REDACCIÓN | A undécima edición do Festival Atlántica arranca esta fin de semana cun intenso programa que levará dez espectáculos a sete das sedes nos concellos de Chantada, Teo, Alfoz, A Pobra do Caramiñal, Cuntis, Outes e Ribeira. Esta actividade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á complicidade dos concellos e colectivos colaboradores.
O público que se achegue ata o lugar dos espectáculos poderá gozar coas historias de do cubano Pedro Mario López, da portuguesa Rosa Gonçalves e dos galegos Vero Rilo, Quico Cadaval, Carlos Otero, Charo Pita, Anxo Moure e Cris Collazo. As historias destes narradores tomarán lugares singulares como o Castelo de Castrodouro en Alfoz, o Castro de Castrolandín en Cuntis, ou os lavadoiros de Penisqueira en Riberia ou o de Bendimón en Outes. Mesmo haberá contos no alto das árbores en chantada ou nas carballeiras de Francos e Luou en Teo. Ademais, o programa inclué funcións para todos os públicos e en diferentes horarios. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web.
Os narradores petiscos de arte
.- Pedro Mario López. Cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias onde mestura a gran literatura coa tradición oral. Realismo máxico e humor no escenario.
.- Rosa Gonçalves. Neta de galega, esta portuguesa, pandeireteira e adufeira escribe e recolle contos e cantigas. E conta sen idades, coma nos tempos das tarefas colectivas, cando as historias facían os traballos máis alegres. Moito xogo, medo, absurdo e picardía envolto nunha voz fermosísima.
.- Rilo e Penadique. No 2017 xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e nace de parto natural Rilo & Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.
.- Quico Cadaval. Mestre de contadores e referente internacional no eido da narración oral. Cando Cadaval bota un conto, o mundo párase e escoita, abraiado ante a súa capacidade de abrir historias dentro das historias que sempre remata por pechar sen deixar solto nin un só fío.
.- Carlos Otero. Arqueólogo estreitamente vencellado a Castrolandín. Dende 2000 ten coordinado o programa de colaboración entre a Fundación Terra Termarum e o Incipit (CSIC), dentro do cal ten dirixidas sete campañas de escavación e posta en valor do castro. Se hai alguén que coñece os seus segredos é, sen dúbida, Carlos Otero.
.- Charo Pita. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94. Tamén escribe e ten máis dunha ducia de libros publicados, algún deles con premio. Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música.
.- Anxo Moure. É escritor, contacontos e barqueiro. As súas actividades son cómicas e divulgativas, enmarcadas no ecoloxismo e o ecopacifismo. Impulsou a creación do Cinema Palleiriso na aldea de Garabelos e de cando en vez conta no alto das árbores.
.- Cris Collazo. Medrou no berce dunha aldea chea de fábulas, contos e cantigas e dos beizos das súas avoas saíu a maxia da literatura popular que fixeron pouso na súa formación e entendemento da arte dramática. Alén de contar é quen de coordinar grupos infantís de teatro espallados pola comarca do Deza e proxectos de índole social coma ‘Teatro no cárcere’ e ‘Teatro en feminino’.
Contos para todos por toda Galicia
Desde este sábado, e ata o vindeiro día 9, os contos do Festival Atlántica vanse estar espallando por boa parte da xeografía galega. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición chegarán ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Este ano participan en Atlántica os concellos de Santiago de Compostela, Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Ao seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano cos anos foise agregando a posta en valor e difusión de espazos patrimoniais do país e a clara vocación de levar espectáculos de calidade a cidades e vilas das catro provincias. O número e a calidade de artistas e propostas escénicas foi medrando ata convertelo nunha cita ineludible da narración oral da Península. Departamento de comunicación