El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón presenta a proposición de lei do BNG para reclamar a competencia en materia de xestión e ordenación do litoral

07-06-2023 14:39:53
Ana Pontón (4d).

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou baixo a denominación de Declaración de A Coruña a proposición de lei que o BNG levará ao próximo pleno do Parlamento para reclamar oficialmente as competencias plenas para Galiza en materia de ordenación e xestión do litoral.  

“Temos claro que Galiza debe ter plena capacidade de decisión en materia de costas e litoral e que o noso mar non se pode gobernar deste un despacho en Madrid”, indicou Pontón, resaltando que “o mar, a costa e o litoral son elementos fundamentais da economía, a sociedade, a cultura e o territorio do País”. E nun contexto como o actual marcado pola emerxencia ambiental, a crise da biodiversidade e do clima, resulta de máxima urxencia e interese actuar con planificación e previsión na ordenación dos usos do mar e a costa para evitar ou mitigar as consecuencias do cambio climático.  

O litoral e a costa galega, coa singularidade das rías, teñen unhas características completamente diferentes doutras zonas litorais do Estado. “Dáse o paradoxo de que unha realidade tan diversa réxese por un marco lexislativo e normativo único e centralizado, xestionado desde a capital do Estado e con unha óptica mediterránea”, denunciou Pontón. 

A líder nacionalista explicou como “o presente o futuro do noso mar e do noso litoral pasan polo cambio deste deseño centralista, polo desenvolvemento dun marco lexislativo que teña en conta a realidade galega e pola asunción por parte das institucións galegas de todas as competencias relacionadas co mar e a costa”. 

Pontón urxiu tamén a necesidade de “romper con 14 anos de gobernos do PP na Xunta marcados pola submisión e a falta de peso político en Madrid, con gobernos que descoñecen a nosa realidade e gobernan de costas ao noso mar”. Lembrou como “os gobernos do PP en Galiza nin demandaron nin conseguiron ningunha transferencia”, o que definiu como “un balance de absoluta incompetencia á hora de incrementar o autogoberno”. 

O BNG presentará no próximo pleno do Parlamento unha proposición de lei na que se reflicta que Galiza debe asumir as máximas competencias sobre o mar e a costa. “A capacidade de decidir sobre todos os ámbitos e a defensa dos intereses marítimos de Galiza en Madrid e en Europa é un elemento central que só vai ser promovido con garantías por unha forza política como o BNG, que ten os pés, o corazón e a cabeza en Galiza”, destacou a portavoz nacional. 

A proposta do Bloque solicita catro facultades. A primeira xira arredor dos plans territoriais de ordenación e uso do litoral, do mar e das praias; a  segunda, sobre a xestión do uso e ocupación do dominio público marítimo terrestre, nomeadamente o outorgamento de autorizacións e concesións de actividades que requiran a captación da auga do mar e o acceso á lámina de auga. A terceira pon no centro a regulación e xestión do réxime económico financeiro do dominio público marítimo-terrestre. Finalmente, a cuarta aborda a autorización e execución de infraestruturas na zona litoral.  

A líder do Bloque destacou tamén que “Galiza é a comunidade do Estado con maior extensión de quilómetros de costa, supondo un 30% do total de España con 1.555 km de litoral”.  A isto súmanse as características naturais e biolóxicas das rías galegas e da plataforma continental.


Galiza, potencia pesqueira 

Pontón cualificou Galiza como “unha das grandes potencias pesqueiras de Europa, cunha actividade extractiva e unha cadea mar-industria que factura 8.800 millóns de euros ao ano e que supón case o 5% do PIB, converténdose no cuarto sector máis importante da economía galega por volume de negocio”.  

En termos de emprego, o mar xera máis do 50% do emprego marítimo pesqueiro do Estado e o 10% da UE, polo que Galiza se sitúa como a décima exportadora mundial de produtos pesqueiros, por diante de países como Xapón ou Islandia.  

Alén disto, a portavoz nacional quixo destacar a importancia da dimensión cultural e social do litoral galego, poñendo o foco na interacción entre o seu humano e o mar ao longo do tempo constituíu un dos sinais de identidade do noso País. “Isto derivou nunha relación intensa e frutífera, con multitude de manifestacións culturais e unha multiplicidade de usos sociais, recreativos e de lecer”, apuntou, subliñando que “a zona costeira ten tamén un grande dinamismo e atractivo para actividades turísticas, deportivas e educativas”.  

A proposición de lei debaterase no pleno do Parlamento da próxima semana, o que Pontón considerou como “unha boa oportunidade para que PP e PSOE fixen a súa posición”. “O BNG ten claro de que lado está: o BNG está do lado de Galiza, da xente do mar, do lado das rías e do litoral”, concluíu, nunha comparecencia na que estivo acompañada polo deputado Luís Bará, a deputada Alexandra Fernández e polo portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias