A CORUÑA | A Deputación da Coruña vén de publicar a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Concellos, a liña do Plan de Emprego Local (PEL) que permite aos concellos coruñeses contratar a persoas desempregadas para a prestación de servizos básicos municipais. Este ano, un total de 91 concellos coruñeses recibirán preto de 3,5 millóns de euros para contratar a máis de 400 persoas durante un período máximo de un ano.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o “carácter social” desta liña do PEL para fomentar a creación de emprego nos concellos, “que ofrece unha oportunidade laboral a centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun momento económico complexo coma o actual”.
“Impulsar a recuperación económica, a creación de emprego e a apoiar aos colectivos que máis o necesitan son obxectivos fundamentais do goberno da Deputación que se cumpren neste programa, que ademais contribúe a mellorar servizos básicos nos municipios da provincia”, afirmou Formoso. Á hora de seleccionar o persoal, os concellos deberán aplicar criterios sociais e dar prioridade á inserción de persoas que pertenzan a colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo.
Así pois, beneficiarase a persoas maiores de 45 anos, desempregadas de longa duración, persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, pertencentes a fogares con todos os seus membros sen emprego, vítimas de violencia de xénero, en risco de exclusión laboral ou mulleres. Ademais, dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.
Entre 19.000 e 75.000 euros por Concello
Os importes que reciben os concellos de menos de 50.000 habitantes varían en función da porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas en cada concello entre o número total de persoas desempregadas nos concellos de menos de 50.000 habitantes, oscilando as contías entre os 19.000 e os 52.000 euros. Pola súa banda, os concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela optaban a unha contía única de 75.000 euros.
Os operarios e operarias, deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas. As axudas destinaranse a sufragar os custos salariais, de Seguridade Social, as indemnizacións por fin de contrato e a formación en materia de prevención de riscos laborais das novas contratacións.
Ademais os concellos deberán ter en conta que as contratacións realizadas ao abeiro deste Programa regularanse polo Real Decreto-Lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral. Desde a súa posta, a liña de PEL-Concellos facilitou unha oportunidade laboral a máis de 3.300 persoas desempregadas da provincia.
3.032 solicitudes
PEL-Concellos é unha das liñas PEL, o maior programa de emprego impulsado por unha administración local en Galicia, que contempla tamén axudas para a contratación de persoal en pemes e microempresas, para investimentos que melloren a competitividade dos pequenos negocios, para apoiar o emprendemento e para sufragar ás cotas á Seguridade Social dos profesionais autónomos da provincia da Coruña.
Este ano, a Deputación recibiu 3.032 solicitudes para optar ás distintas liñas de axudas do PEL, que contan cun orzamento de 11 millóns de euros e que se darán a coñecer nunhas semanas. Departamento de comunicación