El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA | VIVENDA

O IGVS impulsa con varias liñas de axudas a compra de vivenda destinada a mozos

Cun orzamento de preto de sete millóns, a Xunta impulsa, por primeira vez en Galicia, os aloxamentos temporais, de modelos cohousing ou vivendas.

08-08-2023 00:24:16
Vivendas en Galicia.

REDACCIÓN | O Goberno galego destinará este ano 8,4 millóns a axudas para a construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes: un programa novidoso financiado con fondos europeos do Next Generation. O certo é que a metade destes fondos vai destinada a concellos e, o resto, a promotores privados que constrúan vivendas en terreos de titularidade pública: en caso de que a demanda supere os fondos previstos na convocatoria, poderán ampliarse ata duplicar a contía inicial.  

As vivendas resultantes deberán destinarse a alugueiro durante un período mínimo de 50 anos e as rendas estarán limitadas, non podendo superar no momento da formalización do contrato o prezo de renda por metro cadrado das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica na que estea localizada. A tal efecto, as vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior -é dicir, as sete cidades galegas- terán os mesmos límites de renda que as localizadas na zona 1.


Empresas privadas

No caso de vivendas promovidas por empresas privadas, estas pasarán a ser de titularidade pública unha vez que remate o período de concesión do solo. Ademais, deberán supoñer un incremento do parque público destinado a vivenda en alugueiro. As subvencións poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como á rehabilitación de edificios cun uso distinto ao residencial e que se vaian destinar a alugueiro social: as solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 6 de outubro. 

As vivendas resultantes adxudicaranse a persoas que vaian ter o seu domicilio habitual e permanente nelas, que estean inscritas no Rexistro de Demandantes de Galicia para o acceso ás vivendas protexidas de réxime xeral e cuxos ingresos familiares non excedan de 4,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples en 14 pagas: 24.318,84 euros.  

Ademais, os inmobles deberá cumprir os requisitos de eficiencia enerxética que se establecen na propia convocatoria e que suporán a redución do seu consumo. En canto á contía das axudas, os promotores públicos e privados poderán optar a 700 euros por metro cadrado, cun límite máximo de 50.000 euros por cada vivenda. Cómpre subliñar que poden solicitar estas axudas tanto os concellos como as empresas privadas que o desexen, pero é requisito imprescindible que os terreos sobre os que se constrúan as vivendas sexan de titularidade pública, e que se cumpra o resto dos requisitos establecidos na propia convocatoria.  

Nos últimos tres anos, a Xunta axudou a 600 mozos galegos menores de 35 anos a comprar a súa vivenda habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes: unha liña de incentivos que manterá este ano, e destinará un orzamento inicial de 1,55 millóns de euros. E é que os menores de 35 anos que estean pensando en adquirir unha vivenda propia pode presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 31 de outubro. 

Cun orzamento inicial reservado para este ano de 1,55 millóns de euros, os incentivos previstos poden chegar ata un máximo de 10.800 euros por inmoble, sempre que non supere o 20% do prezo de compra e a vivenda estea localizada nalgún dos 257 municipios galegos de menos de 10.000 habitantes -o 82% do total-.  

Outro dos requisitos é que o prezo de adquisición da vivenda (que terá que estar xa construída, con independencia de que sexa nova ou usada) non supere os 120.000 euros e que a operación se realizara con posterioridade ao 15 de novembro de 2022. Os solicitantes terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a tres veces o IPREM (24.318,84 euros), aínda que o límite subirá ata catro ou cinco veces o IPREM en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria. 

Así mesmo, cómpre subliñar que estas subvencións á adquisición de vivenda serán compatibles con aquelas destinadas ao mesmo fin sempre que as outorgue calquera outra institución pública ou privada diferente da Xunta de Galicia.


Menores de 36 anos

Doutra banda e dirixido a mozos menores de 36 anos, o prazo para presentar as súas solicitudes -a través da sede electrónica- estenderase ata o 30 de novembro. A convocatoria conta cun orzamento global de ata cinco millóns de euros e ten como obxectivo facilitar o acceso da mocidade galega ao seu primeiro fogar en propiedade a través da concesión de avais hipotecarios que poderán chegar ata o 20% do prezo de adquisición do inmoble por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). 

A vivenda terá que estar localizada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente do comprador polo menos durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario abone á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido, este perderá a súa vixencia. 

Será condición imprescindible que a hipoteca para a que se solicita o aval supoña entre o 80% e o 100% do importe de adquisición da vivenda. Así mesmo, as contías que abone o beneficiario deberán destinarse exclusivamente ao pagamento da débeda hipotecaria. 

Ademais, o importe de adquisición do inmoble non poderá superar as seguintes contías: 240.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano; e 130.000 euros no resto de municipios galegos. 

Deste xeito e tendo en conta que o aval non pode exceder o 20% do prezo de compra da vivenda, a contía máxima respaldada pola Xunta será de 48.000 euros para o primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros para o segundo e de 26.000 euros para o terceiro. 

En canto aos requisitos dos beneficiarios, estes deberán acreditar uns ingresos anuais de entre 16.800 euros e 46.200 euros. Se a compra do inmoble corre por conta de máis dunha persoa, o límite conxunto elevarase ata os 54.600 euros. 

O programa nace co obxectivo de facilitar a adquisición da primeira vivenda aos menores de 36 anos, que en ocasións dispoñen de recursos suficientes para asumir a hipoteca pero carecen de aforros para dar unha entrada e que, grazas a este aval, poderán optar a unha hipoteca de ata o 100% do importe de compra. Ademais, é compatible con todas as axudas que xestiona e convoca anualmente a Xunta co mesmo fin. 


Modelos de Cohousing e vivendas interxeneracionais

Por primeira vez en Galicia, a Xunta levou a cabo unha liña de axudas para o fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares, cun orzamento total de 6,8 millóns para as anualidades que van de 2023 a 2026 xa que as intervencións subvencionables teñen carácter plurianual, e ata o vindeiro 2 de novembro (salvo esgotamento do crédito dispoñible) os interesados en optar a estas axudas -dirixidas a entidades privadas e empresas que desexen promover inmobles destinados aos usos previstos na convocatoria- poderán presentar as súas solicitudes. 

As subvencións poderán destinarse tanto a inmobles de nova construción como á rehabilitación doutros xa existentes e as vivendas ou aloxamentos resultantes deberán dedicarse a alugueiro durante un prazo de polo menos 20 anos, que se computará desde a primeira ocupación do inmoble. 

Os promotores destes aloxamentos recibirán unha axuda de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía non poderá superar o 50% do investimento e, como máximo, será de 50.000 euros por aloxamento ou vivenda. 

Os edificios deberán ser accesibles, dispoñer dunha cualificación enerxética A como mínimo e cumprir a normativa de habitabilidade de vivenda vixente en Galicia. Pola súa parte, as persoas usuarias dos aloxamentos ou vivendas financiadas con estas axudas deberán ter ingresos anuais que non superen cinco veces o Iprem (42.000 euros), sumando os de todas as persoas que compoñan a unidade familiar. 

O prezo do alugueiro por metro cadrado, no momento da sinatura do contrato, non poderá superar o das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica na que estea a vivenda. No suposto de que se inclúan espazos comúns e de interrelación, poderá incrementarse este importe co prezo proporcional da superficie destes sen que poida superar 8 euros mensuais por metro cadrado de superficie útil de aloxamento ou vivenda incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación.


Comprar vivendas en centros históricos

Más axudas ata 15.000 euros para comprar vivendas en centros históricos. Trátase do quinto ano consecutivo no que o Goberno galego (ao abeiro do Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025) convoca estas axudas, que teñen como obxectivo promover a recuperación do patrimonio xa construído ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda.  

Esta iniciativa busca contribuír á revitalización dos centros históricos converténdoos en lugares atractivos para vivir e favorecendo a súa dinamización social, económica e patrimonial, así como o relevo xeracional da súa poboación. De feito, segundo dixo a conselleira, en convocatorias anteriores máis da metade dos beneficiarios tiñan menos de 35 anos. Máis polo miúdo, e segundo recolle a convocatoria que publica o Diario Oficial de Galicia, o prazo para presentar as solicitudes estará ata o vindeiro 2 de outubro de 2023. 

Logo de salientar que esta liña de financiamento conta cun orzamento inicial de 500.000 euros, a conselleira explicou que as axudas son, con carácter xeral, de 10.800 euros, pero a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos, e ata os 15.000 euros no caso de que o inmoble se localice nalgunha das sete Áreas Rexurbe declaradas na actualidade en Galicia -A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos-. 

Para optar a esta axuda, ademais de que a vivenda estea situada nun centro histórico, o solicitante tamén deberá cumprir outros requisitos. Así, debe ser español ou ter residencia legal en España; debe ter subscrito -con posterioridade ao 15 de novembro de 2022- un contrato privado  ou unha escritura pública de adquisición dunha vivenda xa construída -nova, usada ou pendente de rehabilitación-, e os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia deben ser iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem (54.600 euros).


Rehabilitación enerxética de edificios

No caso de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética, a Xunta incrementará en 30 millóns -ata chegar a 66,4 millóns- en edificios de tipo residencial, o que supón practicamente triplicar o orzamento destinado a esta mesma liña de incentivos o ano pasado: na primeira convocatoria en Galicia se saldou cunha execución do 100% e unha notable demanda.  

Neste sentido, cómpre subliñar a boa resposta da cidadanía galega a esta nova orde de axudas para as actuacións a nivel de edificio. De feito, desde que o pasado 16 de xuño se abriu o prazo para poder acollerse a elas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xa recibiu preto de 650 solicitudes. 

Coa ampliación orzamentaria autorizada hoxe, polo tanto, a Xunta busca responder á altísima demanda que está espertando esta segunda convocatoria do programa, destinando a reforzar as axudas para rehabilitar edificios o groso do diñeiro que ten que recibir Galicia no marco do terceiro reparto de fondos europeos para programas de mellora da eficiencia enerxética no eido residencial. 

En concreto, o programa a nivel de edificio está destinado a apoiar a particulares, comunidades de veciños ou cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000 na execución de diferentes actuacións sobre a envolvente de edificios e construcións unifamiliares (como a renovación de fachadas e cubertas), así como á substitución de equipos de calefacción e auga quente por outros que non utilicen enerxía fósil para lograr reducir os consumos en, como mínimo, un 30%. 

A subvención a percibir poderá chegar ata os 26.750 euros: trátase dunha vivenda unifamiliar e ata os 23.500 euros se esta forma parte dun edificio colectivo residencial. A contía, en todo caso, dependerá do aforro enerxético acadado, do tipo de inmoble e dos ingresos do solicitante, de xeito que ante determinadas situacións de vulnerabilidade poderase cubrir incluso o 100% do custo das obras.   


Execución en 2022

O ano pasado, a primeira convocatoria desta liña de subvencións saldouse coa execución do 100% dos 22,8 millóns dispoñibles, uns fondos que contribuíron a mellorar a eficiencia de 2.334 vivendas en toda Galicia. Tendo en conta as estimacións feitas a partir deste balance e que agora se disporá practicamente do triplo de orzamento, o obxectivo do IGVS é poder chegar a financiar actuacións que incidan na eficiencia de arredor de 6.800 vivendas. En definitiva, estímase que se facilitará a rehabilitación enerxética de case tres veces máis fogares galegos que no marco da primeira convocatoria. 

Os propietarios de vivendas e edificios residenciais teñen á súa disposición máis de 73 millóns de euros en axudas a través de tres tipos de programas -edificio, vivenda e libro do edificio- dirixidos a financiar obras e reformas que melloren a eficiencia enerxética dos seus fogares. Un orzamento que, se estima, permitirá intervir sobre un total de 15.800 vivendas galegas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias