REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe a un acto sobre memoria histórica no Campo da Rata da Coruña. Estivo acompañada polo candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, polo portavoz municipal, Francisco Jorquera, e polo historiador e escritor Carlos Babío, entre outros.
A líder nacionalista amosou a súa emoción por estar no Campo da Rata, un lugar que se rescatou do esquecemento “para poñerlle nome ao que pasou neste País durante o franquismo” e por estar acompañada de “persoas que forman parte dese traballo fundamental de recuperación da nosa memoria democrática, de impedir o esquecemento e desde logo de darlle voz aos que xa non podían falar.
Pontón destacou a “labor fundamental” que fixeron as entidades ao longo de todos estes anos para “conseguir abrir un camiño que o BNG cre que é necesario ensanchar”. A portavoz nacional explicou como “nun momento no que estamos vendo como a dereita quere reescribir a historia e está lanzada a unha batalla ideolóxica mentres busca pechar esa porta que abrimos entre todos e todas, é máis importante ca nunca ter esa porta aberta de par en par para facer xustiza”.
“Nestes últimos anos avanzamos dende o punto de vista legal pero cremos que aínda falta a valentía, e sobre todo, falta a decisión política que permita que as leis que hai no estado español realmente amparen ás vítimas para facer xustiza” declarou a portavoz do Bloque. Pontón destacou tamén a necesidade de “acabar coa impunidade dos crimes franquistas”. Cualificou isto como “unha débeda que deixa esta lexislatura estatal” e amosou o compromiso do BNG de “traballar para que a seguinte lexislatura realmente sexa unha lexislatura na que se faga xustiza coas vítimas do franquismo e na que haxa reparación, algo fundamental para evitar a repetición”.
A líder nacionalista destacou a necesidade de poñerlle punto final á impunidade destes crimes, de que sexan xulgados e de que o Código Penal poida ter unha reforma “tal e como xa ten solicitado a ONU”. “Non hai caducidade cando se trata de crimes de lesa humanidade e, polo tanto, hai que poder xulgar os crimes do franquismo porque é unha cuestión non só elemental dende o punto de vista democrático para as vítimas, senón tamén ten que ter un efecto reparador para a sociedade”, manifestou.
O BNG como sinónimo de avance en deréitos democráticos o 23X
Pontón describiu o contexto actual como “un momento no que vemos como a dereita quere reescribir a historia”. “Dende o BNG observamos con moita preocupación esa deriva que está tomando o PP tamén en Galiza, abrazando cada vez máis discursos extremistas” subliñou.
Fronte a esa deriva que está levando adiante o PP, o BNG sitúase como unha garantía de camiñar cara un País orgulloso da súa lingua, que repare as vítimas do franquismo e que recupere a súa memoria democrática. “No Bloque queremos un País que faga xustiza coa súa historia e con esas persoas que deron a súa vida simplemente por defender a liberdade e as súas ideas democráticas” indicou.
Poñendo a mirada nas próximas semanas, Pontón explicou como “este 23X esa voz galega que queremos que se escoite forte en Madrid é unha voz que vai levar ao Congreso tamén a todas as asociacións da memoria que levan tanto traballado no noso País”. Amosou o seu convencemento de que “o BNG vai ser determinante e unha voz clara para seguir avanzando en dereitos democráticos, e, sobre todo, para que se faga xustiza con esa xeración á que tanto lle debemos”..
Néstor Rego, comprometido coa recuperación de memoria histórica
O portavoz do BNG no Congreso durante a última lexislatura e candidato pola Coruña, Néstor Rego, defendeu o compromiso firme coa recuperación da memoria histórica do BNG e lamentou que a Lei de Memoria Democrática fose "claramente insuficiente" xa que non puxo fin a á impunidade do franquismo, como demandou a través dunha emenda. "O BNG defendeu a derrogación de artigos na Lei de Amnistía para permitir investigar os crimes do franquismo e poñer fin á impunidade e forzas como o PSOE e Unidas Podemos votaron en contra e isto ten as súas consecuencias", apuntou Néstor Rego para quen o arquivo da querela presentada polos familiares de Moncho Reboiras "foi o primeiro caso en que se constatou que a lei quedaba curta".
"O BNG vai continuar traballando para a restitución da memoria democrática, como fixemos presentando unha emenda para a devolución dos bens incautados pola familia Franco -o caso da Casa Cornide na Coruña- ou outra para que fose anulado o Consello de Guerra e restituída a dignidade de Alexandre Bóveda, que tamén foron votados en contra polas forzas estatais", explicou Rego. Departamento de comunicación