REDACCIÓN | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe a proposta de organización do goberno provincial para o funcionamento da institución no mandato 2023-2027. Todos os puntos da orde da día foron aprobados por unanimidade.
O goberno provincial estará conformado polo PSOE e o BNG e presidido por Valentín González Formoso (PSOE), tras pacto de goberno asinado por ambas formacións políticas. Xosé Regueira Varela (BNG) será de novo o vicepresidente do goberno provincial. O pleno aprobou a creación de dez comisións informativas, unha máis que no anterior mandato, que estarán presididas polos seguintes deputados:
1.- Deputado de Facenda, Recursos Humanos e Avance Dixital: José Ramón Rioboo Castro (PSOE).
2.- Deputada de Política Social, Educación e Mocidade: María del Mar García Vidal (PSOE). Delegación especial en materia de Educación e Mocidade: Eudoxia María Neira Fernández (PSOE).
3.- Deputada Sectores Produtivos: Mar e Medio Rural: Cristina Capelán Cancelo (PSOE).
4.- Deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios. Cristina García Rey (BNG).
5.- Deputado de Promoción Turística, Artesanía, Comercio e Cadea Agroalimentaria: Xosé Regueira Varela (BNG).
6.- Deputada de Infraestruturas Viarias e Obras Provinciais: Mónica Rodríguez Ordóñez (PSOE).
7.- Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís: Natividad de Jesús González Rodríguez (BNG). Delegación especial en materia de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís: María Soledad Agra Tuñas (BNG).
8.- Deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento. Xosé Penas Corral (BNG).
9.- Deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica: Rosa Ana García López (PSOE).
10.- Deputado de Deportes. Antonio Leira Piñeiro (PSOE).
As delegacións xenéricas que se outorgan comprenden, no ámbito das áreas asignadas, a dirección, inspección e impulso de obras e servizos, así como a execución das disposición de carácter xeral e dos actos e acordos dos órganos de goberno, coidando da súa publicación e podendo recabar para tales tarefas os asesoramentos técnicos necesarios. Atribúese aos deputados delegados a facultade de asinar os protocolos e convenios relativos ás materias delegadas.
As comisións reuniranse unha vez ao mes e estarán integradas por doce deputados/as, dos cales cinco pertencerán ao Grupo Popular, catro ao Grupo Provincial Socialista, dous ao Grupo do BNG e un de Alternativa dos Veciños.
Portavoces dos grupos políticos
Os e as portavoces dos diferentes grupos políticos no Pleno, que seguirá celebrándose con periodicidade mensual o último venres de cada mes serán: Evaristo Ben Otero (PP), Bernardo Fernández Piñeiro (PSOE), Avia Veira González (BNG) e Ángel García Seoane (AV).
Xunta de Goberno e pleno
A Xunta de Goberno reunirase o primeiro e o terceiro venres de cada mes e estará integrada polo presidente, Valentín González Formoso (PSOE) e os dez deputados seguintes: Xosé Regueira Varela (vicepresidente.BNG), Bernardo Fernández Piñeiro (PSOE), José Ramón Rioboo Castro (PSOE), Antonio Leira Piñeiro (PSOE), Mónica Rodríguez Ordóñez (PSOE), Rosa Ana García López (PSOE), María del Mar García Vidal (BNG), Cristina García Rey (BNG), Natividad de Jesús González Rodríguez (BNG) e Xosé Penas Corral (BNG). As sesións plenarias ordinarias celebraranse con periodicidade mensual, o último venres de cada mes ás 12 horas.
Réxime de retribucións e indemnizacións
O presidente pasa dunhas retribucións anuais brutas de 77.394 euros a 80.000 euros, mentres que as do vicepresidente pasan de 68.171 euros a 72.369,75 euros anuais. Os deputados con dedicacións exclusivas terán unhas retribucións de 69.441,14 euros brutos ao ano.
O pleno aprobou un total de 17 dedicacións exclusivas, as mesmas que no anterior mandato (incluíndo as do presidente e o vicepresidente) por un importe bruto total de 1.193.986,85 euros anuais.
As indemnizacións por asistencia a pleno seguirán sendo de 591 euros, mentres que as das comisións informativas e Xunta de Goberno serán de 370 euros, igual que no anterior mandato. Cando coincida no mesmo día máis dunha sesión dos órganos colexiados terán dereito a percibir unha soa asistencia. O pleno aprobou tamén un total de 27 postos de persoal eventual. Departamento de comunicación / Ver nomeamento de representantes