El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos 2024

Ppriorizarán el crecimiento, el empleo, los proyectos transformadores y la modernización de los servicios públicos.

07-07-2023 14:08:23
Alfonso Rueda, presidente da Xunta.

REDACCIÓN | A Xunta de Galicia xa iniciou o proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2024, unhas contas que impulsarán o crecemento, o emprego, os proxectos transformadores, e que proseguirán coa modernización dos servizos públicos e co apoio aos máis vulnerables. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos orzamentos do vindeiro exercicio que marcan as bases do plan financeiro do Goberno galego para o vindeiro ano.  


Obxectivos dos presupostos para 2024 

Os orzamentos de 2024 terán o obxectivo de impulsar o crecemento potencial da economía galega mediante os investimentos estruturais precisos para contar cun tecido industrial máis moderno, produtivo, sostible, e competitivo no marco dunha economía global e conectada. 

Trátase de apostar polo desenvolvemento dunha industria intelixente con capital humano capaz de anticiparse aos cambios e xestionar as vantaxes das novas tecnoloxías a través da innovación e o impulso de sectores de alta complexidade. As contas do vindeiro ano tamén buscan consolidar un crecemento sostido co impulso dos proxectos transformadores da estrutura económica de Galicia e co apoio de investimentos que contribúan á transición enerxética e dixital. 

Ademais, proseguirán coa modernización dos servicios públicos fundamentais como instrumento básico de solidariedade e redistribución. No eido sanitario recollerán unha política ampla de investimentos para dotar a sanidade pública con equipos, infraestruturas e medios que garantan unha cobertura sanitaria que incida na mellora da saúde da poboación galega. No eido educativo despregaranse investimentos sociais que contribúan á formación de calidade e á igualdade de oportunidades, a través dunha administración educativa moderna, dinámica e innovadora, cunha aposta decidida pola formación profesional e as novas metodoloxías.  

Neste marco, e en relación aos servizos sociais, estes orzamentos centraranse en seguir apoiando aos colectivos máis vulnerables con actuacións públicas destinadas a paliar e reducir as desigualdades. Tamén recollerán medidas tendentes a superar o complexo reto demográfico como é o caso da Estratexia Retorna que fai do retorno unha forma de mellorar a competitividade e a produtividade do tecido empresarial, e o das políticas de conciliación e a mellora  das condicións laborais e a calidade de vida.   


Planificación 

Os obxectivos fixados para o orzamento de 2024 contribuirán a acadar os grandes retos fixados no Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2022-2030, na Estratexia Next Generation Galicia e no novo marco operativo 2021-2027 de fondos estruturais. Uns obxectivos baseados no crecemento sustentable e cohesionado social e territorialmente, afondando na innovación e na dixitalización, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e o coñecemento como vía de desenvolvemento, e promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa. 

Deste xeito, o PEG 2030 continuará a ser o horizonte das liñas de investimento e gasto do orzamento, que terán tamén unha visión transversal das políticas de gasto con perspectiva de xénero, impacto na infancia e un informe do orzamento en clave de obxectivos da Axenda 2030 e a transición ecolóxica.   


Estrutura  

A elaboración dos orzamentos para 2024 estruturarase, ao igual que as contas vixentes, en torno a catro comisións: a Comisión de análise e avaliación de obxectivos dos programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado; a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de fondos europeos e Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), que establece a programación dos anteditos fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias