El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

RIBEIRA SACRA

Raizames, o primeiro Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra

Celebrase en Taboada do 9 ao 11 de Xuño.

25-05-2023 14:56:55
O cartel de Raizames.

REDACCIÓN | Os próximos 9, 10 e 11 de xuño Taboada covírtese en atmosfera viño, onde descubrir e desfrutar os viños da Ribeira Sacra, contextualizados no seu propio territorio e nas mans que os fan posibles. Raizames é unha proposta diferenciadora, dentro do contexto das festas e feiras do viño, achegando un modelo que procura a responsabilidade co entorno, no que prima a calidade sobre a cantidade, que fuxe de aglomeracións ou impactos desmedidos, que se materializa baixo unha diversificada programación cultural: faladoiros, paneis de experiencias, videoforums, roteiro, encontro de adegas da zona, encontro de mulleres do sector, viños contados por voces expertas e numerosas intervencións artísticas.  

O primeiro Encontro da Cultura do Viño coloca o enfoque nas persoas. Establécese unha liña de comunicación e colaboración co tecido social e cultural da contorna; con persoas ou asociacións veciñais e parroquiais que están desenvolvendo iniciativas de preservación, coidado e difusión do patrimonio, que colocan a mirada sobre a especificidade do territorio e a paisaxe, e que contribúen a desenvolver posibilidades e novas maneiras de habitar un rural vivo, participativo e en benestar. 

A programación está dirixida a todo tipo de públicos e constitúe Taboada como epicentro de confluencia entre habitantes e foráneos, entre profesionais do sector do viño e aficionados, entre a mocidade e a xente vella, entre produtores e consumidores. Raizames é a celebración da cultura do viño, que se traslada a través dun cruce de miradas artísticas, lúdicas, formativas e ata etnográficas, ao longo das diferentes accións programadas: a música, a danza, a poesía, ou a narración oral entrelazadas coas catas, as visitas a viñas ou adegas. 

Raizames programa en feminino, con especial atención en contar con artistas, axentes locais, técnicas, sumilleres, enólogas, viticultoras e docentes, mulleres. Búscase a mirada femenina, a perspectiva equilibrada sobre a realidade e posibilidades da Ribeira Sacra, sen sesgos. 

O Encontro desenvolverase en diferentes puntos do concello de Taboada, sendo a Praza de Riazón o punto de encontro central. Así, haberá encontros na Casa da Cultura, un roteiro polas parroquias de ribeira, accións no Pazo de San Pedro de Bembibre. A Praza de Riazón concentrará o 'Espazo Viño', con tres sesións temáticas e especializadas, dúas o sábado e unha o domingo; onde poder degustar bos viños, contados por voces expertas. 

Raizames preséntase como unha folla en branco, sobre a que se escribe por vez primeira en formato Encontro a riqueza lingüística, a tradición oral, o legado histórico, os saberes específicos da Ribeira, as maneiras de celebrar, os sentires identitarios da comunidade. Mostra o territorio dende o prisma de quen lle deu forma. Esta folla en branco é para a organización a primeira edición dun evento que nace con vocación de perdurabilidade e expansión. 

Unha chamada dende ACIMTA que busca ilustrar novos camiños, responsables, sostibles, de carácter eminentemente rural, co obxectivo de dinamizar o territorio e divulgar os valores excepcionais da Ribeira Sacra. Raizames está apoiado pola Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Vicepresidencia da Deputación de Lugo – Cultura, Deputación de Lugo – Turismo, Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e Concello de Taboada. Tamén polas entidades colaboradoras: A túa Xanela, Fundación Condado de Taboada e Caixa Rural Galega. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias