigación oceanográfica de repercusión mundial ou Vicente Vázquez Queipo, autor do libro con máis edicións e exemplares vendidos da historia da ciencia en España. 

“Ao falar de todos eles neste libro estamos a construír unha breve historia da ciencia en Galicia. As persoas somos moito máis que unha serie de datas e cronoloxías. Por iso, en cada capítulo, queremos dar a coñecer como eran, e vivían, os nosos protagonistas. Metérmonos un chisco na súa pel e nas súas circunstancias”, resaltan. 

A publicación pon tamén de manifesto as relación dos personaxes coa Universidade de Santiago de Compostela, a sexta universidade española máis antiga; e destaca que a primeira muller en licenciarse nela foi a farmacéutica Manuela Barreiro Pico no ano 1900: “Ata 1910, as mulleres tiñan que solicitarlle un permiso expreso á Dirección General de Instrucción Pública para estudar na universidade. 

A presenza feminina en carreiras de ciencias na USC foi medrando nos anos 20 do século XX. Unha tendencia que rompeu na Guerra Civil e que tardou décadas en recuperarse”. O libro pertence á colección “Preparados, listos xa” de Hércules de Ediciones, na que se recollen traballos de divulgación orientados á rapazada, na que xa se teñen publicado libros como o exitoso “Que teñen que ver as vacas co cambio climático”, das divulgadoras científicas Luisa Martínez Lorenzo e Marian Martínez Izquierdo.


Sobre os autores

.- Maite Vence

Maite Vence Fernández é Licenciada en Economía pola Universidade de Santiago e dedícase desde hai anos á divulgación e ao turismo científico. É a fundadora da empresa Observer (observersciencetourism.com), o primeiro sistema de certificación que pon en valor destinos turísticos vinculados á ciencia. Ten traballado como editora e escritora de guías de viaxe especializadas e escrito numerosos artigos sobre turismo científico en medios de comunicación como Gciencia ou Quo. Como economista ten desenvolvido proxectos de internacionalización en países como Italia, Brasil, Cabo Verde ou Angola.


.- Manuel Vicente

É un comunicador de ciencia que se autodefine como “radioactivo”. Desde 2006 dirixe o programa de divulgación científica Efervesciencia da Radio Galega. Tamén presenta programas de ciencia na TVG, como os Aquelando. É creador do espectáculo “Elemental”. Foi gañador dun premio Prisma dos Museos Científicos Coruñeses e do premio de xornalismo científico da Real Academia Galega de Ciencias. É presidente da Asociación Galega de Comunicación Científica e Tecnolóxica e membro da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega. Manuel Vicente é doutor en química e máster en Comunicación Científica.


.- Andrea Burés

Graduada en bioloxía e especializada en conservación da biodiversidade, actualmente dedícase á protección do medio natural. Esta obra é un dos seus primeiros proxectos de divulgación científica, onde destaca o recoñecemento ás mulleres na ciencia, que días tras día continúan loitando pola equidade neste sector. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias