El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O PPdeG pedirá de novo no Parlamento de Galicia explicacións e dimisións pola Lei do "só si é si"

19-09-2023 15:34:10
Paula Prado (c).

REDACCIÓN | A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, anunciou hoxe que a súa formación presentará unha nova iniciativa no Parlamento de Galicia para pedir explicacións e dimisións pola “nefasta e desastrosa” Lei do ‘só si é si’, aprobada polo Goberno central do PSOE e Podemos, que cualificou como “o maior retroceso nos dereitos das mulleres en toda a historia da democracia española”. 

Facendo referencia ao balance que se fixo público onte sobre a aplicación desta norma, a número dous dos populares galegos recordou que en total son máis de 1.200 os agresores sexuais que viron rebaixadas as súas penas e máis de 120 os excarcerados con anticipación en toda España. No caso concreto de Galicia, as cifras son “arrepiantes”: 56 rebaixas de pena e 6 excarceracións. 

“E todo isto cun Sánchez que aínda di mantén que é o presidente do Goberno máis feminista que tivo España e sen que se tivera producido ningunha dimisión nin asunción de responsabilidade”, afirmou ao respecto Paula Prado mentres recordaba que “o BNG segue defendendo esta lei e non votou a favor da súa modificación no Congreso cando a propuxo o PP”. 

Apelando á dor e o desacougo que todo isto ten xerado ás vítimas de agresión sexual e ás súas familias, a secretaria xeral do PPdeG lamentou que esta lei vaia pasar a ser coñecida como a “Lei da Manada” despois de que se beneficiase a un dos autores deste caso “cando se nos vendeu que a lei ía supostamente a endurecer as penas anteriores”. 

Unhas declaracións que se enmarcan na visita que realizou esta mañá a Comisión de Sanidade do PPdeG á sede da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) na Coruña, coincidindo coa celebración da Semana Internacional das Persoas Xordas. “Seguimos a pé de rúa e en contacto permanente con colectivos e asociacións para coñecer de primeira man e traducilas en medidas alá onde gobernamos”, sinalou Paula Prado poñendo en valor a decisión da Consellería de Sanidade de actualizar a plataforma pola que as persoas xordas poden comunicarse de maneira áxil cos sanitarios dos servizos de urxencias. 

Esta medida porase en marcha no primeiro trimestre de 2024 e garantirá a accesibilidade á atención sanitaria das persoas xordas os 365 días do ano e as 24 horas do día. “Isto é unha boa mostra do compromiso do PPdeG e do Goberno galego coas persoas xordas e un exemplo da nosa aposta porque a nosa Sanidade Pública siga sendo un servizo sobresaínte. Queremos seguir sendo o partido que máis se parece aos galegos e iso só pode ocorrer estando ao seu carón”, concluíu a secretaria xeral. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias